Actualizado en data 22/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Palabras con misterio

Hai palabras, falas e ditos que andan arredor de nós e que a maioría non entendemos. Neste grupo están as xergas, moitos refráns e frases feitas de todo tipo, ademais de palabras esquecidas, de uso local ou profesional restrinxido, que nin sequera aparecen nos dicionarios galegos ao uso. Por iso, na Xornada de Literatura Oral tamén trataremos destas palabras que gardan un misterio, un enigma ou un segredo.

 “Ir e vir chámase carrear”, quere dicir que hai que ir facendo as cousas aos poucos e con xeito. En cambio, “A gata co apuro trouxo os fillos cegos” dá a entender que as présas non son boas. Tampouco convén confiarse pois “O mellor mariñeiro morre no mar”. En definitiva, o mellor é traballar para facer as cousas ben e non “Cantar no papo” (agardar que apareza feito) nin tampouco “Comer a figura” (insistir para que o que debera facer un o teñan que facer os demais).

Velaí estas combinacións de palabras, expresións que algunhas persoas usan na vida cotiá. Esta disciplina conta en Galicia con cualificados expertos como a profesora Mª Rosario Soto Arias que será quen tratará sobre a “Presenza de valores antropolóxicos, etnográficos e míticos na fraseoloxía”.

Outro grupo de palabras con incógnita é o que nos vai achegar Isidro Novo na intervención “Orfanato para ágrafas: Palabras ao ventimperio”. Existe un numeroso grupo de palabras e acepcións que por diversas razóns non atoparon sitio nos dicionarios e que están en verdadeiro perigo de extinción. O propio Isidro é o responsable da sección “Palabras con Memoria”, accesible na web da AELG, co obxectivo de recuperar estes vocábulos esquecidos e poñelos ao servizo dos falantes.

Sirvan de exemplo “Urcado”, que se lle di por Valdeorrras a unha persoa posuída e perigosa; “Gandumiar”, verbo usado pola Fonsagrada cando se rouba con malas artes, ou “Lulú”, que é o que lle chaman os de Miño aos de Lugo cando van alí á praia polo verán. “Lulú” vén do “LU” das matrículas das coches.

Para rematar preparamos un faladoiro arredor dunha xerga ou xiria de orixe descoñecida chamada Verbo, Verbo Xido, Verbo dos Buxas, Verbo dos Arginas, Lacre dos Arginas, Ghalrrucio ou Latín dos Canteiros. Van intervir catro especialistas; Xesús Antón Gulías, investigador, e os canteiros Marcos Escudero, Xabier Quijada e Faustino Santiago Lema.

Esta fala gremial, exclusiva dos canteiros dalgunhas bisbarras galegas, sobre todo de Terra de Montes e Bergantiños, usábana, segundo algunhas estimacións, un 20.000 individuos a principios do s. XX. Agora xa quedan moi poucos que a saiban e apenas teñen oportunidade para practicala. Aínda que non desapareceu de todo o oficio, a maneira de traballar a pedra mudou tanto que xa non hai ocasión, nin necesidade, de usar esta fala secreta coma fixeron ao longo de moitos séculos os nosos canteiros.

“Verbo xido miña purria / que intervas por areona / heiche de aniscar os zuros / e mais rosmarche a morrona” cantaban os de Fuxan os Ventos hai case 40 anos! Se lles apetece vémonos para traducir ao galego coloquial esta copla e para aprender máis destas falas. Xa saben; a cita é o día 21 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo.


©Antonio Reigosa

Disto e doutros asuntos relacionados trata a  X Xornada de Literatura de Tradición Oral que se vai celebrar en Lugo o 21 de outubro de 2017; o tema “Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes … con historia”. (+info)

Artigo publicado en "El Progreso" o 18 de outubro de 2017.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: