CATEGORÍAS RELACIONADAS
Un Entroido de hai cen anos
Para coñecer algo da historia do Entroido temos que fixarnos nos intentos que houbo por controlalo, sobre todo ao popular de rueiro e rúa —non tanto ao de salón—, tanto desde os poderes civís como relixiosos. É como volver ao século VI lendo o De correctione rusticorum de Martiño de Braga para, sabendo o que non gustaba da xente do común, deducir en que crían ou como se divertían.
Viaxemos ao Lugo de 1923. A crónica de La Voz de la Verdad do 14 de febreiro —Mércores de Cinsa—sobre o que pasara o Martes de Entroido é abondo elocuente: “Sobre todo por la Plaza Mayor desfilaron durante toda la tarde, gran número de máscaras, que se divertían a su manera, si es que puede llamarse diversión a andar vestido zarrapastrosamente y a producir estridentes ruídos”.
O Boletín Oficial da Provincia publicaba o 6 de febreiro unha circular dirixida aos alcaldes instándoos a manter a orde con “la prohibición del uso de disfraces, utilizando uniformes de todas las clases del Estado, incluso de la Cruz Roja, comprendiendo en esta al de enfermeras”. A igrexa desde o Boletín del Obispado de Lugo lembraba aos párrocos que nos días do Entroido realizasen “actos piadosos de reparación y desagravio a la Majestad de Dios” e os tres días principais celebráronse na catedral e en varias parroquias triduos de desagravio polas ofensas feitas ao Señor.
Tamén a alcaldía de Lugo mediante bando dicía que “se prohibe la circulación por la vía pública de disfrazados con careta o antifaz, durante las festividades del Carnaval, cuya prohibición se hace extensiva a los Cafés, Bares, Tabernas y demás establecimientos públicos”. Prohibíanse así mesmo os aparatos e instrumentos que alarmasen á veciñanza e materiais que puidesen causar dano. Só, sempre que non ofendesen a institucións, organismos legais, relixión, moral e bos costumes, se toleraba, previa solicitude, “la circulación de comparsas, sin antifaz ni careta, siempre que los disfraces sean nuevos y convenientemente desinfectados”.
El Regional nun artigo titulado “El Carnaval en la aldea” —mágoa que non diga en cal— describe un Domingo de Entroido. Curiosamente, comeza cunha misa e a festa continúa como se fose unha romaxe agás que nun momento dado se presentan no torreiro media ducia de “monicacos” informes, grotescos, feitos de papel e trapos, armados con varas, aos que os portadores prenderon lume para delirio da concorrencia. Pouco despois entra en escena o Meco “vistiendo unos pantalones absurdos y una chaqueta vuelta del revés, con un antifaz sucio y grasiento y empuñando un escobón a guisa de trofeo”. E despois a Meca, con “saya burda, de indefinido color por lo usada, y tocándose la cabeza con un pañuelo de tonos vivos chocarreros; su antifaz era también de cartón despintado”.
La Voz de la Verdad en editorial do 11 de febreiro instaba a rematar de vez con estas celebracións arcaicas, procaces, de excesos e inmoralidades. A estimagtización do Entroido xa viña de vello, e seguiría, pero o Entroido, a pesar dos pesares, non morreu nin vai desaparecer porque se alimenta da necesidade do pobo de ser, apenas uns días, unhas horas feliz.
© Antonio Reigosa
Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 20 de febreiro de 2023