Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A Sala do Perelllo e a Fonte da Pel de Muxía

A lenda di que na Sala do Perello vivía un xastre. Non conservamos máis elementos da lenda; pero o propio lugar é un lugar moi especial, que nos fai comprender que estivera ligado a todo tipo de fabulacións.

Sala do PerelloA Sala do Perello é una pedra que  está na costa de Muxía, moi preto do Santuario da Barca. A mole granítica forma no seu interior una habitación de boas dimensións onde se pode entrar. Está nun lugar precioso e reúne unha serie de características que o fan un lugar especial. Por una banda é un lugar de lendas, tamén é un lugar que está xunto ao mar aberto e dende o que se ven as postas de sol máis fermosas de toda a costa. Sentarse xunto a Sala do Perello no solpor é una experiencia única.

É, ademais,  un lugar importante no Camiño, pois está no Camiño da Pel, o Camiño antigo polo que entraban os peregrinos ata o lugar sagrado da Barca. Entraban pola parte traseira da vila, polos Malatos (monte cuxo nome fai referencia aos enfermos; din que nese monte se enterraban os peregrinos que morrían na vila),  baixando pola Camposa , o Coído e a Pedriña e, indo polo Camiño da Pel, polo Monte Corpiño, chegaban á Barca.
No camiño da Pel, xunto á Sala do Perello hai unha fonte, máis ben un baño, onde se lavaban os peregrinos e enfermos antes de entrar no lugar sagrado, é a Fonte da Pel (o nome dío todo). Foi mandada clausurar polo alcalde da vila no s.XIX, por medo aos contaxios. Pero unha vaga de mar destapouna e deixouna como está na actualidade.

A Sala do Perello ten un atractivo especial por todo o seu contorno físico, e tamén polas lendas que se asociaban a el. Foi un lugar prohibido, polas connotacións  malignas (un perello é un demo ou un trasno) , pode que o nome quixera afastar aos veciños dun lugar frecuentado polos peregrinos e os enfermos e tamén dun lugar que se prestaba a prácticas sexuais, Fonte da Pelxa que a Sala do Perello, como xa dixemos, é unha mole granítica en cuxo interior se forma una habitación ben agachada das miradas. Hai que ir ata a mesma entrada para decatarse de que alí hai un lugar onde se pode entrar na pedra.

A forza da paisaxe neste lugar é brutal. Pode sentirse a forza da Terra e do Mar. A forza das Pedras… o espectáculo é impresionante. Lendas, mar, un  lugar prohibido, unha habitación dentro da pedra, a costa, …é un lugar perfecto.

Podemos imaxinar o que experimentaban os peregrinos cando chegaban a este lugar e se lavaban na Fonte da Pel, renovando o seu corpo e a súa alma fronte ao mar, fronte á morte diaria do Sol, preparándose para achegarse á Barca,  buscando esperanza…

Texto e fotografías: Viki Rivadulla

Bibliografía: Proxecto Buserana (Lendas)

Localización: A Pel, proximidades do Santuario da Barca, xunto ao Camiño antigo de entrada dos peregrinos, concello de muxía (A Coruña). (Ver mapa)

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: