Actualizado en data 18/02/2025

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

nº 21 (2025) SOLLA, Calros: As pedras que saben de nós I)

© Calros Solla 

Escolma de penedos selleiros que, en Cerdedo, arrollan outras tantas redomas enchidas de saber popular 

A Laxamoura 

Na lomba de poñente do monte do Seixo (monte comunal de Meilide), a uns 590 m en liña recta e cara ao sueste da aldea de Meilide (parroquia de Cerdedo) e a uns 2’4 quilómetros en liña recta e cara ao norte do Outeiro do Coto (1.015 m), cimeira da montaña, localízase a Laxamoura. 

O afloramento granítico da Laxamoura abrangue, na actualidade, unha superficie duns 3.745 m2 (aprox., a metade dun campo de fútbol). A peneda da Laxamoura sitúase a uns 625 m de altitude. O desnivel existente entre o pedregal e o casarío de Meilide supera os 200 m. 

A Laxamoura (coordenadas.- X: 551.271; Y: 4.707.963) é o frontispicio do monte do Seixo de face á vilela de Cerdedo. 

Ben seguro, a tonalidade escura da pedra vista, en contraste cos afloramentos do arredor, outorgoulle o chamadeiro. A rocha reve auga boa parte do ano, hábitat propicio para o tapiz de fungos e liques. O líquido chusmiga e discorre polas paredes case verticais do fragueiro que, coma espello, reflicten os raios do sol. O fenómeno apréciase dende a distancia e tómase como prognóstico do tempo borrascoso: “Cando a Laxamoura chora, augha rogha”. 

Amais de arauto do tempo meteorolóxico, a Laxamoura é limiar do tempo cronolóxico, pois, a pena coñécese tamén co apelativo de “pedra da fin do mundo”. Moito se preocuparon os meus confidentes de me advertir que “cando cheghe a hora, estremecerán os montes; o Seixo derreterá coma cera; oiranse as sete voces; escurecerá o sol”; a Laxamoura envorcará do seu asento e, a tomballóns, precipitarase ladeira abaixo, devastando ao seu paso todo o que atope por diante. Este episodio seica se recolle na Biblia, así coma o paradoiro certo dos tesouros, no libro de san Cibrán. 

De seguir unha traxectoria rectilínea, o callimbro acadará de primeiras o rueiro do Campo de Meilide –o Loreto nos garde!–; a seguir, achandará o quinteiro das Raposeiras, boleará veloz pola valiña, pulará polo Campo do Cura arriba, apachocando o templo parroquial e, aterrando estrondoso do seu último chimpo, encaixarase na fondeira do Lérez acá da ponte Valoutas. 

Mentres sobreveña e non a rotura do sétimo selo, ao agocho da Laxamoura, a deidade indíxena da Moura, transfigurada quer en anciá venerábel quer en araña tecedeira ha seguir velando o tesouro das esencias: “No alto vive, no alto mora, no alto tece a tecedora”; ou, mesturando esta tradición coa meteorolóxica: “Que chova, que chova, saia a Vella da cova; a paxariña canta e o día levanta; que si, que non, que chova a gholfarón polas cornas dun castrón”. 

Ben sabemos os rapaces de Meilide que cando o arco da vella camba no ceo do Seixo, a Moura entretense gradeando a solaina das setecores e o seu rico cadal fica expedito para quen, librando a arañeira, ouse botarlle a man. Ai, quen fora novo e non fora tolo! 

A Pena Mamadeira 

Entre os pelados pedrestais do Serrapio (parroquia de Pedre) e o marco do Coto das Antas, estrema co santo Isidro, pasa hoxe inadvertida a Pena Mamadeira. Ao parecer, naquela laxe granítica tallou a providencia co cicel da erosión dous seos túrxidos, ou mesmo a feitura dunha muller completa.  

Vai para dúas décadas, un informante do lugar de Fornelos (Campo Lameiro) faloume da Pena (ou Pedra) Mamadeira e do costume, hoxe obsoleto, de acudiren os homes –mormente, os anellos–, no principiar do ano, a fregar os corpos naqueles peitos petrificados. A usanza tiña por obxecto untarse do celme vital que supostamente desprendía o xacigo, garantíndolles aos ofrecidos “un ano máis de vida”. Dar coa Pena Mamadeira é, deste etnógrafo, materia pendente. 

N’O código da vincha (2012) trouxen a colación o debuxo en cor do fauno que Castelao plasmara na páxina 147 do seu Diario 1921: “deitado na herba, beneficiándose dun dos xenerosos peitos que agroman do chan”. Nesta ocasión, amezo unha acuarela (36x46 cm) que, reproducindo o mesmo motivo e formante da colección “Faunalia”, foi pintada polo de Rianxo en 1941 durante a súa estadía na Arxentina. Engado, para que non quede atrás, que na fronde do Carballo Escuro (parroquia de Folgoso) habita un ser metade humano metade godallo que os naturais nomean Bode ou don Bode. Alegorías da natureza en cío. 

Á Pena Mamadeira do Serrapio e aos faunos de Castelao acáenlles as palabras do dramaturgo Alejandro Casona: “liturgia supersticiosa, viejas raíces paganas hundidas en el musgo de la Galicia ancestral”. 

O Outeiro dos Píos 

Fixando o deslinde entre as parroquias de Parada e Figueiroa érguese o Outeiro dos Píos, tamén coñecido por Outeiro Rachado (coordenadas.- X: 551.269; Y: 4.710.790). O penouco sitúase a uns 540 m de altitude. Que o Outeiro dos Píos é punto de referencia testemuñouse na corrección que en 2018-19 os comuneiros de Parada e Figueiroa fixeron dos seus lindes (mapas.xunta.gal). Curiosamente, pouco antes, en 2017, publicárase o libro O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo, onde entre outros moitos achados, dabamos conta da descuberta do petróglifo do Outeiro Rachado, acaecido en xuño de 2016 (páxs. 233-43). Os de Parada desprazaron a fronteira interparroquial uns 200 m cara ao oeste, asumindo o petón que, amais de elemento sobranceiro na paisaxe, é soporte dun gravado rupestre, marca ancestral e perdurábel. 

Polo que respecta ao petróglifo, achego a descrición que do mesmo facilitei en 2016: “Na parte inferior da rampla rochosa, labrouse un conxunto de 11 coviñas, concavidades de pequeno tamaño (3/4 cm de diámetro) e profundidade, que, unidas cun trazo, semellan unha punta de frecha que apunta cara ao sueste. Así mesmo, a escasos centímetros e nun nivel superior, gravouse un risco curvilíneo de 70 cm de lonxitude e 6 cm de ancho que, a xeito de canle, comunica dúas pías naturais” (Faro de Vigo-Montes, 26-6-2016). 

Botémoslle unhas areas de sal ao asunto. O 18 de febreiro de 1878, o xuíz municipal da Estrada Luís Pastor Sieiro Gayoso –eventual de primeira instancia e, á sazón, irmán do alcalde de Cerdedo Ulpiano Sieiro Gayoso– denuncia o roubo perpetrado na parroquial de Parada na noite do 14 ao 15 do mes e ano en curso. O instrutor pon os santos en novena: “A todas las autoridades civiles y militares y agentes que constituyen la policia judicial ... encargo a las mismas practiquen las más activas diligencias para la busca y captura de los malhechores y efectos sustraídos”. Deseguido, enumeramos os obxectos roubados: “una cruz parroquial, un caliz de plata y dos cajones de ánimas con el dinero que contenían”. 

No dicir da xente, días despois de se publicar nos Boletíns o edicto, todo ou parte do sacumado apareceu oculto nas grechas e fendeduras do Outeiro dos Píos, a 1’4 quilómetros de distancia do templo parroquial. Nada se soubo dos infelices cacos. A cruz guieira fora mala de esconder. 

Estas sécolas lembráronme unha andrómena semellante recollida en dita parroquia. Quen sabe se unha non naceu da outra. A rexouba, que tamén ten como escenario o Outeiro dos Píos, retrotráenos ao tempo da francesada. Poucas as grazas, ensileina no libro O pote do ouro. Novas de tesouros na Galiza (2022, páxs. 118-19): “A finais de abril de 1809, ao tempo que os franceses cruzaban o Lérez pola ponte romana, o sancristán de Parada, ao mandado do crego, agochou as alfaias litúrxicas do San Pedro nunha regaña do Outeiro dos Píos, petouto granítico que fixa a estrema con Figueiroa. Días despois, corridos os gavachos da parroquia, quixo o sancristán recuperar as xoias, mais viuse incapaz de desatoalas do seu escondedoiro: unha bátega enchoupara o metal e este upara até encaixar na grecha. Coñécese que os obxectos (cáliz, copón e patena) foran elaborados nunha aliaxe porosa. Non quedou outra ca contratar os servizos dunha cuadrilla de canteiros que, a por de cuñas e guillos, fenderon o penedo. Dende aquelas, a pedra tamén se coñece por Outeiro Rachado”. 

Continuará...


Febreiro de 2025


Fotografías f acilitadas por C. Solla. Títulos por orde, de arriba a abaixo: 'Laxamoura' (Meilide, Cercedo), 'O fauno mamote' (Castelao, 1941), 'Outeiro dos Píos ou Outeiro Rachado' (Parada, Figueroa).

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: