Actualizado en data 12/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Lugo, a oralidade musicada

Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019

Probablemente, nunca foi tan atinado o slogan «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral» como o vai ser a fin de semana do 25 e 26 de outubro deste 2019. Dobre función. O venres, ás sete da tarde no Vello Cárcere, convidamos á Gala Mestra e Mestre da Memoria, títulos concedidos a Dorothé Schubarth e a Pablo Quintana, e o sábado, a partir das dez horas e no salón de actos da Deputación, desenvolverase a XII Xornada de Literatura Oral co tema «Rimas e letras da música popular. Do romanceiro tradicional ao bravú». Ambas actividades organizadas pola AELG, coa colaboración das áreas de Cultura do Concello e da Deputación, insisten na idea de que Lugo é cidade liberada de prexuízos e reivindica a oralidade como cerna do noso ser cultural.

Distinción de Mestra para a musicóloga suíza, Dorothé Schubarth, quen, logo de pasar cinco anos, entre 1978 e 1982, percorrendo Galicia cunha gravadora, deixounos en herdanza a mellor sistematización e transcrición, coa axuda de Antón Santamarina, do corpus das músicas de raíz do noso país, esforzo que se reflicte nos sete tomos publicados pola Fundación Barrié en 1984 baixo o título Cancioneiro Popular Galego. O título de Mestre concedéuselle ao músico, investigador, divulgador e editor, Pablo Quintana, un asturiano afincado desde mozo en Galicia, temporalmente en Lugo, que, ademais de editar O cego andante en 1982, salvou da desmemoria do noso inmaterial, entre outros méritos, as coplas do cego Florencio da Fontaneira e as músicas da pandereteira Eva Castiñeira. Xusto e necesario recoñecemento a dous imprescindibles na historia e transmisión da música tradicional. Farán as loanzas Antón Santamarina e Xosé Luis Freire. Presentarase unha publicación recompilatoria coas biografías das persoas recoñecidas como Mestras e Mestres da Memoria desde 2013 a 2019. Da música encárgase, Germán Díaz.

XII Xornada de Literatura Oral: Rimas e letras da música popular. Do romanceiro tradicional ao bravú

O sábado dedicamos a xornada ás letras vinculadas á música popular. Un simposio no que van intervir, por esta orde, José Luis Forneiro, profesor da USC e un dos grandes especialistas no romanceiro galego e ibérico, e Dorothé Schubarth, que levará á palestra a relación entre texto e melodía, amais dalgunhas descubertas feitas por ela no traballo realizado entre nós hai xa 40 anos. Ambos partillarán en mesa redonda aberta sobre rimas e melodías.

A sesión da tarde ábrea Xurxo Souto, recoñecido estes días en Láncara co premio Facer País, que nos levará da romaría á festa e da movida ao bravú, un movemento este na música popular galega que botou a andar da década dos 90 con grupos como Os Resentidos ou Os Diplomáticos de Monte-Alto. E rematarán os relatorios, que non a xornada, coa intervención da lucense Branca Villares, profesora da Tradescola que ademais imparte clases de baile, canto e pandeira por centros escolares e a diversos colectivos de toda a provincia; falaranos da pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas da montaña luguesa.

E tras a mesa aberta que compartirán Xurxo e Branca, cerrarase a xornada cunha sesión práctica a cargo, precisamente, do profesorado e alumnado da Tradescola de Lugo, un centro de formación de prestixio recoñecido polo respecto que guía o seu labor docente na transmisión de materias como a gaita, requinta, zanfona, acordeón, pandeireta, linguaxe musical ou canto.

Se desexa asistir a calquera destes actos ou aos dous, pode facelo libremente. Se desexa que lle conste no currículo a súa presenza na xornada do sábado debe inscribirse, ben a través da AELG (aelg.gal) ou da AS-PG (as-pg.gal). Quizais nunca Lugo gozou de tanta e tan boa oralidade musicada como a que se nos ofrece esta fin de semana!

©Antonio Reigosa

Vogal responsabel da sección Literatura Oral da AELG

+ info e programa

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: