Morte
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 021: O náufrago santo
Na madrugada do 8 de decembro de 1896 un temporal afundiu en minutos nas Basoñas, Corrubedo, o mercante alemán Salier. Todos afogados. 281 mortos entre os que había rusos, polacos e galegos.
Tres días despois apareceron na praia das Furnas os corpos de tres nenas e o dun home adulto, duns 40 anos, barbado, roxo de pelo, que alguén dixo pertencer ao capitán do Salier, H. Wempe.
Déronlles terra tras da igrexa de Xuño, Porto do Son, entre a herba, nun espazo reservado aos non católicos.
Uns anos despois, non se sabe de certo, os pais de cativos enfermos de diversos aires, raquitismo, anemia, asma e outros males, crendo que aquela tumba era a de san Miguel Arcanxo, patrón da parroquia ao que se lle fai reverencia o 29 de setembro, comezaron a practicar un ritual que consistía en ofrecelos ao arcanxo e despois pousar os seus corpiños espidos enriba da tampa do capitán.
Un ritual que se suspendeu á forza, en data que descoñezo, anterior a 1995.
Mudaron o cemiterio de sitio e os ósos das nenas e os do capitán, H. Wempe, desapareceron.
Xa ninguén sabe onde están nin onde practicar o rito.
«⇔»
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 29 de setembro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero