Actualizado en data 19/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Nas herbas, nas palabras, nas pedras...

Artigo publicado no suplemento Afondo nº 233 (Sermos Galiza 374, 28 de outubro de 2019) dedicado á tradición oral como patrimonio.

®Antonio Reigosa, vogal responsable da sección de Literatura de Tradición Oral da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega).

_____

In herbis, in verbis, in lapidibus seica foi o que respondeu o conde Cagliostro, o controvertido médico e taumaturgo siciliano do século XVIII, cando lle preguntaron pola orixe dos seus coñecementos. Nas herbas e nas pedras, que equivale a dicir que o saber habita arredor de nós, que emana da natureza; e nas palabras, no son que desenmascara a ignorancia, o silencio.

Des que se creara alá polo 2007 a sección de literatura de tradición oral no seo da AELG fomos conscientes da urxencia de establecer canles de comunicación para implementar proxectos e iniciativas de distinto signo entre a cultura oral e o común da sociedade; en definitiva, crear ferramentas para favorecer o transvase regular de toda a sabedoría posible desde a fonte da memoria ao río desbordante da curiosidade.

Son varios os proxectos que se foron botando a andar desde entón, sempre co vento a favor do consello directivo da AELG e coa colaboración entusiasta dun pequeno grupo de traballo que asesora e propón temas e nomes para dar contidos de calidade aos proxectos en marcha.

En 2007 naceron as Polafías, un xeito de recuperar encontros entre a veciñanza (polavilas, fías, seráns …) para contar ou cantar, o que nos permite percorrer lugares, aldeas, parroquias e vilas da nosa xeografía. As trinta e cinco sesións organizadas ata o de agora deron como resultado máis de 800 arquivos de vídeo coas transcricións correspondentes e cunha variedade enorme de contidos: lendas, romances, contos, poemas, cántigas, músicas, memorias de oficios, de fuxidos, do mar, do contrabando, de crimes, de artesanías ... Ademais, e pensado no aproveitamento escolar, elaboráronse dúas unidades didácticas que están a disposición do profesorado e do alumnado.

Outro proxecto en marcha constitúeno as Xornadas de Literatura Oral que se veñen celebrando desde 2008, sempre en Lugo, e que completaron doce edicións cun alto nivel de asistencia. Tratáronse temas moi variados (o demo, o lobo e o lobishome, a morte, as lendas urbanas, os mouros e as mouras, monstros do mar, amuletos e reliquias, sexo e obscenidade, medicina popular, palabras con memoria, rol da muller, músicas e letras) sempre coa literatura de tradición oral como eixe guiador. Publicáronse as actas de todas as edicións, accesibles libremente no sitio web da AELG.

En 2013 creamos os premios Mestra e Mestre da Memoria cos que tratamos de significar aqueles homes e mulleres que nos amosaron un grao de excelencia na transmisión dos saberes propios da nosa cultura popular, ademais de contribuír á súa salvagarda. O recoñecemento consiste na entrega en acto público dun diploma acreditativo así como na difusión do seu saber a través da web da AELG e dos medios de comunicación. Neste ano 2019 editamos un libro que recollle a biografía das persoas distinguidas ata agora.

A estas actividades en marcha habería que engadir outros proxectos como Letra das Festas, a revista oral do San Froilán desde o ano 2011, e os Obradoiros de Narración Oral, unha variante da Escola de Escritor@s da AELG, que se desenvolveu ao longo de catro anos.

Amais destas e doutras actividades, as correspondentes gravacións, debidamente documentadas, pasan a formar parte do arquivo da páxina web da AELG o que nos permite cumprir un dos grandes obxectivos iniciais, dar visibilidade a través de internet ás diferentes manifestacións que somos quen de recuperar e recrear. Sabemos que moitos destes arquivos están sendo reproducidos nas escolas como mostras imitables, e que moitos máis aínda viaxan, empaquetados en celofán de saudade, ao mundo da emigración galega espallada polo mundo.

A maioría destas actividades serían irrealizables sen o patrocinio de varias administracións públicas, o que sempre agradecemos, e da colaboración entusiasta de moitos colectivos e de ducias persoas que participan nos actos ou que prestan a súa colaboración na organización. Só así, coa complicidade de tanta xente, foi posible recrear tantas mostras da nosa cultura popular, berce de esencias, fonte de espírito, pasado, presente e futuro esperanzado da nación.

Todos os arquivos e documentos mencionados están almacenados con acceso libre na web https://www.aelg.gal/Polafias/

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: