Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Aberto o prazo de matrícula para a IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional

Organizan: a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, a AS-PG, co apoio daDeputación Provincial de Lugo.

Modalidade formativa: Curso.
Datas de realización: 12 de novembro de 2016
Horario: Mañá de 10:15 a 14:00 h. e tarde de 16:00 a 20:30 h.
Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8, 27001, Lugo)
Valoración en horas de formación: 8 horas presenciais.
Número de prazas: 100
Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Custo de matrícula, se procede: Gratuíta.
Criterios de selección, se procede: Por rigorosa orde de inscrición na www.as-pg.gal, tendo preferencia os socios-as e afiliados-as á AS-PG e á AELG.
Matrícula: desde 14/10/2016 até 10/11/2016 (o formulario de matrícula estará activo só entre esas datas).

O profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título da Consellaría de Educación, deben inscribirse na web da AS-PG:
Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir á xornada e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG. Indicarase na mensaxe o nome completo e o número do documento de identidade.

Todo o que dicimos ou facemos ten consecuencias para nós e para os que nos rodean. O que dicimos ou facemos ás veces alivia ou cura, outras causa mal, desde pesadelos ata graves enfermidades. Para exercer esta capacidade de influír para ben ou para mal en nós ou en quen nos rodea precisamos coñecer o que temos arredor. Como funciona, quen o goberna, quen ou que, en cada caso, nos pode asistir.
A enfermidade é a peor das situacións imaxinables que pode padecer un ser humano ou a fauna da que depende o seu sustento.
O conxunto de artes, remedios, ritos e prácticas que vimos denominando medicina popular tradicional son o vademecum da saúde, o prontuario que todo ser humano debía coñecer nas sociedades tradicionais, para algúns precientíficas, para non morrer no intento.
Había, e aínda hai, especialistas, homes e mulleres con capacidades e coñecementos especiais (curandeiros, sabios e sabias, menciñeiras, esconxuradoras, pastequeiros…) para atender os casos máis graves. A eles e aos nosos devanceiros do común, que tamén sabían e non tiñan SERGAS nin hospitais, debémoslles o que temos de principal: a vida.

PROGRAMA

10:15 h. Recepción, entrega de material e inauguración.
10:30-11:30 h. Conferencia: Uso das plantas medicinais no Caurel: Tradición e Cultura Popular.
María Moure Oteyza
Desde o coñecemento empírico ao científico. As plantas posúen propiedades beneficiosas para a nosa saúde, pero hai que coñecer cales son os seus efectos e as doses axeitadas.
11:30-12:30 h. Conferencia: A recollida da memoria oral como método de aprendizaxe. O valor de espertar e guiar a curiosidade.
Ana Lois
As culturas tradicionais tiñan perfectamente estruturada a transmisión de coñecementos e saberes.Agora só uns poucos individuos saben e poden transmitir; e o que aínda é máis grave: moi poucos estamos en condicións de escoitalos e entendelos.
12:30-14:00 h. Mesa redonda: Escoitar, ver e aprender. O saber que cura.
María Moure Oteyza e Ana Lois. Coordina: Antonio Reigosa
A curiosidade é a chave que abre as portas do saber. E o saber é un proceso, unha experiencia, precisa dunha metodoloxía e dunha predisposición para comprender as claves da nosa cultura popular.
16:00-17:00 h. Conferencia: A medicina popular en Galicia.
Pablo Vaamonde
A medicina oficial actual mira de esguello os métodos tradicionais de curación. Agora, coa atención médica universalizada, aínda hai persoas que recorren aos menciñeiros de sempre. Por que?
17:00-18:00 h. Conferencia: Curando coa palabra entre a literatura e a medicina popular.
Ana Acuña
Xunto aos nosos actos sempre está a palabra, que forma parte do rito. O que dicimos, cando e como sempre foi parte fundamental do acto de curar. A palabra é, pode ser, unha medicamento máis ao noso alcance.
18:00-19:30 h. Mesa redonda: Médicos ou menciñeiros? Da psique á psiquiatría.
Pablo Vaamonde e Ana Acuña. Coordina: Isidro Novo.
A nosa cultura popular tradicional era un sistema harmonizado que foi substituído por outro considerado máis efectivo. Mais, cando a enfermidade non atopa remedio, todo se cuestiona.
19:30-20:30 h. Aprender a ver e a sentir: Arredor de nós está a vida. Identificación e aplicación de remedios curativos con herbas da nosa contorna.
Carmiña Prado Penas
Descubrir que na nosa contorna hai plantas que teñen unha longa historia como remediadoras das doenzas humanas pode sorprendernos. Aínda hai persoas que as coñecen e que saben como usalas.

Obxectivos
– Achegar ao profesorado coñecementos para o seu traballo na aula en relación coa cultura popular tradicional.
– Facilitar un foro de reflexión útil ao profesorado para comprender e transmitir os valores da nosa cultura.
– Incidir en prácticas e coñecementos que posibiliten o desenvolvemento de habilidades cognitivas en relación coa cultura popular.
– Información sobre a presenza dos tema da medicina popular tradicional en relación coa na literatura popular galega de tradición oral.
– A importancia do coñecemento destes temas da cultura transmitida por vía oral na formación do alumnado.
– Formas e xéneros sobre os remedios, prácticas e ritos curativos na cultura popular galega.
– A presenza da saúde e os remedios no folclore musical tradicional.
– A evolución histórica do tratamento destes temas na nosa sociedade.

Contidos
– Saberes, remedios e ritos da medicina popular tradicional relacionados coa curación de animais e persoas.
– Identificación e usos de plantas para curar segundo a medicina popular tradicional.
– Receitas tradicionais para a elaboración de apócemas curativas.
– Características e singularidades dos curandeiros/as tradicionais. As formas de transmisión dos seus coñecementos.

Metodoloxía
– Análise e contextualización histórica dos temas da saúde e a enfermidade na literatura de tradición oral.
– Posta en común desde a óptica de diferentes especialidades e sensibilidades sobre os prexuízos e censuras sociais que afectan á saúde e á enfermidade.
– Coñecer os xéneros, tipos e motivos dos relatos que tratan o tema proposto na xornada.
– Achegarse ao coñecemento dos comportamentos da nosa sociedade tradicional en materia de remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional a través das expresións literarias orais.

A entrada é libre.
Toda a información sobre a Xornada aquí.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: