CATEGORÍAS RELACIONADAS
O aquelarre do Pico do Xistral
A voz 'aquelarre' procede do éuscaro (aker 'macho cabrío' + larre 'prado') e significa prado do castrón. En Galicia tamén se lles chama a estas reunións e ao lugar onde se realizan Parlamento das Meigas. Como é sabido, fai referencia á reunión nocturna de bruxas e bruxos presidida polo Demo en figura de castrón.
Nestes xuntoiros presididos polo Demo Maior, as bruxas, que conforman a inmensa maioría de asistentes, renovan os pautos, dan conta da execución dos encargos da reunión anterior e asígnanselles castigos se non cumpriron os obxectivos. Ademais, encoméndaselles novas maldades e receitas de apócemas máxicas axeitadas para desenvolver a súa profesión coa máxima eficacia.
Practican os rituais de submisión bicando o Demo no cu, nos xenitais ou no pé esquerdo, e celebran a Misa Negra. Remata o congreso cunha orxía desenfreada e coa cata de delicatessen tan suculentas como poden ser os pícaros acabados de nacer.
No Pico do Xistral celébrase un dos meirandes Aquelarres dos que hai noticia. Ten periodicidade anual, sempre na Noite de San Xoán, e reúne a toda a bruxaría do norte das provincias da Coruña e Lugo, incluída a Terra Chá.
Na véspera do día de San Xoán, á noitiña, xúntanse no lugar de Monfadal (Mondoñedo), na aba do monte Padornelo, todas as meigas da cunca de Mondoñedo, as de Vilanova e as do Val, e as da Mariña ata Ribadeo.
Ás doce en punto, untadas con touciño e montadas en vasoiras de xibarda (Ruscus aculeatus), collidas da man dereita cada dúas, saen polos aires e pasan por derriba da casa do Villoés de Rego de Cas, soben a Infesta, atravesan polo medio e medio de Cabana de Vella, beben auga na fonte de Espiñarcao e guíndanse no Xistral, onde coas meigas do Valadouro, de Viveiro, de Vilalba, de Meira e doutras partes, fan o reparto das moscas e das pulgas.
Uns de Mondoñedo viron unha Noite de San Xoán como baixaban polo ar de a cabalo de cadansúa vasoira desde o Xistral, Farruca dos Bobolos e a Bolera. Fixeron unha parada no lousado de Perulas, botaban lume pola boca e zoaban como avésporas.
O Demo, de nome Leonardo, aparécese no Xistral, entre as pedras de abalar do Cadramón (O Valadouro), do Pereiro (Alfoz) e de Labrada (Abadín). Ten corpo de raposo, cabeza de castrón, rabo de lobo, e no cu a cara dun home.
Cando se fai o lume de San Xoán, os de Santa Cilla (Foz) din que as charetas que voan son as meigas que van para o Xistral.
Ilustración: El aquelarre (Goya, 1798)
BIBLIOGRAFÍA