Actualizado en data 24/01/2026

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

nº 22 (2026) SOLLA, Calros: Mari Diz: Deusa do viño e Deusa Nai da Terra de Montes

Os testemuños que o investigador vigués Afonso Rodríguez obtivo hai trinta anos na aldea da Candosa (O Irixo) arrequecen o aparato lendario desta nosa deusa primixenia

© Calros Solla

A aldea da Candosa (O Regueiro-O Irixo) sitúase a pouco máis dun quilómetro e medio –cara ao nordés– do Marco das Tres Mitras (ou Mesa dos Bispos), mollón fincado nas Antas de Lebozán (Beariz), estrema das comarcas de Montes e O Carballiño (no ant., deslinde das xurisdicións de Montes, Deza e O Orcellón).

Afonso Rodríguez González, vicepresidente da Comunidade de Montes de Coruxo (Vigo), é un ser humano bo e xeneroso e, asemade, unha persoa sabia. A súa sabedoría forxouse no transitar afábel polas vereas e corripas do mundo, na súa escoita paciente e curiosidade insaciábel, na súa maneira de preguntar e estar calado. Quixo o destino que a súa curricaina o trouxese hai trinta anos polos carreiros de Montes –cara á fin da década dos noventa–, cando o alzhéimer do despoboamento aínda cursaba o seu estadio inicial.

O seu providencial paso pola aldea da Candosa e a súa largueza á hora de compartir o froito das súas conversas cos naturais permitíronme –entre outras achegas– obter un retrato máis completo e suxestivo da personaxe de María (ou Mari) Diz “Viz” (enténdase: Vide, “cepa, videira”): encarnación dunha deidade primixenia, alegoría agropecuaria, facedora do viño, gardiá do noso celme, a deusa nai da Terra de Montes. Non desacouguen, a tradición xustificará o porqué de tales afirmacións. Xaora, o aparato lendario desta divindade pagá supera en beleza e miolo o de calquera das deusas (advocacións marianas e outras “santas”) do credo oficial.

Recreación da deusa Mari Diz

Ao respecto da Mari vasca, J. M. de Barandiarán (1924) escribiu: Hay un genio (de sexo femenino...) que ha logrado acaparar muchas funciones que han sido atribuidas a diversos seres míticos en otros países. Es considerado como jefe (jefa) de los demás genios. Entre los componentes de sus nombres actuales, el más antiguo parece ser “Mari”. Este vocablo, que en algunas partes del país significa señora y que en este sentido se aplica al parecer al personaje mítico de que hablamos, va acompañado del nombre de la montaña o caverna donde, según las creencias de cada pueblo, suele aparecer el genio ... Nosotros le llamaremos simplemente “Mari”, como lo hacían los pastores de Urquiola que, al mostrarme desde el prado de Zabalaundi, sito al pie del pico de Amboto, una de las cuevas de esta sierra, me decían: “ara or Marijen kobia” (“he ahí la cueva de Mari”).

Nada é superfluo na haxiografía da nosa María Diz Vide. O seu nome –María ou Mari– é antropónimo de nume primitivo (Mari) e é o nome propio da Virxe, a “deusa” oficial (María, do hebreo Maryam, e este do exipcio). O seu primeiro apelido –Diz– asóciase en Cerdedo a lugares acugulados de maxia: o montecelo de Castrodiz, olimpo da mitoloxía popular, en cuxa cimeira se debuxa a estrema das parroquias de Castro e Figueiroa (en documentación antiga: Castrobó; talvez renomeado en atención ás súas fabulosas calidades); ou a chancela do monte do Seixo coñecida polo Chan de Urdices (pronunciación rótica de Os Dices), ao que fai referencia o dito: “No Chao de Urdices, de ouro son as perdices”. O segundo dos apelidos –“Viz”– é, sen dúbida, deturpación castelanizante de Vide (cepa, videira), a semellanza do apelido Cadavide (grafado Cadavid ou Cadaviz). O apelido Viz rexístrase nos concellos circunstantes, non se consignando no máis do país (fonte: “Cartografía dos Apelidos de Galicia”).

Os testemuños recadados por Afonso Rodríguez, que deseguido reproducirei, postulan a María Diz Vide como deidade do viño, deusa viñateira: xenio agrícola proporcionador da planta (Vitis vinifera), despois transferida de xeito prometeico ás terras do Ribeiro; xenio elaborador da bebida sacra –obxecto de arcana transubstanciación–, libada como sangue dun deus trinitario na cerimonia inaugural da catedral compostelá (1211), centro espiritual do reino da Galiza; diva xeratriz do camiño dos arrieiros, itinerario comercial do viño do Ribeiro. Á luz do que se expón, os promotores da ruta non deberan pasar por alto A Candosa, foco do mito concibidor.

A personaxe lendaria de María Diz “Viz” (Mari Diz) adobíase cos atributos do viño (bacelos, acios), potencia análoga á dos deuses Dionisio (Grecia) e Baco (Roma), que nos adeprenderon a súa elaboración e culto; e relacionada coa exipcia Hathor (a vaca), deusa da música, da ledicia e da embriaguez; e coa hindú Varuni, deusa da sabedoría e da bebedeira.

Arredor do Coto Costoa (Cerdedo) aparécese María Mighez

Información recollida na primeira visita á Candosa (xullo de 1997):

“Na Candosa faláronme de Mariadiz e mais da súa irmá. Eran dúas mulleres, dúas irmás que proviñan dunha familia rica, que chegaron a aquel lugar, perto da Candosa –o Val de Mariadiz–, e pararon fronte a unhas paredes, uns fraguizos que se chaman As Pombeiras, unha zona moi escarpada. Estas mulleres viñan fuxindo dos mouros, ‘escapadas dos mouros’. Traían con elas un tesouro –os haberes da familia?–, que o foron enterrar no lugar onde finalmente se esconderon. Viñan perseguidas polos mouros que, naquel tempo, estaban a invadir todo –confusión entre os mouros míticos e os históricos–. Chegaron á Candosa, no curso alto do río Deza, e alí agacháronse nunha devesa, que despois pasaría a chamarse a Devesa de Mariadiz. Esta devesa, segundo me contaron aqueles veciños, está situada nunha zona bastante recollida; está nunha zona fonda, pois, cando os montes dos arredores (o Testeiro, o Candán, o Coco...) se cobren de neve, moitas veces naquel recullo a neve non calla; tiña un microclima bastante particular. A propia Pena de Mariadiz, a boca da cova, está orientada cara ao sur (Afonso Rodríguez pernoctou en varias ocasións na cova de Mariadiz, cavidade da devandita pena).

Naquela visita, conversando cos veciños, alguén me deu o nome completo de Mariadiz, incluído o segundo apelido. O nome completo sería María Diz “Viz”. Mariadiz e a súa irmá construíron unha cabana na chamada Devesa de Mariadiz; unha vivenda moi rudimentaria, unha casiña moi pobre, semellante a un cortello; e na outra banda do regueiro, nunha pequena corte tamén feita por elas, era onde recollían dúas vacas que trouxeran canda elas na súa fuxida. As vacas chamábanse a Gharrida e a Cotela. E coas enchentes invernais, cando o regueiro crecía, as vacas e as súas coidadoras quedaban incomunicadas. Mariadiz e a súa irmá quedaban nunha beira e os animais quedaban na outra. O chocello das vacas sitúase ao pé do regueiro que baixa das minas da Gharota, unhas antigas minas de estaño.

Como dixen, estas mulleres trouxeron dúas vacas, e alí se estabeleceron. Pero os mouros acabaron dando con elas. Algún veciño da Candosa se decatou do feito; alguén que pastoreaba o seu rabaño nas inmediacións oíu os berros de auxilio daquelas mulleres, ou os de Mariadiz. O caso é que esta persoa, visto o que estaba a acontecer, convocou os máis veciños a unha asemblea, convocounos a concello facendo soar un corno ou buguina.

Este home, diante dos veciños reunidos, informounos do caso recitando uns versiños: ‘...A Gharrida na caldeira,/a Cotela, andan detrás dela...’. Interprétase que os mouros deran coas vacas, e unha xa a puxeran a cocer para comela, e a outra aínda a estaban a perseguir. Os veciños da Candosa pronunciaban o nome de María Diz todo xunto, de cor: ([marja’ðiθ]), así era como o pronunciaban. Os veciños dixéronme que a Mariadiz tivera un fillo, non se sabe de quen, pero que tivera un fillo e, un día, este fillo, preocupado polo seu destino, preguntoulle á súa nai que sería da súa vida cando ela faltar. Mariadiz respondeulle que, cando isto pasase, debía agardar á amañecida de San Xoán e subir ao alto da serra, ao alto do Testeiro, e dende alí, observar onde pousaba a néboa, ‘onde estaba a néboa apousada’, e que alí debía marchar a vivir. E así foi. Morta Mariadiz, o fillo subiu ao alto do monte e divisou que a néboa pousaba no Ribeiro, sobre Ribadavia, e para alí marchou. Contan que aínda hoxe en día, en Ribadavia, viven descendentes deste rapaz, fillo de Mariadiz, que conservan o apelido Diz (A “Cartografía dos Apelidos de Galicia” mostra que a presenza do apelido Diz é relevante na Terra de Montes).

Tamén contaron que quedan algunhas pedras da casiña onde vivían as irmás, e que alí aínda está agachado o tesouro, o tesouro de Mariadiz, o tesouro que ela e mais a súa irmá conseguiran librar dos mouros.

Dixeron así mesmo que, en tempos, quizais por mor dese microclima benévolo do que goza o Val de Mariadiz, había moitas froiteiras cultivadas e que mesmo había viñas. No ano 2001, polo Entroido, volvín pola Candosa, e demandeille a aquela xente información sobre as tales vides. Os veciños afirmaron que das uvas do Val de Mariadiz saíra o viño co que se oficiara a primeira misa celebrada na catedral de Compostela”.

Información recollida na terceira visita á Candosa (xaneiro de 2003):

“Mariadiz deulle nome ao val –Val de Mariadiz–, deulle nome a unha pena –Pena de Mariadiz–, ao terreo chan onde construíron a casa –Campo de Mariadiz–, á devesa frondosa –Devesa de Mariadiz–, e dálle nome a todo en por xunto: Mariadiz (véxase o Topográfico).

A Devesa de Maridiz (O Regueiro)

Os da Candosa datan a chegada de Mariadiz e da súa irmá no tempo dos mouros. Repetíronme que existían unhas paredes semellantes a un cortello, que eran as ruínas da casa na cal viviron estas mulleres. Baixo unha das paredes, en concreto na esquina de cara ao norte, estaría enterrado o tesouro de Mariadiz –eles dicían: ‘o tesouro encantado de Mariadiz’–. Tamén reiteraron que Mariadiz proviña dunha liñaxe rica, e que moita xente tiña ido a aquelas paredes a escavar na procura do tesouro, pero que ninguén chegou a dar con el. Repetiron que do outro lado do regato se ven os restos dunha canteira –debe ser a tal mina da Gharota–; alí sobresae unha agulla, un lampión de pedra –de xisto–, e baixo esta pedra resgardábanse as vacas de Mariadiz cando viñan as enchentes. A casa das irmás Diz foi construída no chamado Campo de Mariadiz. Este campo estaría a maior nivel ca o regueiro, para afastarse da humidade, e nunha zona chá situada no seo dunha carballeira: a Devesa de Mariadiz.

A carón dos restos da casa de Mariadiz conservábase unha maceira. Un veciño da Candosa, con quen falei, díxome que desa maceira el cortara unha póla e coa póla fixera un cepillo de carpinteiro co que aínda traballou ben tempo alisando na madeira.

Descoñécese quen foi o pai do fillo de María Diz, pero volveron relatar que o fillo estaba preocupado pola súa sorte, así lle faltasen a nai e mais a tía, polo que lle pediu consello á nai. Mariadiz díxolle aquilo de subir ao alto do Testeiro na amañecida de San Xoán e todo o que xa contei... Como dixen, morta María Diz, o fillo acabou trasladándose á zona do Ribeiro (Ribadavia).

Volveron dicir que, nunha ocasión, dende a Devesa de Mariadiz, se oíu tocar a buguina pedindo socorro ou chamando a concello; alguén se decatara de que os mouros perseguían a Mariadiz. Xa ben non se lembraban os da Candosa de se quen apupaba o corno era a irmá de Mariadiz ou se era un veciño quen o tocaba. Sexa como for, o apupo ía acompañado do seguinte cantar (ou fórmula esconxuradora):

Tutururú!, e dixo así:

Presa e atada me teñen aquí,

na Pena de Mariadiz;

a Gharrida na caldeira

e a Cotela, andan detrás dela’.

Engadiron que, noutra ocasión, veu un cura para tentar desencantar o tesouro de Mariadiz. O tal cura trouxo un libro (quizais, O Ciprianillo) para obrar o desencantamento; mais, non foi quen.

Os veciños da Candosa afirmaron que Mariadiz se aparece na Pena de Mariadiz, xa que alí foi onde a encantaron os mouros.

Nas Antas, en xaneiro de 2005, dunha muller oriúnda da Candosa, recollín que na Pena de Mariadiz vivían os mouros e que nela había un tesouro agachado. Alí na cova viviu Mariadiz co seu home, o Diz, e de aí o apelido da muller”.

Recuncando na Mari vasca (e na nosa Mari de Montes), R. Lacalle Rodríguez (Los símbolos de la Prehistoria, 2011) engade: la Diosa Mari y su ciclo aparece claramente emparentada con la Gran Madre del Paleolítico y su metamorfosis en múltiples figuras o personificaciones de la propia naturaleza divinizada, Mari, en algunas partes del país, significa Señora, y va acompañada luego del nombre de la montaña o caverna donde suele aparecer. Mari es la diosa total, pare o engendra todo ... Los avatares de Mari son sus encarnaciones o formas que adopta. Se produce su metamorfosis en múltiples figuras que son representaciones de las fuerzas telúricas o personificaciones de la naturaleza divinizada...

Levando a auga para o noso muíño, enumeramos as personificacións de Mari Diz: deidade dupla (unha e mais a irmá, parella de vacas: a Gharrida e a Cotela), a vide (acios, bagos, bacelos...), maceira, néboa, enchente, buguina ou corno, cova, tesouro...

...Así, se la puede ver sentada en un carro que cruza los aires (o encanto do Campolongo (A Candosa)) ... o con pie de cabra (a Vella dos Reis) ... En la mitología vasca el principio masculino fecundante se expresa a través del peine de Mari, auténtico empeine o pie animalesco autofecundante de la Diosa ... Se produce una asimilación de la caverna al cuerpo de la Diosa y a su vagina. La caverna es la Diosa, su vientre o su morada...

...Se conocen tradiciones, que han pervivido en forma de leyendas en el folklore, sobre tesoros escondidos en cuevas. Todos estos mitos son reelaboraciones, más o menos encubiertas, de la misma leyenda naturalista de la pérdida o muerte del sol, oculto en la caverna-inframundo y su posterior recuperación-renacimiento, expresado a través de diferentes metáforas: tesoro, oro, anillo, fuego... Existe una asimilación del valor de la inmortalidad, lo eterno, con imágenes referentes al tesoro, el oro, el elixir...

Pola miña banda, a finais dos anos 90, ocupado na recolleita do acervo do monte do Seixo, dei con María Diz (ou Mari Diz). Este era o nome que recibía a moura costureira que afogara no pozo da Muller Morta, a laga pequena das tres que forman o tremedal de Xestido, na penechaira da montaña.

No pozo da Muller Morta, no alto Seixo, afogou María Diz, a moura costureira

A María Diz do alto do Seixo uníase a outras Marías prodixiosas: a María Amena (ou Maria(l)mena), penedo sito na aldea da Cimadevila (Caroi), na lomba de cara á Santa Mariña; e a María Mighez (ou Maramighez) do coto Costoa, entre as aldeas de Biduído e Chamadoira (Cerdedo).

Anos despois, souben polos veciños de Folgoso (Cerdedo) e Ventoxo (Forcarei) que a chamada Serra da Muller aludía a María Diz, que a tiña por súa (quen sabe se a santa Isabel venerada na desaparecida ermida do San Salvador (Acivedo-Millarada) non é avatar da nosa Mari). Tamén, nesa altura, un veciño de Soutelo de Montes (oriúndo da Cerdeira) achegoume novas da personaxe, que me permitiron asociala á renovación do ciclo anual:

Nas aldeas de Ventosela, Os Codesás e A Graña (A Madanela-Forcarei), nos contrafortes do Testeiro, María Diz é unha velliña vella, coa dentame de ouro que anova cada ano. As pebidas dentarias de María Diz van polo regueiro do Porto abaixo, cara ao Deza, e non son poucos os que as teñen procurado e mesmo apañado.

E, entremedias, volvín bater coa Mari-Diz nunha carta que o Padre Sarmiento lle remitira ao seu irmán Francisco Xabier o 18 de xullo de 1759. Eis o fragmento no que o frade lle insta ao seu irmán que saia na procura da planta chamada uva de oso pola contorna do monte do Seixo, non sen antes entrevistarse cunha Mari-Diz:

Hay otra famosa planta para el mal de piedra que se trae de la Alcarria a Madrid. Esta se llama gayuba, y en latín “uva ursi”. Escribí un pliego sobre ella. Si la hay por allá te le remitiré. El modo de averiguarlo es el siguiente: Busca una Mari-Diz y otra rústica de las vecindades del Seixo. La antigua Mari-Diz me hizo venir ahí del Seixo la planta llamada arando y con ese nombre.

A conxunción non é banal se consideramos que a profesora Mª Álvarez Lires, no seu artigo “As mulleres galegas, sabias e laboriosas, na obra de Sarmiento (1695-1772) (Barcelona, 2003), considera esta Mari-Diz unha “bruxa” ou “menciñeira”. Por certo, a uva de oso (Arctostaphylos uva-ursi) empregouse tradicionalmente para o tratamento de enfermidades do sistema xenitourinario e como abortivo; mentres que, no eido mitolóxico, o licor de arandos (Vaccinium myrtillus) é a bebida alcólica inxerida polas bruxas nos aquelarres, para favorecer a súa unión carnal co demo.

Todas estas primeiras referencias apareceron recollidas no meu libro O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo I (2012) baixo o epígrafe: “María Diz: Nome e apelido da céltica Deusa Nai en Terra de Montes”.

Ás devanditas manifestacións da Mari en Caroi, Cerdedo, Folgoso, Ventoxo e A Madanela debémoslles sumar agora o sanctasanctórum da Candosa. No corazón da serra do Testeiro, o santuario rupestre da valiña de Mariadiz –illa de amenidade naquel esgrevio lascaredo– localízase ao socairo dunhas cristas rochosas (afloramentos metamórficos), no noroeste da parroquia do Regueiro (O Irixo), perto de onde conflúen as súas estremas coas da Madanela (Forcarei), Lebozán (Beariz) e mais Zobra (Lalín).

Dende a Mariamena da Cimadevila (Caroi) –ao sudoeste– até a Mariadiz da Candosa (O Regueiro) –ao nordés–, unindo todos os puntos onde obtivemos noticia da deusa, trázase unha liña quebrada de máis de 20 quilómetros de lonxitude. Este trazo atinxe oito parroquias: Caroi, Cerdedo, Folgoso, Ventoxo, A Madanela, Lebozán, O Regueiro e Zobra; e cinco concellos: Cerdedo, Forcarei, Beariz, O Irixo e Lalín.

Converxencia interparroquial nas inmediacións do val de Mariadiz

Contemplamos, pois, a voo de miñato, o ámbito da deusa, a cerna da Terra de Montes, un territorio histórico, singular e homoxéneo que agora ve fortalecidos os seus trazos definitorios co eixe vertebrador da extraordinaria Mari Diz: a Moura Vella, custodia do noso tesouro identitario; ben seguro, un ser mítico primordial ao que por volta do século XVIII se lle outorgaron na comarca –a maior abundamento– o nome e os apelidos dunha “muller boa”, o chamadeiro dunha menciñeira de sona.

Ei montañeses, velaí a cova de Mari!

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: