Actualizado en data 19/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 072: Os aneis máxicos

Estes días foi a nova máis reproducida. Ao realizar traballos de restauración en santo Estevo de Ribas de Sil descubríronse catro aneis que son parte dos nove que segundo tradición hai agachados no antigo mosteiro e hoxe Parador.

Neste paradisíaco lugar refuxiáronse por medo ao árabe aló polos ss. X-XI nove bispos e na súa memoria quedaron gravadas nove mitras no escudo do mosteiro. Tras as sucesivas mortes, os seus corpos foron resgardados en arcas dentro da propia igrexa, mais co pasar do tempo os restos dos corpos corruptos foron reunidos e tamén os aneis, en cofre de prata.

Pasou máis tempo, abandonouse o mosteiro pero a memoria dos milagres que se verificaban diante da arca cos aneis repetíase desde o s. XIII. Os demos fuxiron con espavento dos corpos posuídos, os cegos recuperaron a visión e quen bebese a auga onde se somerxesen, como soe suceder cos feitos con po de corno de Unicornio, curaban do seu mal.

Apareceron catro. Agora só faltan cinco para completar os nove, o número de Deus e a cifra que lle outorgará ao conxunto a forza mística plena e definitiva.


SerieMicromitos


Publicación: Nós Diario, 9 de decembro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: