Morte
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Vedoiros e vedoiras no Vicedo
Os vedoiros e vedoiras son persoas que posúen o poder de "ver" ou de adiviñar a presenza da morte ou dalgunha desgraza, triste facultade reservada a aqueles que foron bautizados con auga bendicida utilizada nun enterro, ou porque o cura que lles administrou o sacramento do bautismo levaba posta unha estola que utilizara para o mesmo fin.
No lugar chamado O Concello, O Folgueiro-Suegos, concello do Vicedo (Lugo), paseaba unha muller e un home. De súpeto, a muller, con sona de vedoira, díxolle ao acompañante: "Amaina o paso que aí vén un enterro". El, alporizado, respondeulle que se deixara de lerias, que non cría nesas parvadas. A muller profetizou: "Da túa casa vai saír". Esa mesma noite morreu a esposa do incrédulo.
Preto do anterior, no lugar da Encrucelada, unha muller, ao apercibir unha morte próxima na parroquia, advertiu á nora que a acompañaba: "Levanta a man que aí vén un enterro".
En Mosende contan que un home viu que ía morrer unha veciña, asegurando que ao enterro asistirían tres curas en vez dos catro que se tiña por costume, prognosticando, ademais, o lugar por onde había discorrer o cortexo fúnebre. En efecto, aos poucos días morreu unha persoa na parroquia. A familia removeu ceo e terra para conseguir un cuarto sacerdote, pero todas as tentativas resultaron inútiles. O día do enterro, en vez de levar o cadaleito polo camiño habitual, quixeron facelo por un atallo, mais, ao chegar á metade do percorrido atopáronse con que o camiño estaba inzado de lama, obstruíndolles o paso. A comitiva tivo que dar a volta e pasar, como era tradición, polo camiño de sempre, onde se ergue a Cruz do Calvario.
Unha muller do Vicedo Vello adiviñou con tres meses de antelación que na Ponte do Barqueiro-O Vicedo ía correr sangue. E así foi, tres meses despois estalou a Guerra Civil. A primeira acción de guerra foi a colocación dunha bomba para impedir o paso ás forzas golpistas que culminou co enfrontamento entre veciños e gardas civís leais ao goberno lexítimo da República e os sublevados. Co paso do tempo, xa co terror instalado no país, os fascistas asasinaron na ponte a decenas de homes e mulleres.
Na Tarroeira, parroquia de Santo Estevo do Vicedo, había unha vedoira que, se alguén a miraba por riba do seu ombro esquerdo, tamén podía ver a morte.
Ademais das persoas, tamén hai animais que "ven" a morte. No Muronovo, parroquia de Negradas, cando as vacas ou os bois se negaban a ir por un camiño era sinal de que por alí pronto pasaría un enterro. En moitos casos, por moito que mallaran neles, sequera querían saír da corte, presaxio que anunciaba a morte dunha persoa da casa.
En San Román do Val e Suegos din que cando un can ouvea "hacia onde pon o cu, pon a desgraza".
En Santa María de Cabanas quen anuncia a morte é a "Pastoriña", un animal, habitualmente un can, que se lle aparece á persoa elexida á que segue a todas partes, para logo desaparecer.
Cando unha pega voa ao redor dunha casa onde hai un enfermo é sinal de que non tardará en morrer. Se move o rabo continuamente presaxia mala sorte, en troques, se vai saltando é signo de boa. O seu canto tamén anuncia unha noticia, boa ou mala.
No municipio do Vicedo hai un dito que moi preciso sobre a capacidade adiviñatoria desta ave: "Hacia onde pon o rabo, deixa o recado". Cando camiñan xuntas e miran para un mesmo punto, anuncian unha morte; tamén cando golpean co pico a contra ou o cristal da ventá.
En Mosende, Riobarba e Suegos, din que cando cando dous ou máis corvos camiñán á par anuncian, en primeiro lugar, a morte dalguén, e, pola outra, o número de curas que oficiarán no enterro. Cando un corvo pousa preto dunha casa e gralla "carro, carro, carro", vai haber un defunto.
Tampouco trae nada bo cando a curuxa canta coma o galo.
[Información remitida por Xabier Moure Salgado, de Pontide, Suegos, O Vicedo (Lugo), en abril de 2009. Fonte: José Insua (Riobarba), Dolores Fanego, Elena Fanego, Roberto Fanego (Suegos) e Manolo “O Asturiano” (Mosende)]