Actualizado en data 18/06/2025

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

As cantareiras de Mondoñedo

Como saben, a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificándoo en sete mulleres: Pandereteiras de Mens (Malpica), Eva Castiñeira (Muxía) e Adolfina e Rosa Casás (Cerceda). Quizais a mellor maneira de sumarnos a esta celebración é homenaxear como merecen mulleres das que hai memoria nos nosos respectivos concellos ou parroquias que, como as elixidas pola RAG, contribuíron a crear e transmitir lingua, cantos, bailes e músicas.

En Mondoñedo contamos coa nunca debidamente recoñecida obra 'A música en Mondoñedo' da autoría de Andrés García Doural e Moncho García González para coñecer algunhas delas. Libro este, por certo, publicado en 2002 e hai tempo esgotado que debera ser reeditado sen tardar.

A Pachacha era unha cega que viviu no século XIX no Couto de Outeiro, lugar da parroquia do Carme. Tocaba o violín por toda canta romería había polas terras mindonienses e de arredor, mesmo por Castela, Asturias, León e norte de Portugal. Era tal a súa sona que o escritor Patricio Delgado Luaces, 'Xan de Masma', fíxolle un oco na súa novela A Besta –publicada na Habana por entregas entre 1899 e 1900–, onde di que para a festa do San Ramón de Viloalle se contratou ao gaiteiro de Zoñán e “a cega dos Muíños pra rascar no violín a danza, me gustan todas, me gustan todas en general”. O violín da Pachacha herdouno e tocouno a partir dos doce anos, o tenor e violinista da catedral, Enrique Iglesias, 'Enrique das Danielas'.

Canda a Pachacha andaba Toña, unha costureira orixinaria de Labrada (Abadín), curandeira e vedoira que, segundo E. Lence Santar, sabía botar a peneira, levantaba a espiñela de palabra e tiña o don de ver as fachas, a estadea e as almas en pena. Tamén sabía romances, contos e adiviñas que lle recolleu e publicou o propio Lence.

Nas fías e foliadas, segundo os autores do libro sobre a música en Mondoñedo, como a que tiña lugar en Cesuras, parroquia dos Remedios, na primeira metada do s. XX, acostumaban actuar as pandereteiras Esperanza Doural, Manuela e Pilar Fanego, Josefa Crespo 'a Estanqueira', Manuela Ledo e Concha Díaz do Ramoneiro, xunto con outros músicos. Na fía que se celebraba no Espiño, parroquia de San Vicente de Trigás, nos anos de mediados do s. XX cantaban e tocaban a pandeireta, Aurora García, 'a Meilana', Leonor, 'a Xastosa', e Trinidad García. E pola mesma época, máis ou menos, nas fías da parroquia de Santa María Maior era frecuente a presenza das pandereteiras María Gruñeiro, Balbina de Maseda, María Méndez, Clara de Baltasar e Amadora Saavedra que tamén cantaban coplas como esta: “A pandereta non toca / porque lle doe a barriga / hai que lle dar chiculate / como a unha mullere parida”.

Tamén foi frecuente que acompañasen os cegos andantes para vender coplas ou cantar algunhas as súas propias esposas como foi o caso de Matilde, muller do cego de Aldixe ou de Mondoñedo, a do cego do Grove e a muller e incluso a filla, Sabina, do cego de Viloalle.

Das históricas, quizais foi a penúltima, entre outras, Josefa Maseda Otero. Contaba 94 anos en 1990 cando a entrevistou Rubén Leivas. Cantadora, bailadora, pandereteira e menciñeira experta en herbas, levantadora de paletillas e calleiros. Cantas historias de mulleres por contar!


La voz de Galicia-A Mariña, 1 de xuño de 2025

© Antonio Reigosa / Cronista oficial de Mondoñedo


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: