Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O Lobishome de Cervantes

©Versión en verso da autoría de Xesús Trashorras.

Conta a lenda que vai tempo,

polas terras de Cervantes,

un lobishome arnal

grandes estragos facía.

Moitos años e carneiros

levaba xa degolado,

mais ninguén era capaz

de a vista botarlle encima.

Por aquel entón moraba,

nunha aldea das montañas,

desta fragosa bisbarra,

un home de grande xenio.

Ía xa para ben tempo

que o fillo deste veciño

da súa aldea faltaba,

ninguén sabía o por que.

Estaba o pai preocupado,

razón non daba do caso,

ata que un día lembrouse

dunha maldición pasada.

Conta a xente da contorna

que a historia que sucedeu,

máis ou menos veu a ser,

a que aquí vos participo.

O home de quen falamos,

como xa dixen denantes,

era xoto de carácter,

enrabechaba por todo.

Era un mozallón o fillo,

bo rapaz, traballador,

mais tamén de xolda, amante,

onde as nenas cortexar.

Cada cousa a seu tempo,

era a opinión do mancebo,

pero o pai con este dito,

non concordaba, e rifaban.

Un día o enfrontamento

alcanzou cotas maiores.

Á festa de Pedrafita

o mozo devecía ir.

O pai teimaba que había

unha queima que facer;

o fillo que era pecado,

en festivo traballar.

Ninguén quería ceder,

pai e fillo se enlearon

nunha forte discusión.

Exaltado, o vello dixo:

- Vaite, vaite para festa,

e permita Deus que andes

atrás das lobas, o mesmo,

coma tras das mozas vas”

Nunca tal dixera o home!

Pasadas xa unhas noites,

desacougado o rapaz,

cara o monte colleu rumbo.

En chegando a un lamazal

envorcallouse na herba

polo orballo humedecida.

Creto non daba do feito.

Cando tratou de se erguer,

xa non o puido facer,

e a catro pés a correr,

presto botou para o cume.

O pai co paso do tempo

lembrouse da maldición

e a unha que por meiga tiñan,

decidiu ir consultar.

Moi mal lle prestou á vella

o que lle fixera ao mozo;

non hai peor maleficio

que o dun pai para o seu fillo.

- Non se pode maldicir

xamais o teu propio sangue.

Sangue lle has de facer,

pero sen dano causar.

Isto foi o que a bruxa,

severa, lle dixo ao vello;

este moi meditabundo

para a casa se marchou.

Polo camín acordou,

que ao monte debía ir

na mesma noite seguinte

sen máis tempo que perder.

Armado cun bo coitelo,

levou consigo un rexelo

á procura daquel lobo

no que o fillo se volvera.

A carón dunha toxeira

atou o coitado año,

agochándose entre as uces,

a faca, xa preparada.

A media noite o rexelo

comezou a estarrecer,

era o lobo que chegaba

a trabar en carne mol.

En vendo isto, o ancián,

virándose cara o lobo,

no lombo espetoulle o ferro;

grande cortada lle fixo.

Ao colo, botoulle os brazos,

exclamando – Fillo, fillo!

e pedíndolle perdón.

Moito salaiaba o vello!

Decontado o pelexo,

pola ferida se abriu,

desprendéndose do corpo

coma se for un folecho.

Tras unha sacudidiña

e un enlamarse entre as uces,

por fin de novo o rapaz

recuperou o seu ser.

Desta maneira remata

a historia do lobishome,

non sei o que hai de certo,

a min así mo contaron.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: