CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 217: Cheira a cera queimada
Entre os avisos que se di anuncian a morte de alguén da familia ou da veciñanza consiste en percibir o cheiro a cera queimada. Sobre isto podo contar o que me pasou cando eu andaba entre os oito e os dez anos. Sucedeu na miña aldea, en Zoñán (Mondoñedo).
Resulta que unha veciña nosa, case porta con porta, que se chamaba Lola deu a luz unha nena e parece que a criatura non chegaba a este mundo con moita saúde, segundo lembro que se comentaba na miña casa.
A cousa foi que ao día seguinte ou a ao outro máis, eu fun cando o meu avó alindar as vacas a un pasteiro algo distante das nosas casas. Ao regresarmos, ao pasar pola congostra do Carballiño, un camiño fondo e escuro aínda que fose ben día, eu sentín un cheiro forte a cera ardendo. Naquel instante, vese que eu xa escoitara falar do que significaba aquel cheiro sen ter unha candea ardendo diante, pensei no que puidera pasar.
Cando chegamos á casa, confirmouse ou que eu sospeitara. A nena de Lola acababa de falecer, probablemente xusto no intre no que eu percibira o cheiror.
Serie: Micromitos






