Micromitos 215: Grilo, meu grilo!
Cando chegan as calores escóitase a monótona orquestra dos grilos. No Dicionario dos seres míticos galegos dise que viven baixo terra e que hai tres castes: os reis (brancos ou amarelos cun “R” nas ás), os príncipes (cun “P” nos élitros) e os carboeiros. Estes son escuros, dan mala sorte e non se cazan. Os príncipes métense en gaiolas para que “canten”. As grilas disque teñen tres rabos e pola noite convértense en alacráns.
Uns din que é pecado matalos, que dan boa sorte, e outros o contrario. Se escapan das gaiolas dentro da casa, devoran a roupa, e se cantan (refírense aos carboeiros) é sinal de morte.
Bouza Brey rexistrou en Cortegada do Miño un rito chamado “Canto do grilo”. Cando a endeita ou cavada do millo, finais de abril, os cavadores ao rematar a xornada xuntaban as sachas e chantábanas de maneira que os ferros quedasen cara arriba. Subíase enriba un dos cavadores cunha bota de viño e invocaba ao grilo: “Grilo, meu grilo”. Atopar un grilo no medio da sementeira interpretábase como símbolo do espírito do gran. Invocalo e despois sacrificalo aseguraba o froito do ano seguinte.
Serie: Micromitos