Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Polo san Brais

Martirio de san Brais (s. XV). Miniatura do Speculum Historiale

Hoxe, 3 de febreiro, día de san Brais, o Servizo de Revisión, Actualización e Defenestración de Refráns Autóctonos tomou a decisión de apartar cautelosamente da circulación o que di “Por san Bras, a cegoña verás”. Agárdanse informes sobre os efectos do cambio climático no refraneiro popular, especialmente cando mesturan o santoral con movementos migratorios da fauna.

Coas cegoñas, que xa non van nin veñen senón que sempre están, chegan as primeiras romaxes de febreiro como a de santa Bríxida, a da Candeloria e esta de san Brais. Tamén esperta do seu sono invernal o oso, pero ese é outro conto.

Brais deriva de blaesus, alcume relacionado coa tartamudez. O Brais que chegou a santo foi bispo en Armenia no s. IV, ademais de curandeiro ou médico. O que lle deu sona de dador da saúde de gorxas é a lenda que afirma que librou de morte a un neno en perigo de esganarse cunha espiña de peixe. Un par de cirios postos en X obraron o milagre.

Brais foi eremita e desbravou lobos como san Froilán pois obrigou a unha destas feras salvaxes a devolver o cocho que lle roubara a unha pobre muller. A agraviada agradeceullo, debían ser días de Antroido, obsequiándoo coa cachola e outras partes do porco xa salgadas e curadas.

Foi martirizado, sometido a tormentos e, por fin, decapitado. Unha curiosidade, un modernismo inesperado na haxiografía dun mártir tan antigo explica porque a súa imaxe adoita vestir zapatos charramangueiros. Segundo din os que saben de iconografías, cando a Virxe despois da corentena do sobreparto sentiu vergoña de que a mirasen ao entrar no templo vai san Brais e calzouse con zapatos de cores rechamantes e diferentes en cada pé para que se fixasen nel e non turbasen a timidez da santa Nai.

En Vilaxoane, en Foz, a xente devota frega a gorxa da imaxe do santo cun pano e logo, ao tempo que pasa o trapo pola propia, pide “San Brais bendito cúrame a gorxa e mais o apetito”. Tamén se bendicen uns bolos que a xente come e leva para que coman os da casa.

En Monforte hai unha reliquia, un anaco dun óso, de san Brais. En San Vicente do Pino bendicen as roscas e as cintas —azuis os homes e rosas as mulleres— coas que as atan e que logo penduran dos pescozos por termo de nove días para que, por maxia de contacto, dean protección a esa parte anatómica.

Na Colexiata do Sar en Compostela tamén bendicen bolos e roscas nesta data e en San Paio de Antealtares o sancristán pon unha vela en forma de U arredor do pescozo do oferente.

Avisamos! Comer fabas o día de san Brais provoca treboadas e ventadas todo o ano, crenza que pon en relación o rito romano de acougar as ánimas dos mortos chamadas lémures e larvae —as máis perigosas— botando para atrás e por enriba do ombro fabas negras.

Menos mal que o refraneiro pon un punto de alegría neste día ao asegurar que “Polo san Brais teñen os días dúas horas máis”. Aínda así, o SRADRA advirte que de resultaren falsos este ou outros refráns, tomaranse medidas para evitar o desprestixio do corpus paremiolóxico tradicional. No ruxerruxe dos curros políticos non se fala doutra cousa.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 3 de febreiro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: