Actualizado en data 19/10/2020

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 025: A fonte de Almanzor

A fonte chamada de Almanzor está situada detrás da igrexa parroquial de san Cosme de Maianca, en Oleiros. A orixe do nome explícase nunha lenda que di que o caudillo musulmán cando pasou por alí puxo a beber a súa montura na pía de auga bendicida.

Tras beber, a cabalgadura, alba de pelo, afundiu na terra e desapareceu; só quedaron as pegadas das ferraduras. Ademais abrollou a fonte que leva o nome de Almanzor, cuxas augas se usaron e seguramente aínda se usan para atender múltiples doenzas de nenos e nenas.

O infiel recibía así castigo polo sacrilexio, outro máis dos moitos que tivo que padecer por ousar arrasar Compostela e outras partes de Galiza nos anos finais do primeiro milenio.

Segundo di Xavier Seoane en Roteiro polas Mariñas de Oleiros "Un Almanzor que, segundo conta tamén a fantasía popular, ao chegar a Mera, meteu a egua branca no mar, como un centauro dominador da fermosa terra conquistada".

A igrexa conserva algúns restos prerrománicos, antre eles a pía da lenda. En Almedijar (Castellón) hai unha fonte chamada igual.

SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 3 de outubro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: