Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O hábito do defunto

En Couto do Rego, freguesía de Masma (Mondoñedo), hai un lameiro permanente, verán e inverno, coa lama moura coma os pecados. E e asi porque ali, xa hai moito tempo, pasou un caso que antes de contalo xa estremece.

En tempos houbo o costume de amortallar os defuntos cun habito relixioso e, como é ben sabido, a súa alma pode ir destinada ao ceo, ao purgatorio ou ao inferno. Se a persoa foi mala e é merecente do inferno, o hábito é causa de moitos problemas para o morto xa que non lle está permitido entrar nese terrible antro con ese vestiario.

Enton, ao defunto non lle queda outra ca volver a este mundo ata dar cunha persoa caritativa que o libere del pois os tormentos e as penas que padece mentres tanto son moito peores que estar ardendo no máis profundo dos infernos.

Este tipo de condenados chamanse Ruíns e a operacion de quitarlle a vestimenta, Rachar o hábito. Pero hai que estar moi avisados e, de termos a desgracia de cruzarnos cun destes condenados, hai que facelo con tento pois as consecuencias de equivocarse son tan terribles como que o vivo tería que acompañar ao morto.

Un veciño de Masma morreu e amortallarono cun hábito. E parece que non fora alo moi boa xente en vida pois tivo que volver a este mundo para desfacerse del.

Unha noite apareceuselle a un seu veciño e dixolle:

—Non me tenas medo, compadre, que son eu!

—E que me queres? —preguntoulle.

—Quero que me saques o hábito co que me enterraron; estou destinado ao inferno e mentres non mo saquen, non podo entrar nel. E así non podo andar, que moito padezo.

O veciño non se fiou, fixo ben, e quixo gañar tempo:

—Pois hoxe non vai poder ser.

Aquela noite non houbo máis pero a outra noite o morto volveuse a presentar diante do mesmo veciño, no mesmo lugar, e fíxolle a mesma peticion. E o veciño desta vez tamén disimulou:

—Primeiro quero confesar e preguntarlle ao cura o que teño que facer.

E foi confesar. Entón o cura aconsellouno:

—Tes que levar unha fouce e racharlle o hábito de abaixo a arriba. O morto hache pedir que llo saques por abaixo pero ti dille que por abaixo que non, que llo sacas por enriba. Se llo sacas por abaixo, lévate canda el para o inferno!

A noite seguinte, no mesmo Couto do Rego, presentouse o condenado. O crego que o aconsellara vixiaba a operación a certa distancia e escoitou a voz do morto:

—Compadre, sácame o hábito por abaixo!

—Non, por abaixo non; eu sácocho por arriba!

—Por abaixo, ho! A ti que máis che dá!

—Por abaixo que cho saque o demo!

Entón, o crego, que escoitaba a discusión, berroulle ao vivo:

—Déixao!

E dixo o morto:

—Sácamo como queiras, logo!

E foi indo coa fouce e rachoulle o hábito ata sacarllo por arriba. Foi acabar de sacarllo e estoupar o condenado no medio dunha grande fumareda que deixou un cheiro a xofre de mil demos.

Onde pasou todo isto e onde ainda dura desde entón a lama sempre moura.

♦ ♦ ♦ 

Ilustración de X. Luis Neira Brochs para o libro Cen historias máxicas pola Mariña encantada. Libros Lar, Viveiro, 2020.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: