Morte
CATEGORÍAS RELACIONADAS
O bispo Segade Bugueiro e a Man Negra da Torre das Lavandeiras
Hoxe imos referir un fenómeno paranormal acontecido en Murcia no ano 1671, cando estaba de bispo da sede episcopal de Cartaxena-Murcia o ilustre prelado “ terramelidao” Don Mateo Segade Bugueiro, e que deixou un recordo indeleble ó longo dos séculos ó tratarse dun episodio tan extraordinario, que se traduce nunha das lendas máis sonadas da xeografía murciana.
Nace don Mateo na aldea de Trasirexe, na parroquia de San Pedro de San Romao, no actual termo municipal de Santiso (A Coruña), recibindo o sacramento do Bautismo o día 20 de outubro do ano 1605, na igrexa parroquial correspondente, é dicir na de San Román.
Despois de desenvolver diversos cargos no eido eclesiástico, algúns deles moi relevantes: Reitor do Colexio Fonseca ou de Santiago Alfeo, de Santiago de Compostela; Visitador da Diocese de Zamora; Maxistral da Catedral de Astorga; Reitor do Colexio da Santa Cruz de Valladolid; Visitador da Diocese Compostelá; Capelán Maior do Convento da Encarnación de Madrid; Maxistral e coengo lectoral en Toledo; Capelán do Colexio da Nosa Señora dos Remedios de Toledo; fundador da Capela do Santo Cristo do Convento de Sancti Spiritus de Melide (no ano 1651); Arcebispo de México aupado polo rei Felipe IV, quen o propón para titular da Mitra Primada de Nueva España, cando don Mateo contaba con 49 anos de idade; Bispo de León; Capelán e Conselleiro de Felipe IV; Bispo de Cartaxena-Murcia; fundador da Obra Pía de San Antonio de Melide; entre outros cargos.
Recolle Armando Cotarelo Valledor no “Terra de Melide” (Seminario de Estudios Galegos, 1933), no capítulo no que se fai lembranza biográfica de Don Mateo, o seguinte relato que vemos nas páxinas 629-630, que literalmente di así:
“A fins do ano 70 camiñou Don Mateo a Galicia i-en Melide permanecía nos comezos de 1671, acupado na arelada fundación da Obra Pía; mais no mesmo ano regresou á súa diócesis.
Eiquí o agardaba un estrano e misterioso acaescemento que, con tere todo o xorne de unha superchería, din que lle ennoiteceu a vida.
“En 1671, a 19 de octubre, sucedió en esta ciudad de Murcia aquel memorable prodigio de la Torre de las Lavanderas, camino de Churra, en que a las oraciones salía una mano cercada de llamas, y por una ventana llamaba a todos los que pasaban por dicho camino. Lo que sabido por el Señor Obispo determinó juntar todas las comunidades y hacer una procesión a dicho sitio, y pasaban uno a uno y le preguntaban a la mano si era a él, hasta que pasó el prior de Santo Domingo y dijo que a él era. Se confesó primero y le pusieron muchas reliquias, se determinó a entrar y estubo mas de media hora dentro, salió pidiendo tintero y papel, volvió a entrar y estubo otra media hora. No se supo lo que trataron, pero entró mozo y salió cano. Se llamaba el prior FR. Juan Blázquez. Los religiosos de dicho convento no supieron o no pudieron saber nunca nada, solo observaron después que dicho prior tenía mucho cuidado con las lámparas del Santísimo y bajaba todas las noches a media noche, y le veían atizar la lámpara y decir a la llama en voz baja palabras que no comprendieron.”
Continúa referindo Cotarelo Valledor que “tal foi o soado caso da Mano Negra, según o refire o coetán noticiero de Rocamora, anque sin máis datos sexa dificultoso pescudar o ouxeto desta comedia, algún tivo sin dúbeda. Semellante episódeo, atraínte pol-o seu misteiro, foi pesquerido en van do Arcebispo Bispo que redautou sobre del un proceso gardado nos arquivos segredos do obispado. Din que Don Mateo non tivo xa máis sosego e que verosimilmente lle adiantou a morte [...] Don Mateo Segade Bugueiro falesceu, cuasi de repente, no seu pazo episcopal de Murcia na amanecida do 28 de agosto de 1672, contando 66 anos, dez meses e oito días, e cando se cumprían 8 aniversarios da súa entrada en Murcia-Cartaxena”.
Este episodio, do que aínda se garda a memoria na cidade de Murcia, aparece recollido en numerosas fontes bibliográficas, que refiren o acontecemento en diferente grao de énfase e dramatismo, pero que todas elas teñen unha base común, análoga á recollido por Armando Cotarelo Valledor no Terra de Melide, quen bota man de diversas fontes bibliográficas, como “España Mariana” de Fuentes Ponte; do relato titulado “El secreto de la mano” da autoría de Don Julio López Maymón, Deán de Cartaxena en Murcia, publicando o relato na revista “El Consultor de la Familia” con data do 1 de setembro de 1923.
Este relato, como xa se apuntou, está ambientado nunha casona situada nas aforas da cidade de Murcia, na localidade de Churra en plena horta murciana. O inmoble era coñecido como a Torre das Lavandeiras por ser o lugar onde se atopaban aceas de auga que eran aproveitadas para lavar as telas e roupas. Nese ano en cuestión, 1671, comezaron a escoitarse aterradores lamentos e percibirse olores estraños, pero o que máis medo causou foi a aparición dunha man negra en estado de corrupción ou putrefacción e envolta en lume que chamaba polos presentes e que saía por unha das xanelas do caserón. O caso foi comunicado ás autoridades civís da cidade murciana, quen delegou o asunto na autoridade episcopal e concretamente para o arbitrio do prelado da diocese, Don Mateo de Segade Bugueiro, quen nun principio non lle prestou a debida atención. Como o asunto ía expandíndose de xeito exponencial, non remitindo senón agrandándose cada vez máis, o bispo envía a unha comisión para corroborar os feitos paranormais, que lle son confirmados.
Como o fenómeno non remite o prelado acorda organizar unha comitiva, conformada por un total de 10 relixiosos, encabezada por el mesmo, acompañado polo Deán Presidente do Cabido Catedralicio e polos priores dos distintos conventos existentes en Murcia por aquel entón (Franciscanos do Convento de San Diego, Carmelitas de Santa Teresa, Monxes Xerónimos de La Ñora, Franciscanos do Convento de Santa Catalina del Monte e os frades predicadores dominicos, seguidos polos cabidos parroquiais e catedralicios). Así pois, na xornada do 19 de outubro de 1671, provistos de todo tipo de obxectos litúrxicos (portando unha cruz alzada e ciriais) e de reliquias de santos e das Sagradas Formas van en procesión ata Churra, e ó chegar á Torre das Lavandeiras o bispo manda ir desfilando un a un por diante da man negra, quen non deixa de manifestarse ante a presenza dos relixiosos. Ante o paso de cada un deles a man amosa sinais de rexeitamento ata o paso do prior do Convento dos dominicos, o mencionado Juan Blázquez, quen casualmente era o máis novo de todos eles. Tras ser convocado pola man o citado prior da orde dos predicadores, o prelado e os sacerdotes presentes acordan que Blázquez accedida ó interior do inmoble, para coñecer cales eran as demandas da misteriosa man. Despois de ser bendecido polos presentes, e portando unha reliquia do Lignum Crucis, entra na casa grande e permanece nel por espazo dunha hora, saíndo, para sorpresa de todos, completamente avellentado e convertido nun ancián (cheo de enrugas e co cabelo branco). Unha vez interpelado polos presentes rexeita dar explicacións do acontecido no interior do inmoble, posto que fixera o xuramento de non revelar nunca o que alí viu e aconteceu, xa que era condición indispensable para que remitiran por completo os fenómenos paranormais (así deixaron de facerse evidentes os ruídos, lamentos, cheiros pestilentes a carne putrefacta e a xofre, e a presenza da intimidante man negra).
O asunto pasou factura a varios dos presentes, ó bispo Segade Bugueiro foille mirrando a vida, falecendo tan so un ano despois e o prior Juan Blázquez nunca recuperou a xuventude que tiña antes de entrar na Torre das Lavandeiras, chegando a obsesionarse nos anos que lle quedaron de vida en alumar ó Santísimo pola media noite, procurando que para tal efecto nunca faltara o aceite nas lámpadas do templo, probablemente do da Orde da que era prior conventual.
O ilustre prelado melidao falece de xeito repentino no Pazo episcopal murciano no amencer do 28 de agosto de 1972, ós 72 anos de idade, e despois de cumprirse 8 anos como bispo de Cartaxena-Murcia, sendo soterrado no panteón da Capela da Purísima no Trascoro da Catedral de Murcia. Refire o seu biógrafo que foi Don Mateo un home “medianamente outo, algo fraque, osudo, de cor macia, e comol-os cregos do tempo, gastaba bigote e perilla; era de xenio grave e silandeiro e gozou mala saúde”. Tamén conta que foi un home moi piadoso e dadivoso, pero non por vaidade xa que entregaba esmolas sen ostentación pública. Os seus coetáneos refíreno como home moi virtuoso, piadoso e esmoleiro e moi concienciado coa problemática social das dioceses nas que exerceu o seu ministerio episcopal, de feito como refire Cotarelo Valledor, no inverno do ano 1672 houbo unha gran enchente e rebordamento do Segura, polo que o prelado altamente concienciado da problemática que acompañaba a catástrofe natural “dobló laslimosnas,asistió con gran celo a los reparos de la ciudad y sus murallas, y a la reedificación del Arenal, por donde abrió brecha el río Sangonera con el de Segura y destruyeron la ciudad, entrando en ella por partes, tres estados de agua”.
En internet son moi numerosas as entradas sobre este fenómeno da man negra da Torre das Lavandeiras. O denominador común é sempre o mesmo, a pesar de que presentan distinto grao de dramatismo, énfase ou esaxeración, polo que aquí máis ou menos relatamos o asunto da maneira máis concordante, e tamén en consonancia coas referencias recollidas por Armando Cotarelo Valledor no Terra de Melide (páx. 629 e 630), que tamén a recolle Xosé Manuel Broz Rei no libro “A vila de Melide” (páx. 313), que compara a lenda da man negra co episodio do Escribán da Casa de Atá de Toques, aínda que os tintes son diferentes posto que no caso da Casa de Atá o que se aparece é un espectro dun escribán propietario da casa que se presenta amortallado cun hábito relixioso polos camiños da fraga da Capela, tratándose dunha figura máis ou menos recorrente no folclore galego relacionado cun “ruín” e coa práctica de “rachar o hábito”. No caso da Torre das Lavandeiras da localidade de Churra (Murcia), o fenómeno conta con matices diferentes asociados a fenómenos paranormais que se consideraron naquel momento como fenómenos demoníacos e de maldición.
[Artigo, texto e imaxes, realizado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira (Museo da Terra de Melide). Xullo de 2022]
BIBLIOGRAFÍA