Actualizado en data 11/12/2018

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O sacaúntos de Viveiro

Para contarlles a historia do sacamanteigas de Viveiro sigo o artigo "O visguento unto da calumnia: o boticario Sacamanteigas", transcrición do excelente relatorio que Luís Giadás impartíu na IV Xornada de Literatura de Tradición Oral que se desenvolveu en Lugo en outubro de 2011 baixo o título xeral "Lendas urbanas: mitos e ritos dos tempos modernos ".

A información oficial do caso está no cartafol 922/1 existente no Arquivo do Reino de Galicia, de longo título que di "Proceso de averiguación de quién esparció la voz de que en las boticas de la villa de Vivero y principalmente en la que regenta Manuel Montenegro, siendo su mancebo Joaquín de Ábila Chás, se mataban hombres y mujeres para aprovecharles la grasa en medicina y de los autores de un pasquín que aparecerá". O autor transcribe con detalle o interesante documento que recolle a denuncia que presenta o mancebo Joaquín Ábila o 17 de marzo de 1835 ante o correxedor, Juan Meruéndano. O demandante di que hai "voces alarmantes" que afirman que na botica na que exerce se matan homes e mulleres porque son útiles para a medicina. E tamén denuncia que o rumor inclúe que a raíña María Cristina permite aos boticarios matar ata catro persoas cada ano.

Como consecuencia, prosigue, ningún labrego nin labrega entra en ningunha casa, temendo ser vítimas de tan macabros experimentos. Asegura que a orixe desas voces está no barrio do Grallal da parroqquia de Covas "onde parece que hai un rapaz sen fala de resultas dun accidente" "e propalouse que o rexente Manuel Montenegro e mais eu lle sacáramos a fala para matalo e aproveitarnos da súa untura". Ábila di que sabe que as acusacións son produto da ignorancia pero que presenta a denuncia porque teme que se prepare algún motín, e así evitar algún "alboroto ou desgraza que puidese suceder".

Abertas dilixencias tómase declaración a varias testemuñas. Todas declaran ter escoitado o caso, e incluso que ademais de na botica de Montenegro, tamén se comentaba que había outras sete casas en Viveiro, unha delas a de Manuel Morales, nas que se rumoreaba que se practicaban estas operacións.

A pesar dos bandos e da intervención dalgún crego desde o púlpito desmetindo o rumor, o día 25 aparece un pasquín nun lugar público habitual, fronte ao Arco de Santa Ana de Viveiro, que arremete contra o correxedor por ineficaz, e por ser liberal, e insiste en que se cometeron "na botica de Joaquín de Ábila as maiores atrocidades" "sacrificando unha e mais persoas ata darlles morte".

Chaman a declarar ao pai do rapaz, de nome José Pérez, que quedara mudo supostamente a causa do terrible susto que lle producira ver como na botica sospeitosa lle querían quitar o unto. Na declaración, ademais de negar que soubese onde e que lle pasara ao seu fillo para quedar sen fala, comenta que foi revisado polo doutor Sanjurjo, que tamén será chamado a declarar para contar como viu o rapaz cando llo levaron á consulta.

A principal vítima, José Pérez, duns vinte anos de idade, era practicamente analfabeto, como o seu pai, por tanto acusalo de escribir o pasquín parecía, cando menos, pouco fundado. Sen embargo o pai foi condenado "pola súa falta de verdade" "a multa de dez ducados", o que equivalía á mantenza dunha familia enteira durante un ano.

No ano 1836 a Real Sala do Crime da Coruña revisa o caso e sentenza que se sobresea, pois non se puido probar quen foron os autores do pasquín, aínda que deixa unha reprimenda para os dous acusados, pai e fillo, "por non obraren coa pureza que esixe a moral sa".

O caso, evidentemente, non queda resolto. O escrito no que José Pérez presenta o recurso de apelación acusa, movida pola vinganza, a unha tal "Vicenta Yáñez e mais a súa familia foron os que buscaron semellantes testemuñas e argallaron toda esta falsidade; ela e máis o seu fillo Manuel Melchoro están complicados en causa de roubo que encubriron e pola miña dilixencia atopouse o botín en poder dos mesmos e, deste xeito, está desafogando o seu odio e resentimento, non dubidando un intre en aproveitar a ocasión de tomar esa miserable vinganza e nesta toma parte, sen dúbida, Francisco Melchoro, o seu outro fillo, posto en liberdade".

Os Pérez, pai e fillo, non eran máis ca comparsas e vítimas da propagación do macabro rumor. O de provocar a mudez da vítima estaba de moda nesa época. En El Correo Nacional, 4 de xullo de 1839, coméntase o caso dunha muller que actúa na cidade da Coruña con parecidos resultados.

© Antonio Reigosa

Luís Giadás (2011): «O visguento unto da calumnia: O boticario Sacamanteigas», en Actas das IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral 'Lendas urbanas: mitos e ritos dos tempos modernos', Asociación de Escritoræs en lingua Galega. (ver PDF, pp. 14-24).

Artigo publicado en La Voz de Galicia (A Mariña) o 7 de decembro de 2018.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

A historia non ten desperdicio. E xa é sabido, cos de Covas polo medio, lío seguro

Enviado por ML o 22/11/2018 ás 19:19:05


Enviar comentario a este artigo: