Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 058: Un polbo xigante

No número de La Correspondencia de España do 25 de agosto de 1894 contaban que ás doce da mañá do día 20, as persoas que se atopaban na praia de Riazor da Coruña viran un corpo estraño na superficie da auga.

Catorce homes entre pescadores e bañistas subiron nunha embarcación e foron tras do vulto que resultou ser un polbo enorme en cuxo estómago caberían ben acomodadas dúas persoas.

Colocárono sobre dúas pancas grosas, das que se usaban para mover as casetas de baño, e levárono ata o areal, en fronte do local do Sportin-Club. As pancas romperon co peso do descomunal molusco que pesaba unhas 16 arrobas —entre 150 e 200 quilos—.

Media hora despois o cefalópodo xa estaba cortado en anacos e vendido. O importe da operación repartiuse entre os 14 captadores.

O xornal remataba así a información: «La verdad es, salvo todos los respetos, que hay pulpos que parecen canards». Naquela altura a palabra francesa canard, ademais de significar “parrulo”, usábase para  dar a entender que se podía tratar dun bulo, rumor ou noticia falsa. O que hoxe en inglés dicimos fake news aínda que xa hai quen propón mudalo por trump news.

SerieMicromitos Publicación: Nós Diario, 19 de novembro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: