Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Morte

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O vivo que viaxa en ataúde

Aínda hai poucas datas que Xosé Vila publicou no blog 'Chamoso' [https://chamoso.blogia.com] co título "Un caso que ocurrio hace ya años" o relato dun sucedido que tivo lugar pola década dos 40 do século pasado.

A Sindo, veciño dunha aldea do concello da Fonsagrada morreulle a nai e, como era costume naquel entón, viaxou a Lugo mercar o ataúde para enterrala. Fixo a viaxe no coche de liña da empresa Veiga-Caldeiro, hoxe Her-Vei S. L.,. Mercou o cadaleito que se cargou na baca do autobús e agardou a hora de regreso.

Daquela os autobuses levaban unha baca descuberta onde, ademais de cargar as mercancías, tamén tiñan bancos de madeira por se os viaxeiros non collían a cuberto. Aínda que á maioría non lles gustaba ir alí enriba, pois pasábase frío e en caso de accidente eran sempre os peor parados, a Pepe de Paradavella gustáballe ir na baca. E aquel día, como acostumaba, subiu o primeiro e como comezou a chover, destapou o ataúde e meteuse dentro. Detrás del subiron nove persoas máis.

A viaxe foi do máis normal, sen sobresaltos, ata que Pepe de Paradavella, á altura das voltas de Paderne, quixo saber se aínda seguía chovendo ou non. Levantou lixeiramente a tapa do cadaleito e sacou unha man fóra para comprobalo.

Foi ver a man e os nove pasaxeiros tirarse do autobús co medo que colleron. Disque houbo varios feridos graves e que o suceso aínda se lembra hoxe como verídico por aqueles lugares.

[Recreación do relato "Un caso que ocurrio hace ya años" publicado en [https://chamoso.blogia.com] o 5 de novembro de 2019]

Outros casos

A pouco que un o procura, axiña descubrimos que este tipo de sucedidos con apenas variacións, agás obviamente as localizacións, recréanse por toda a xeografía peninsular e sempre, xa ora, acontecidos naquel tempo xa case mítico en que os autobuses tiñan baca descuberta..

Cóntase da mesma maneira en Estremadura, Asturias, Aragón, Cataluña, León, Canarias... e tamén en Portugal. De cando en cando o sucedido tamén se recrea en obras literarias como fai Alonso Zamora Vicente no relato “Goyito, tirador de pecho” da súa obra A Traque Barraque, facendo morrer como consecuencia do susto a Dosinda, unha ama de cría de Mondoñedo.

En La Voz de Galicia (3 de marzo de 1959) publicábase un chiste co mesmo tema, aínda que con diferente posta en escena.

—Un cigarro? —Preguntou un turco que viaxaba na baca dun autocar a un amigo sentado cabo del.

—Eu tamén fumaba un! —dixo unha voz que procedía dun ataúde que ía na baca.

Os dous amigos espantados saltaron do coche en marcha e feríronse gravemente. A voz era a dun viaxeiro que para non pasar frío na viaxe se metera dentro do cadaleito.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: