Actualizado en data 06/02/2026

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 123: A man do morto

Cóntao L. Carré en Contos populares da Galiza (Porto, 1968), que o escoitou en Almeiras, Culleredo. Unha muller xa maior debe substituír a nora, que se pon mala de repente, e recoller o leite polas casas da aldea para levalo á vila.

Dorme mal, érguese antes do amencer e des que muxe ponse en marcha. O camiño é costento e ten que pousar, mais, tras a parada, xusto a carón do adro da igrexa, cando quere erguer non pode. Unha e cen veces que o intenta non o consegue. Se houbese unha alma para me axudar! —pensou.

Nese preciso instante, un cabaleiro, sen mediar palabra, axudoulle a erguer o cesto pero cando se revirou para darlle as grazas, xa desaparecera.

Cando chegou á vila, ao pousar viu entre os xerros unha man branca como de morto, sen sangue, que axiña recoñeceu como do cabaleiro que lle valera no camiño.

A muller non soubo contar onde nin como pasara o día. Cando chegou de volta á casa xa anoitecía. Viña enferma, aterecida, arrepiada. A partir de aquí, a súa saúde foi mirrando e aquel inverno morreu.

Era, claro está, a man dun morto que chamaba por ela para o Outro Mundo.


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 20 de febreiro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: