Actualizado en data 06/09/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Toña, a vedoira

Segundo E. Lence-Santar e Guitián1, cronista oficial de Mondoñedo, no calexón de Padilla desta cidade vivía en 1903 unha muller xa anciá, chamada Toña. Era natural de Romariz ou Labrada, en Abadín (Lugo). Fora costureira e criada da famosa cega mindoniense coñecida como A Pachacha2. Toña botaba “a peneira”, levantaba de palabra a espiñela, vira “as fachas” na Fraga Vella, a Estadea cabo da casa de Pepe dos Agros e tres almas en pena en Zoñán. Sabía moitos romances, entre eles o da Delgadiña, cantares, adiviñas e contos populares. O propio Lence-Santar recolleu dela as seguintes oracións:

Á Virxe

Cando n-a miña cama me deitei,

seis anxiños atopei:

tres ós pés, tres á cabeceira

e Nosa Señoriña n-a dianteira.

Deume a palabra, dinll'a resposta:

San Xibao é meu hirmau;

San Vicente, meu parente,

que me puxo a cruz n-a frente,

pol-o poder que Dios ten

y-a Virxen María. Amén.

Para librarse do Demo

Adora a Santa Veracruz

y-as tres misas de Nadal

y-o cirio Pascual

y-a Procesión de Ramos

y-arrenega todol-os diaños.

Á lúa nova

Dios te bendiga, lúa nova,

que me non roya can nin cobra,

nin couusa que durma for a,

pol-o poder que Dios ten

y-a Virxen María. Amén

Para curar as queimaduras

O pan pr'a fame, e y-auga pr'a sede, y'o lume pr'o frío. Eisí como estas tres palabriñas son verdade, non cabes, nin queimes, nin ares, e cúrame estas carnes, pol-o poder que Dios ten, y-a Virxen María. Amén.

Para curar o fogo (irritación da pel)

Santa Apolacia, tres fillas tiña, unha, urdía; outra, roía, y-outra, … pol-a iauga iba. Eisi como estas palabriñas son verdade, non luzas, non comas, non probalezas, nin roezas, nin fagas cousas que mal parezas. Te … corto. N-a terra te boto, pol-o poder que Dios ten y-a Virxen María. Amén.

Nota: Esta oración dise tendo nunha man un prato cunha pouca de terra, e na outra, unha navalla aberta, co que, ao dicir “ N-a terra te boto”, faise unha cruz na terra.

A San Bartolomeu

San Bartolomeu se levantou

e as suas maus e os seus pes lavou,

e seu cayado d'ouro pillou,

e pr'o monte camiñou.

Subiu pol-a costa enriba

tocando n-a campaíña.

Atopou a dentelongo (lobo)

—¿A onde colles dentelongo?)

—Vou pra onde hay moitos

becerriños e vacas,

ovelliñas e cabras.

—Ehi che ven Santa María,

cordas novas che faría.

—As alleas velarei,

y-as tuas n-as comerei.

Pol-o poder que Dios ten

y-a Virxen María. Amén.



1Véxase referencia bibliográfica. Segundo o autor, estas notas formaban parte dun libro, entón inédito, que ía levar por título “Guía histórica de Mondoñedo”, capítulo dedicado ao calexón de Padilla.

2A Pachacha era un cega mindoniense, do Couto de Outeiro, que percorreu co seu violín Galicia, norte de Portugal, León e ambas Castelas. O que fora o seu violín posuíao en 1936 o tenor e violinista da catedral de Mondoñedo, Enrique Iglesias, quen o tocaba desde que cumprira doce anos.

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: