CATEGORÍAS RELACIONADAS
Un demo no corpo dunha moza de Castrelo do Miño
Lemos na Gaceta de Galicia (Santiago, 10 de marzo de 1904) unha información extraída do Diario de Pontevedra, que este, á súa vez, cita como procedente de El Ribadaviense e que leva por título !Demonios en el cuerpo!
O día primeiro de marzo en Santa María de Castrelo de Miño (provincia de Ourense) presentouse alí, ao parecer, unha moza duns 17 anos da que se descoñecía o nome e a procedencia, dando berros e pronunciando con voces desfiguradas. O máis soprendente é que a rapaza berraba como se as voces lle saísen de dentro do corpo sen necesidade de mover a boca nin os labios.
A moza tiña tanta forza que resistía a que facían máis de 20 homes, e soprendía que pronunciase os nomes, apelidos e habitación de todos os presentes.
Xuntáronse rosarios, crucifixos e outras cousas, e ao pouco tempo séntiuse unha voz alta e desfigurada que dicía “A buen sitio has venido” e “Ahora me marcho para meterme en una hija del teniente de la Guardia Civil de Pontevedra”. E a seguir, a moza expulsou pola boca unhas cousas negras descoñecidas e que os veciños do lugar conservaron.
Sábese que a moza conseguiu recuperarse, aínda que moi debilitada e sen coñecer a ninguén dos que antes coñecía. Amais da veciñanza, personouse no lugar o xuíz municipal.
Interpretan os redactores da nova que a o demo deixou tranquila a rapaza.
Ver texto orixinal (en castelán), en Gaceta de Galicia, núm. 54. 10 de marzo de 1904.
©Antonio Reigosa (galiciaencantada.com)






