CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 108: Herba cabreira
Tamén se le chama Herba da cabra ou cabraría. Nace pasados sete anos do bafo que botan pola venta esquerda do nariz as crías das mulas no primeiro espirrado. Outros din que agroma onde mexan as cabalerías transcorridos sete anos.
Ten moitas virtudes marabillosas. Posta nun río, nada contra corrente. De fregárense os cartos con ela, volven ás mans, mesmo despois de usalos nun pago. Abre todas as fechaduras e ata fura e derrete o ferro, e abranda as pedras. Ao segar a herba nos prados onde a haxa, chove. Protexe contra o hipnotismo e as visións.
Os petos lévana debaixo da lingua e úsana para furar as árbores onde fan os niños. As andoriñas téñena e se alguén lles rouba os ovos, e incluso se os coce, recupéranos.
Segundo o Ciprianillo o que atope esta herba obriga aos encantos a entregarlle os tesouros escondidos. As meigas curan doenzas con ela e úsana nos seus feitizos. Con este ou outros nomes é coñecida en todas as culturas do mundo.
En Asturias dinlle yerba cabrera e cren que nace en Covadonga, no lugar onde perdeu a semente un bruxo mouro tras a famosa batalla.
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 30 de xaneiro de 2021.