Actualizado en data 19/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Os medos pequenos

Como é ben sabido, o home do saco, o coco e o sacamanteigas son algúns dos principais monstros que atemorizan as nosas crianzas: «E durme, neniño / que vén o cocón / vai levar o neno / que non dorme, non». 

Sobre a orixe do nome hai moitas teorías, ningunha satisfactoria. Non se descarta que derive do nome de certas larvas ou eirugas chamadas cocos, cocas ou cucas, e tampouco que se refira ao xesto do rostro e dun son emitido polos monos cando están enfadados e din «co-co-co-co». Os portugueses bautizaron o froito dos cocoteiros como cocos por este motivo. A palabra coco non aparece impresa ata o s. XVI nun auto do portugués Gil Vicente e no Lazarillo de Tormes. 

Os cocóns poden ter moitas aparencias ou ningunha. Asociados ao feo, soen ser peludos e negros pero rara vez se lles atribúe un aspecto físico concreto. Teñen como misión, invocado case sempre de noite polos adultos dentro da casa, procurar que as criaturas durman, causarlles medo ou que obedezan. 

Ademais do coco ou cocón hai unha variedade enorme de nomes para referirse ao exército de seres que sobrevive no imaxinario dos medos da infancia. 

Segundo Belén Chao Ónega chámanlle Garavanceira a unha asustadora que anda polo concello da Pastoriza. Ten figura de muller e aparécese nos camiños cegados de silvas e felgos polos que é case imposible o paso. O neno ou nena que entre alí arríscase a que a Garavanceira os pille e o meta nun saco para logo vendelo, quen sabe a quen e para que.  

Existe unha variedade de silva chamada precisamente garavanceira, un máis dos nomes do arbusto (ruscus aculeatus) de falsas follas espiñentas e froitos vermellos. Esta planta tamén se chama azoutacristos, brusco, mezquita, picanceira, silva macha, roseira silvestre, rascacú, silbarda, silvarda, xibarda, xilbarda e xarda ou xardeira. Os meniños non deben comer os seus froitos xa que lles poden provocar vómitos, descomposición e convulsións. 

Segundo E. Lence Santar,  as bruxas da zona de Mondoñedo viaxan de a cabalo dunhas vasoiras feitas de xibarda ou garavanceira. A Noite de San Xoán voan en parellas todas as bruxas da Mariña e da Terra Chá collidas pola man desde o Monte Monfadal ata o xuntoiro que teñen no Pico do Xistral 

A mesma Belén falounos do Sangrón. Ser de aspecto indefinido moi vigorososquizais coa figura de homes xigantes, que atrapan nenos e nenas para quitarlles o sangue e bebelo. 

Segundo información que nos facilitou no seu día Anxo Fernández Ocampo a Tía Xoana é unha muller moi vella que vive no faio dunha casa de Vilaeimil, na Pontenova. 

Suponse que ten máis de douscentos anos, loce cabelo branco e tan longo que lle cobre todo o lombo. Tamén ten a pel engurrada coma a dunha pataca vella, un só ollo na cara e un só dente na boca. 

Máis ca comer, rila co seu dente do que atopa no faio e ten o detalle de cagar nunha pota enferruxada. Dorme nunha hucha que despois de acomodarse pecha cunha tapa para que ninguén poida abrila. 

Os pícaros da casa téñenlle moito medo pois din que se os colle a Tía Xoana e os mete dentro da hucha, non se volven ver nunca máis. 


© Antonio Reigosa (El Progreso, 5 de xullo de 2021).


 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: