Actualizado en data 10/09/2026

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A espiritada de Bustelo

El Correo Gallego, de Ferrol, do 26 de marzo de 1925 trae a nova. O título da información xa é ben orientativo: «Otro fenómeno psíquico. ¿Histerismo o neurastenia? Nueva 'espiritada'». Asina a información, datada en Bustelo, Mandiá, o 25 de marzo, “Un testigo presencial”.

O que imos narrar sucedeu na igrexa parroquial de Mandíá, concello de Ferrol. A protagonista, á que cualifican de médium, é unha muller nova, casada, separada do seu marido e nai dunha nena de oito anos. A muller, da que non se dá o nome, vai acompañada dunha veciña e comadre que é quen di que a enferma leva cinco anos doente a causa dun susto. E que desde entón non asistiu á misa.

Porén, o domingo anterior (22 de marzo) presentouse na igrexa á hora da misa pola súa propia vontade, na compaña da comadre, dicindo: A ver se me deixa en paz o que me atormenta!

Antes de acudir á igrexa, a muller xa fora consultar cun curanddeiro coñecido como 'O monxe', de Narón, un antigo estudante de crego “dedicado a explotar la humana ignorancia y la fanática superstición, mediante exorcismos”. Como non mellorou do seu mal, a enferma rexeitouno dicindo que a súa estola non tiña virtude ningunha porque non estaba bendicida, o propio curandeiro recoñeceu que non podía con aquel espírito, que era máis forte ca del.

Segundo o narrador, a muller padecía “ataques de parálisis con caracteres catalépticos, interrumpidos por bruscos, instantáneos movimientos impulsivos con desarrolo de fuerza extraordinaria”. Ao entrar na igrexa fraqueáronlle as pernas como se algo llo impedise mais, ao fin, penentrou.

Cando comezou a misa, o corpo púxoselle ríxido como se fose de aceiro, inclinábase a un lado, estaba inmóbil como se estivese cravada ao banco onde sentara. Os ollos moi abertos, sen reaccionar a nada do que pasaba arredor.

Así estivo ata que rematou a misa. Despois, o cura que oficiaba, ao ver xente congregada arredor da moza, achegouse e, crendo que se trataba dun desvanecemento a causa do frío, ofreceulle unha copa de coñac para reanimala pero antes de que o líquido tocase os labios da enferma, esta soltou un puñazo. Non se precisa se alcanzou a algúns dos asistentes.

Unha devota, sen que a enferma se decatase, botoulle por riba da cabeza unhas gotas de auga bendicida. A reacción da enferma foi instantánea. Revólveuse e arrincou o cabelo alí onde caeran as gotas. Outra freguesa púxolle nas costas unhas medallas e un rosario, e a enferma comezou a berrar con estridencia. Cando a muller se foi calmando, volveron a poñerlle as medallas pero xa non reaccionou con violencia.

Sacala da igrexa foi un traballo laborioso. Tres persoas non foron capaces de desapegala do banco onde sentara. Saiu cando ela comezou a cabecear e coa axuda de dúas mulleres que a colleron polos brazos e polas pernas.

O autor da información asegura que só refire o presenciado alí. Sopréndese do extraordinario do ataque e da sensibilidade da muller ao esparexerlle as gotas de auga bendita, para rematar preguntándose se o que viu era unha farsa ou unha enfermidade e cal: histerismo, neurastenia, autosuxestión?

El Compostelano do Santiago de Compostela do 27 de marzo do mesmo ano reproduciu, con puntos e comas, a mesma información.

© Antonio Reigosa (Galicia Encantada)


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: