Actualizado en data 24/10/2018

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Os camiños de Pepa, a Loba

Dicíamos que a nosa tradición tamén nos fornece de personaxes femininos díscolos, caso da Orcavella, María Castaña, Raíña Lupa, Brancaflor e, como non, entre todas as mulleres descarreiradas (enténdase a ollos da ortodoxia máis dogmática), Pepa, a Loba. As preguntas son sempre as mesmas: existiu de verdade? Cantas houbo? Por que lle chamaban Loba? Violada na infancia, fíxose indomable a forza de afouteza. Fumaba, roubaba, mataba, gobernaba unha cuadrilla de ladróns, todos homes. O seu lema “Home morto non fala”. Juan Luis pintouna en 1924 e o seu retrato debe andar aínda polo Centro Galego de Madrid.

Dise no “Dicionario dos seres míticos galegos” (Xerais, 1999), onde aparece un debuxo fantástico de Lázaro Enríquez, que foi bandoleira fera, cruel e sanguinaria cos xerifaltes mais acorredora de pobres. Picaba o tabaco na tonsura dos curas. Das súas andanzas fálase en toda Galicia, de sur a norte, de leste a oeste. Na pousada de Sidoro no Carrizo, en Santaballa (Vilalba) matáronlle o marido. No Courel, no Alto do Campelo da Rugueira, devolveulle a un home os cinco pesos que lle roubara un da súa cuadrilla. Pepa a Loba é da caste dos bandidos xenerosos como Robin Hood e Luís Candelas. A súa historia anda en romances e invócase o seu nome como modelo de muller brava e rebelde, como fai o grupo musical composto por mulleres chamado Banda da Loba.

Da nosa bandoleira fai un retrato maxistral o escritor X. Fernández Ferreiro nun artigo publicado en La Noche en 1954. Sitúaa en Nogueira de Ramuín. “Hija del pecado”, boa moza, forzuda, que enfeitiza aos homes e que aprendeu o oficio de ladroa do tío carniceiro. Achégase á vampiresa cando se afirma que se alimentaba de sangue, que tivo un fillo na adolescencia que botou aos cans. Sangraba homes coma porcos, especialmente os que lle gustaban pois non quería compartilos con outras competidoras. Despois de ser mala “era buena”, pois compartía cos necesitados o produto do seu traballo.

A Loba chegou á literatura. Carlos G. Reigosa escribiu unha novela con ela de protagonista e pónnola no cárcere de Mondoñedo logo dun atraco en Miñotos (Ourol), presa coa cadea, a Mariscala, que amarrou a rebeldía do indómito Pardo de Cela. Concepción Arenal di que a visitou na cadea da Coruña.

Das andanzas de Pepa, a Loba, cóntanse mil e unha aventuras que darían para tecer, de lugar en lugar, a mellor rede viaria imaxinaria da xeografía galega. En Cambás, Aranga, hai un cruceiro, disque erixido en memoria da mítica bandoleira, e por alí anda a Fonte de Pepa, a Loba.

En El Correo de Galicia (21 de febreiro de 1906) cóntase que na cidade de Bos Aires tivo lugar un incidente nunha taberna de “baja esfera” cuxa principal protagonista foi a moza coñecida como La Loba Chica, que viña sendo, din alí, filla da célebre Pepa, a Loba, tan coñecida en Galicia. Houbo dous mortos, un foi o marido da Loba Chica e outro un individuo de malos antecedentes.

Non sabemos que pasou máis, nin que era entón da nosa heroína. En canto á pregunta sobre se foi ou non muller de carne e óso, a resposta, como sempre que se trata de mitos, está no vento ou, se non lle presta, no que se conte na XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Será en Lugo, este 27 de outubro.

©Antonio Reigosa

Publicado en El Progreso (10 de outubro de 2018)

+ info sobre a XI XORNADA DE LITERATURA ORAL


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: