CATEGORÍAS RELACIONADAS
A serpe que papa as vacas
Da Pedra da Serpe, en Prédez, Vilarello, concello de Láncara, na que segundo descubriu o Colectivo Patrimonio dos Ancares, existen unha serie de cazoletas, tamén se conta que había unha gran serpe alada que atacaba as vacas para devoralas. A xente daquela contorna non pasaba por alí por medo precisamente a que a serpe os deixara sen vacas.
Non lonxe do lugar está o castro Monte das Penas e o conxunto de petróglifos de enorme interese.
As serpes de tamaño xigantesco son seres monstruosos, devoradores de persoas e animais. Cando se fan vellas nácenlles unha especie de cunchas ou ás que lles permiten, ademais de equiparalas a dragóns, voar e marchar para a serra do Larouco ou para Babilonia dicindo: Para Babilonia vou, malia quen me viu de nova e non me matou.
Aparecen con frecuencia en relación cos mouros, protexendo os seus tesouros ou sendo a figura na que se presenta a un humano unha moura encantada. Son innumerables as lendas e os lugares onde se fai mención á presenza de serpes, sempre perigosas e temidas.
BIBLIOGRAFÍA