Actualizado en data 11/07/2020

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Saint Patrick's Day

Como cada 17 de marzo, os irlandeses do mundo celebran o cabodano de Magonus Sucatus Patricius, santo da igrexa católica e patrón de Irlanda. Naceu na cidade escocesa de Durbritton a finais do s. III e foi enviado a Erín coa misión de amolecer a obstinación dos aborixes, entón reserva espiritual do paganismo, e convertelos en fervorosos crentes cristiáns.

Conseguiuno pero non lle resultou doado pois tivo que recorrer con frecuencia á proba extrema, coa axuda de Deus, para resultar convincente: os milagres. Un deles, amais do ocorrente recurso de comparar o trevo de tres follas co misterio da Santísima Trindade, foi idear unha especia de centro de interpretación do inframundo que desde entón —a invención é do s. XII—permite ver e experimentar aos incrédulos nativos como é o lugar e as penas reservadas aos pecadores. O lugar chámase Purgatorio de San Patricio e permite ir e volver do outro mundo cumprindo uns poucos requisitos.

Seguindo as ordes de Deus, Patricio trazou un círculo no chan e nel abriuse a boca dun pozo moi profundo. Quen teña curiosidade por saber como son as penas do Purgatorio pode entrar e estar alí 24 horas. En caso de arrepentirse dos seus pecados, pode regresar entre os vivos por un tempo; en caso contrario, queda sen billete de volta.

A descrición do percorrido e o que vai atopando quen ousa entrar nas diferentes salas, estarrece. Cada pouco acósano demos repugnantes e asáltano feras que brecan estrondosamente. Hai grellas e tixelas nas que se asa e frite carne humana, e estanques con líquidos candentes nos que mergullan, contra a súa vontade, criaturas. Fedor, calor e tortura indescritibles.

Quen supera estas probas chega ás portas dunha cidade marabillosa na que non debe entrar pois quedaría alí para sempre. Se quere volver ver a familia ten que regresar polo mesmo camiño, agora sen os padecementos da ida, aínda que os máis optimistas din que a estancia entre os vivos só lle vai durar un mes. Pasado ese prazo, a persoa morre pero ten segura a veciñanza eterna na cidade luminosa que viu e que se chama Paraíso. En Irlanda hai dous lugares que se disputan o privilexio desa residencia prodixiosa; un é a illa de Lough Derg e outro Cruachán Aigle.

Na Legenda aurea sanctorum do beato J. de la Voragine tamén se conta como Patricio apoiou o cabo do caxato sobre o pé do rei de Irlanda causándolle tanta e tan fonda dor que para reparar o dano tivo que expulsar os bechos tóxicos e conceder o don de curar enfermidades a todas as plantas da illa. Tamén logrou que un ladrón de ovellas dixese “meeé”, confesando así a autoría do delito.

St. Patrick tamén andou por Galicia. Cóntao Vicente Risco en Nós, nº 8. Di que chegou por encantamento nunha nave desde Irlanda, que predicou en Baiona e que no sitio onde falou ergueron un cruceiro —hai fotografías que o proban— que se chama de San Patricio en lembranza desa visita.

Polas nosas afinidades históricas e culturais con Irlanda e polo detalle de ternos visitado ben merecería Patricius, nacido escocés, recriado irlandés e turista entre nós, que o celebremos no seu día.

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 19 de marzo de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: