Actualizado en data 15/01/2025

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Pedro Chosco

Agora apenas falamos das criaturas que nos traen o sono, que tecen e vixían o que soñamos. Esquecémolos como a Familia Telerín da nosa infancia ou os Lunnis que deitaron os nosos fillos.

Tampouco nos lembramos de Pedro Chosco, o personaxe imaxinario que tamén é coñecido entre nós como Pedro Chusco, Pero Chosco, Piro Chosco, Pedro Cego e aínda por outros nomes. Representa, como saben, a personificación do sono, como o Hipno grego e o Somnus romano, e descríbese como un home xa maior, de barbas brancas, con voz grave e maneiras amables.

A súa principal misión, non a única, consiste en visitar as crianzas cando xa teñen un ollo pechado e o outro a medio abrir para acabar de adormecelos con aloumiños e cantos. En ocasións, como sucede con outros seres europeos de similares características, deita un gran de area ou po nas pestanas das crianzas para obrigalos a que as pechen.

Expresións como “Ándalle aí Piro Chosco”, “Éntralle Pedro Chosco” “Tes o Pedro Chosco” ou “Vénme o Pedro Chosco”, entre outras, significan xustamente que se nos pechan os ollos pola acometida do sono. “Chosco” ou “chusco” non quere dicir torto ou birollo senón cegarato ou curto de vista, alguén que progresivamente perde capacidade visual como cando se van cerrando os ollos por causa da somnolencia. Non se pode descartar que tivese un precedente nun lar Ceciegaeco da época galaico-romana.

No cancioneiro popular, amais de aparecer o seu nome en arrolos relacionados co adormecemento das criaturas tamén o fai, mesmo lascivo, entretendo mozas e criadas. Nestes casos dise : “Vaite de aí, Pedro Chosco / non me tentes a criada / nin ma vistes / nin ma calzas / nin lle pagas a soldada“, ou “Aí vén Pedro Cego / saltando nas portas / dicíndolles ás mulleres / que pousen os fusos / que pousen as rocas / zumba no fuso / zumba na roca /zumba na ama / ata que a envorca”.

En Portugal fai a mesma función João Pestana, en Inglaterra e Alemaña o Sandman recreado literariamente por Hoffmann en “O home de area”. Na Inglaterra do norte tamén se lle chama Billy Winker, en Escocia Wee Willie Winkie, Mos Ene en Rumanía e Onemec no Languedoc. Os dinamarqueses teñen o Ole Luk Oie ou Ole Lukêje, que se pode traducir por Ole Pechaollos, e era o que, segundo a recreación de Hans C. Andersen, cerraba os ollos dos nenos para que durmisen. Levaba cadanseu paraugas baixo os sobrazos. Aos que se portaran ben, cubríaos cun paraugas debuxado que lles regalaba ás criaturas imaxes pracenteiras e felices soños; porén, aos que se portaran mal tapábaos co paraugas sen debuxos para causarlles mal durmir e impedirlles soñar.

O poeta escocés William Miller escribiu varios poemas dedicados ao señor do sono infantil, Willie Winkie, entre eles un que me permito traducir: “O pequeno Willie Winkie / percorre a cidade / sobe e baixa escaleiras / coa súa bata de noite / móvese na ventá / e chora xunto á pechadura: / Están os nenos na cama / porque xa son as dez?

Pepe Carballude en Andainas de Pedro Chosco (SM, 1989) achegóunolo mesmo á cabeceira da cama. Tamén Balbino, o das Memorias dun neno labrego de X. Neira Vilas, di, en clara referencia ao ataque de sono que o ronda: “Pedro Chosco rebulíame nos ollos”.

©  Antonio Reigosa


Ilustrac.: Ole-Luk-Oie (http://hca.gilead.org.il/ole_luk.html)

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: