Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Morte

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O Escribán de Atá (conto historiado baseado na tradición oral)

"Desde antigo cóntase unha historia ou lenda que ocorreu na casa de Atá, o que lle aconteceu a un dos escribáns Varela Vilariño que alí viviron. Puido ser o pai, o vello escribán da Atá, Domingo Antonio, ou o seu fillo Ramón José Varela Vilariño, que así se apelidaban todos, facendo unha longa familia de letrados, como se ve nos documentos; escribáns, na Audiencia da Coruña, cregos.... unha familia influinte e cun grande patrimonio.

Quizais este conto fose inventado nas noites de inverno, a carón do lume da lareira, por xente que non lle quixera ben ó escribán, por envexa ou por ser amo interesado... que sabe, o caso é que quedou como un conto na memoria da xente vella, do que nos contaron varias versións con pequenas variantes.

Fora unha tarde fría e á beira fóronse recollendo na casa e todos se acercaron á lareira e, acomodándose nos escanos, deron en contos e falares. 

- ... e logo non tes escoitado o conto da ánima do escribán da Atá?

- Se calara, meu pai, se calara... que lle importa ó mozo ese conto vello, que falar dos mortos trae desgraza, e máis dese conto da ánima do escribán.... leria, ten gana de leria - dixo María, a filla do vello caseiro.

O mozo puxo cara de interesado - conte, señor, por favor - díxolle o mozo.

- Deixa, muller, que o mozo é de confianza, que mal hai en contarllo?

- ... meu pai... eu voume, non quero escoitar ese conto, - e foise enfadada.

O señor Ramón era moi dado ós contos e aínda os floreaba do seu propio maxín. Tiña unha voz suave e ben timbrada, pousada, onde fluían as palabras unha tras doutra entre o fume do cigarro, con vagar, poñendo ó corazón e sentimento en cada unha, dándolle os xiros convenientes á voz, xesticulando o preciso e nunca caendo na vulgaridade nin na blasfemia, nin en baleiras repeticións. Iso sí, repetía ás veces os contos, sen darse conta, pero sempre fiel ó mesmo argumento e á mesma retórica.

Diríase que era home estudado, pero non, só as primeiras letras nunha escola de ferrado, pero criárase na casa da Atá, morada de vellos escribáns, de xente estudada, onde aprendera as cousas da vida. Nacera alí, na casa da Atá, onde era caseiro en terceira xeración; saíra de alí para ir á Coruña a servir ó Rei.

Un veciño que ía algunhas noites a xogar ás cartas, arrancou co relato, adiantándose ó vello:

- .... pois o escribán seica era home avaricioso, que nada lle chegaba e que cobizaba os bens da casa veciña, do chamado Quenllo, e como non lle vendía as terras... levábase mal con el. O fillo tiña que ir ó servizo do Rei e pediulle ó escribán que intercedera por el e que o librara de servir, e este respondeulle: "antes que ti libres de servir ó Rei, eu irei dar unha volta ó inferno".

Na súa casa comentara coa familia "hoxe fixen soldado ó fillo do Quenllo", e logo de alí a pouco foise para a cama dicindo " non me atopo nada ben" e morreu naquela noite.

O día seguinte, foron á Coruña o Quenllo mailo fillo e alí dixéronlle que non tiña obriga de ir e cando estaban de volta, escoitaron a campá da Capela tocar a defunto e viron que era polo escribán.

Entón como ía amortallado coa túnica de escribán, non podía entrar no inferno, pero tampouco podía ir para o ceo porque non o merecía, así deambulaba pola terra... e ouveaba sobre unha pena grande que hai á beira do río.... e petaba nos vidros das fiestras de noite.... ata que un home cunha gatafouce lle arrincou o hábito no adro da Capela... entón desapareceu.

Así o contaba meu pai, deulleperdoe.

- Eu escoitei outra versión dos feitos - dixo o señor Ramón - e dicían que o escribán a quen se lle aparecía era ó mozo, e que ía vestido co hábito, non sei se coa toga de escribán ou co hábito de San Francisco, como era costume amortallar ós mortos; pero creo que era con este, pois levaba cordón á cintura... pero xa verás como é o conto... E aparecíaselle entre lapas de lume do inferno, como se fose un fachuco de palla ardendo, e laiando, pedindo a Deus que o liberara das chamas, ata que o rapaz colleu a gatafouce e prendeulla no cordón e arrincou o hábito, e ó tirar... fun! acendeuse aínda máis e, facendo unha bola de lume, extinguiuse de contado e desapareceu.

Seica era o último escribán desta casa... sería o chamado Ramón José Varela Vilariño, ou seu pai o escribán Domingo Antonio, o vello Mingos da Atá... quen sabe.

-... meu pobre, foi alma en pena que andaba vagando pola fraga da Atá, e que as veces se vía sobre unha pena berrando e laiando, vestido co hábito... tenlle aparecido a algún camiñante que ía polo camiño da Toca, desde Souto ós Curros - dixo Manuel.

- Si, Manuel, - falou o señor Ramón - pero quen lle arrincou o hábito seica foi o mesmo Quenllo, o pai do mozo soldado, que despois dun tempo que andou penitente por este mundo como se viñera do inferno, e de andar suplicando axuda ós mortais, un día cavilaron como liberar a súa alma en pena; entón aconsellado polo señor cura, o Quenllo foino levando, dicíndolle... "veña por aquí meu amo, por aquí meu amo..." ata que o adentrou no adro da igrexa, entón alí arrincoulle o hábito, mentres o Quenllo e o cura rezaban un padrenuestro e facían o nome do pai... e desapareceu... e nunca mais de volveu a ver a súa ánima en pena. Isto oínllo a meu pai e este escoitouno do seu, que viviu nese tempo e foi caseiro do vello escribán, nesta mesma casa. Así eu cho conto como o contaron, se é certo ou non, non o sei. So sei que se dí que a xente que morre con remordementos, que non cumpriu ben neste mundo, entón teñen que vagar de noite pola terra, laiándose, ánima en pena, por algún mal que fixeron, por penitencia non cumprida, algunha obriga non satisfeita... ata que un alma nobre e xusta os libere desa condena e se vaian deste mundo, xa para sempre.

E desde aquela, a xente gardou silencio e non se quere falar diso, tense medo. 

- coma vostede, meu pai, que aínda nos a  vir unha desgraza - dixo María que viña de fora, pensando que xa rematara o conto.

-... pois eu, meu sogro, escoiteino de outra maneira, ... que seica que o rapaz tiña que ir á guerra, e que lle pediu recomendación ó escribán e que este lla negara, dicíndolle: "se ti non vas á guerra, eu vou dar unha volta ó inferno".

E que o rapaz foi á Coruña e solucionou o caso por seren seus  pais vellos, e que lle levara oito días ir e outros oito volver da Coruña,... e cando volvía polos Codesás, escoitou a campá da Capela tocar á defunto, e dixéronlle que morrera fora o escribán da Atá... e así fora... e que o amortallaron có hábito de San Francisco, e que o enterraron no adro da Capela, pero polas noites oíanse laios e lamentos que viñan da fraga da Capela... e así, noite tras noite, ata que deron en ir aló e viron como sobre dunhas penas se erguía a figura dun home vestido co saión e cordón atado á cintura, brazos en alto e berrando laídos e lamentos, ouveando, cos pes nus, a cabeza ollando ós ceos, moi compunxido... 

.... é o escribán .... o escribán da Atá... a súa ánima en pena, dicía a xente.

Entón lembraron o que dixera de ir dar unha volta ó inferno e cavilaron que lle caera a soberbia.

Ó outro día contáronllo ó señor cura e este dixo que a ánima non atoparía descanso mentras non se cumprira o xuramento que o escribán fixera, desafiante de Deus. O señor cura dixera que o hábito de San Francisco lle impedía dar a volta ó inferno, que con soberbia dixera en vida... e que habería que racharlle o hábito para que fora alí e se cumprira o dito, de volta de alí, liberaríase a súa ánima. Aquela noite volveron á fraga veciños da Atá e outros de Santa Uxía, algún dos Curros, acompañados do Señor cura. Viron a figura envolta en chamas, laiando sobre a pena.

- en nome de Deus e de Santa María, que es e que desexas? -preguntou o cura.

"son o escribán da Atá... e quero liberar a miña alma".

... e que o Quenllo foise acercando a el, e collendo a gatafouce, prendeulle o cordón co gancho e deulle un tirón, caeu o hábito na pena e, ante o asombro de todos, a ánima, entre chamas de lume, desapareceu, e o señor cura, que lía esconxuros nun libro, parou de ler e foi cara a pena, colleu o  hábito e bendiciuno.

- Agora temos que darlle sepultura ó hábito, e recemos un padrenuestro pola alma do escribán, que descanse en paz.

... e dito, meu feito, encamiñáronse ó adro e enterraron o hábito na súa mesma sepultura.

- se Deus quere, o corpo do escribán descansará nesta sepultura e acollerá a súa alma. Amén. Rematou o señor cura...

... e así che foi o conto.

Eu escoitei con atención e curiosidade o conto, pero tiña o corpo en desacougo e as sombras que se facían nas paredes ou algún ruído que se escoitaba, facíanme imaxinar a figura do escribán de volta a súa casa, mais logo, seguín o consello do señor Ramón e tiña un sentimento de pena por el, e rezaba.

Despois o suceso correuse por toda a comarca e cando a xente viña ó San Blas ou á Santa Cruz, querían ver a súa sepultura, e facía a xente o nome do Pai ó pasar á beira dela.

A xente dicía que fora un milagre do Santo Cristo, quen liberou a ánima do escribán. Rematou o señor Ramón.

[Informacións de varios veciños de Toques, transmitidas a Xosé Manuel Broz Rei- Director do Museo de Melide. Transcrición de Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Febreiro de 2015]

Nota

Lenda recollida por Xosé Manuel Broz Rei da que o mesmo aporta unha versión novelada, aínda que baseada nas testemuñas de diversos veciños de Toques, que coñecen  a mesma pero aportando versións variadas. Esta lenda está ambientada na Casa de Atá na parroquia de A Capela, concello de Toques. A edificación actual da casa semella ser obra do século XIX, pero debe tratarse dunha reconstrucción posto que o foro data do século XVI. Esta casa foi morada dunha saga de escribáns da familia Varela Vilariño.

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: