Actualizado en data 11/12/2018

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Lendario do castro de San Romao

Deste castro sito no concello de Santiso (A Coruña), xa na década dos anos 30 do século XX, o ilustre prehistoriador don Florentino López Cuevillas, recolleu unha lenda que aparece publicada no "Terra de Melide" do Seminario de Estudios Galegos, do ano 1933. Dita lenda refire como "entre o Castro de San Romao e o das Varelas hai tres vigas; unha de ouro, outra de prata e a terceira de alquitrán". Trátase pois dunha das lendas máis comúns relacionadas co fenómeno folclórico dos Castros galegos, tantas e tantas veces repetida.

Mais hoxe increméntase o lendario deste castro con outros relatos recollidos por Elena Salgado, veciña da aldea de San Román, que foi recompilando da man de familiares e veciños, e que amablemente facilitou para coñecer un pouquiño máis o compoñente mítico que se asocia a ese castro. Foron tres as lendas recollidas pola mencionada informante, que reproducimos de xeito literal para non mudar o seu contido:

«Entre o Castro de San Román e o de San Martiño, hai tres minas, unha de ouro, unha de prata e outra de alquitrán. Aínda hoxe en día se pode ver por onde van as minas. Se atopas a de ouro, ou a de prata, faste rico, pero se atopas a de alquitrán arde a parroquia enteira».

Esta lenda é a mesma que recolleu Cuevillas, posto que o castro das Varelas e o de San Martiño son o mesmo. Este Castro sitúase no Concello de Melide, a uns dous km de distancia do de San Romao. Podemos ver como a lenda aínda sobrevive case un século despois.

«Se o día de San Xoán ó abrir o día miras cara ó Castro, podes ver a galiña dos pitos de ouro pola Fonte Tibia» (a fonte Tibia, sitúase ó leste do Castro a unha distancia aproximada de 50 metros).

«Se unha noite clara de luar miras cara o Castro de San Román, podes ver un mouro todo vestido de negro».

Deste xeito pode concluírse que este castro conta co lendario máis representativo relacionado coa cultura castrexa: o das tres minas, vigas ou trabes; o da galiña cos pitos; e, como non, cos omnipresentes mouros que tan argalleiros e facedores deberon ser.

 [Información de Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz, de Melide (A Coruña). Marzo de 2018]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: