Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A ánima en coiros

En San Vicenzo dos Vilares, Guitiriz (Lugo), vivía unha muller máis ruín cá fame, máis mala cá peste. Dise que tiña barba coma os homes e que ameigaba xente e gando ata matalos.

Cando morreu nin un só dos seus veciños chorou por ela, nin ao enterro lle foron, nin unha misa lle deron. Morta e ben morta debera levar xa moito tempo aquela malvada.

O peor é que a vella non morreu, ou polo menos non o fixo de todo. Desde aquela a súa ánima anda en coiros por entre as casas da parroquia e á media noite ponse a ladrar tal que unha cadela adoecida.

Hai quen asegura que ese é o castigo que lle corresponde polos pecados cometidos pero tamén hai quen pensa, se cadra con máis tino, que a vella segue facendo das súas e que os realmente castigados son os seus veciños que teñen que aturar ver o seu espectro espido e peludo mentres ladra quen sabe que fatídicas maldicións.

[Texto extraído  do libro “Arrepíos e outros medos. Historias galegas de fantasmas e de terror”, da autoría de Xosé Miranda e Antonio Reigosa, Ed. Xerais, 2004]

Nota: En A carón do lume, recolla de literatura popular dos alumnos do Real Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, Citania, Lugo, 1999, vén unha versión desta historia, referida a unha muller que vivíu na parroquia de S. Vicenzo dos Vilares, en Guitiriz (Lugo).


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Gústame moito a historia. Penso que hoxe hai moitas ánimas en coiros dándonos polo cu. Grazas. T5

Enviado por José María Máiz Togores o 17/08/2024 ás 11:08:29


Enviar comentario a este artigo: