[Guión para radio] Oficios tradicionais: A costureira
Autor: Manuel Rico Verea

A costureira é un dos oficios máis populares e ben dá conta deste feito o cancioneiro de tradición oral.

Vente vindo, ven cantando quérelle rende-la homenaxe merecida dedicándolle este capítulo relendo a Cabanillas, a Cotarelo Valledor e a cantos escribiron e compilaron os seus cantares.
A importancia deste oficio, agochado hoxe no traballo somerxido, radica tanto na lírica creada arredor da súa figura como no papel de transmisora da lírica popular; quen se acorde dunha costureira acordarase dalgún dos seus cantares; acordarase dunha muller cantora.


O cantar da costureira
éche un cantar moi baixiño
que non pode cantar alto
porque canta de seguido.

O cantar da costureira
é cantar que nunca acaba;
como gasta moito fío
bota coplas enfiadas.

A simpatía deste caravel, da costureira, espertou o espírito colector de Armando Cotarelo que publica no ano 1931 o Cancioneiro da agulla coas máis significativas cantigas que nos falan deste oficio.

Contábame o mordomo da súa casa de Boimorto que sempre tiña un lapis afiado no seu peto para tomar nota de canto cantar, dito ou refrán escoitaba. Como estudoso da poesía medieval galega, ben sabía onde estaban as raíces dos cantares, a seiva onde beberon os grandes líricos desta terra.

Nas cantigas tradicionais, nas cuartetas soltas de versos octosílabos, das que nos chama a atención a súa brevidade e a súa concisión, podemos ver a forma de vivir, a maneira de ser e de pensar das nosas xentes e tamén da costureira.

Andaba ela de casa en casa. Coa súa sinxela máquina na cabeza cruzaba carballeiras, soutos e fragas, andaba camiños e corredoiras e vivía a frescura dos novos días, ó risca-lo sol, e o recender dos nosos campos ó solpor.

Daquel andar de pedra en pedra por corredoiras apertadas xurdiron tales cantares.

¿Non te acordas, queridiña
dunha noite de luar?
Ti contába-las estrelas
e eu miraba pró chan.

Deste camiñar por camiños e arredores buscando o abrigo dos valados, alguén, cheo de rabia ou envexa, deixou esta espiña para ela.

Mala morte matadora
veña polas costureiras
que comeron as amoras
e secaron as silveiras.

Pero temos outros versos que nos falan das súas andainas e das súas chatas.

Costureira, costureira
te-las pernas esfoladas
de subir polas paredes
e baixar polas ventanas.

Costureira non a quero
se ma dan ríome dela;
cantos pillos hai na rúa
dormen na cama con ela.

Canción: Vai de roda en roda

Pero a maioría das cantigas foron creadas para gabala. Gábase pola súa fermosura; elas son as señoritas de media tesoira; elas saben leva-lo fío dos amores e facer novelos para dar puntadas aquí e acolá; elas recrean as romarías; son fillas de labregos pero teñen mans de señoritas, teñen mans de mozas fidalgas, teñen facilidade para recibir amores porque son amigas dos mozos como as abellas son amigas do mel.

As costureiras bonitas
foron feitas ó cicel;
son amiguiñas dos mozos
coma as abellas do mel.

E mel deben ter polas moitas gabanzas cantadas:

O primeiro amor naiciña,
o primeiro amor que eu tiven
foi dunha costureiriña.

O amor da costureira
é un amor moi delicado;
cando lle apertan o dedo
sempre entende aquel recado.

Costureiriña bonita
que a aquel pazo foi coser
e no medio da escaleira
xa lle deron que facer.

Tódalas costureiras
eu direi quen elas son;
apretadiñas da cintura
e grandes de corazón.

Costureiriña bonita,
bonitiña costureira
o día que non te vexo
ata me cae a monteira.

Costureiriña bonita,
lévame os bois a beber;
irás e virás á fonte
para volvermos a traer.

Costureiriña bonita
eu non a quixera ser
que a pera que está madura
todos a queren comer.

Canción: Costureiriña bonita

O cancioneiro tamén nos di que a costureira é melindrosa e mixiriqueira, que é cerimoniosa en cumpridos e cortesías...

Son chatas todas elas que proceden por envexa das outras mozas por estaren arredadas dos duros traballos labregos

A costureiriña aseñoritada
leva no peito as agullas chantadas;
que te leve o diaño, roxiña do pelo
¿para que quére-lo teu agulleiro?

Costureiriña bonita
¿onde deixa-los melindros?
-déixoos na hucha pechados
para poñe-los domingos.

Costureira melindrosa
¿onde deixa-los melindros?
-téñoos gardados na hucha
pra repartir os domingos.

Costureira melindrosa,
arrechégate a este balo;
quéroche contar un conto,
o conto do meu cabalo.

Costureira melindrosa
dis que non comes touciño;
aínda comes porco enteiro
desde o rabo ata o fociño.

Costureira melindrosa
dáme unha agulla de prata
para quitar esta espiña
do corazón, que me mata.

Son máis abundantes as cantigas que nos falan da súa fermosura, do seu aire festivo, da súa facilidade en recibir amores, da súa habilidade para cravar espiñas no corazón dos mozos en festas e ruadas e, por iso, as mozas labregas lle cantan ós mozos:

O amor da costureira
era papel e mollouse;
agora, costureiriña,
o teu amor acabouse.

O amor da costureira
é un amor que pouco dura
porque todas elas teñen
un ramiño de loucura.

Costureiriña bonitas,
Bonitiña costureira,
Como xa te queren tantos
Quedarás sen quen te queira.

E ata as irmás dan categóricos consellos:
Amores de costureira
non os queiras, meu irmán
que teñen as pernas tortas
de estar sentadas no chan.

Elas, as costureiras, ben saben que hai linguas murmuradoras e teñen quen fale mal delas e, por iso, fan a advertencia...

A quen diga mal de min
ou da miña compañeira
heille de pica-la lingua
coa punta da tixeira.

Canción: María Balteira

Segundo di Lamas Carvajal as costureiras comezan os seus cantares dándolle as grazas a quen tivo o acerto de encamiña-las no oficio.

Deus llo péguea miña nai
que me puxo a costureira;
vén a auga e non me molla,
vén o sol e non me queima.

A fermosura da costureira radicaba na súa vestimenta, coidada por ela mesma, e pola finura da súa pel e das súas cores...

Era un tempo en que a brancura estaba de moda e deso se lamentaban as mozas labregas que tiñas que sachar, segar ou mondar mentres a costureira axexaba pola ventá.

Costureiriña bonita
¿ti que fas polo verán?
Eu sachando no millo
e ti coa agulla na man.

Ben se bota de ver que as modas cambian co tempo. Hoxe todas buscan bronceados de sol ou doutros elementos. Aquí temos o contraste e a resposta dunha labrega:

Anque che son moreniña,
anque che son moreneira,
anque che son moreniña
éche do sol que me queima.

Se pola condición do seu cómodo traballo era envexada o certo é que traballaban de sol a sol por un pequeno xornal; ´mais o descoñecemento dos traballos labregos servíalles de punto de partida ás outras mozas para satirizala.

A pesar de ser cobizada pola súa consideración social ás veces é rexeitada polo mozo sabedor da posibilidade de casar cunha labradora xeitosa e sabedora do seu oficio:

Costureira non a quero
tecelá xa che ma dan;
quero unha labradora
que saiba coce-lo pan.

E o cumio do desprestixio ¿ou despeito? Chega dos versos finais desta copla:

Unhas sonche costureiras
e outras sonche tecelanas;
seique o demo mas apara
tódalas burras cansadas.

Deste intento de mofa e de burla tampouco se escapa quen moito que ten que ver con este oficio e que aquí vai emparellado:

Agora que veu o tempo
de malla-lo pan na eira
que parella van facer
o xastre maila costureira.

E postos a escoller, aínda que son oficios similares, quédanse coa tecelá por razóns que convencen.

Costureira non a quero
que a teño tecelana;
ergue un pé e baixa o outro
e dá bo durmir na cama.

O cancioneiro tradicional é abundante en cuartetas que nos describen as súas chatas e, aínda que estamos falando dunha época máis transparente nos comportamentos e tamén máis permisiva, o certo é que hai un bo número de coplas que a satirizan así:

Costureiriña bonita
dime onde te-lo niño;
Na carballeira da Illana
no máis alto ramalliño.

Costureiriña bonita
dime onde te-lo niño;
na horta do señor cura
detrás daquel ramalliño.

Costureiriña bonita
dime onde te-la cama;
No poleiro das galiñas
nunha presiña de palla.

Paxariño millarengo
non me píque-las cereixas
porque as teño gardadiñas
para lle dar ás costureiras.

Pasei a ponte da vila
paseina nunha carreira,
corría tras dunha lebre
e atopei á costureira.

Unha pera, dúas peras,
non tiña máis a pereira;
unha pera fíxoa o xastre
á conta da costureira.

A costureira, queira non queira, sempre tivo sona de señoriteira... e ás veces é tan certo que "non sabe para que se fixo a peneira".

A súa condición de aseñoritadas ten moito que ver por ser cumpridas bailadoras e, como elas son as que fan a súa vestimenta que sabían lucir cun aquel moi persoal ata se chega a cantar que a Nosa Señora tamén quere ser costureira nos seus cantares:

Nosa Señora da Barca
vele aí vai pola ribeira
en manguiñas de camisa
parece unha costureira.

Comparación que aínda levaron máis aló as mesmas costureiras:

Nosa Señora da Barca
ben a vin pola vidreira
cunha agulliña na man
deprendendo a costureira.

E ata fixeron a unha santa costureiriña bonita.

Santa Rita franciscana
que é curmá de San Francisco
é costureira no ceo
faille as camisas a Cristo.

Como boa coñecedora da arte de namorar, porque saben contar contos, cantar cantares e conversar docemente porque..."tódalas costureiras son amigas da conversa
e o que con elas parola non che pode levar présa", a elas lle preguntan outras mozas.

Ven aquí, costureiriña,
que che quero preguntar
que colores ha de ter
a cinta de namorar.

Cinta, dedal... todos eles símbolos do que a moza pode perder ou pode dar. Mais só perde e dá quen ten como ten a costureira.

Costureiriña bonita
onde perdich'o dedal?
No torreiro da Penela
cando fun onte bailar.

Costureiriña bonita
onde che vai o dedal?
Perdino na carballeira
unha noite de luar.

Costureiriña bonita
onde che vai o dedal?
No poleiro das galiñas
na raia de Portugal

Costureiriña bonita
volve polo delantal
que cho levan de bandeira
na raia de Portugal.

E como perden as cousas tamén se perden elas.

Toda a miña vida andiven
tras dunha costureiriña;
agora quedei sen ela
como unha agulla sen liña.

Elas cantan, elas contan e tamén saben bailar aínda que non sexan calidades reservadas como canta outra labrega

O cantar e o bailar
todo é das costureiras;
Tamén é das labradoras,
daquelas máis churrusqueiras.

E, como podemos ver na descrición que delas fai Rosalía, a costureira cumprimenteira nin sacha no campo nin malla na eira, nin lava no río, nin vai apañar toxiños secos entre o piñeiral... Ten mans de señora, mans de fidalga, boca de raíña, corpo de dama, cómprelle a seda e fuxe da lama.
E dille a santiña "¡Fuxir da lama quen naceu nela...!
Ó que lle contesta:

Santa santaza non sodes cumprida
dicindo cousas que fan ferida.
falaime só das muiñeiras
daquelas voltas revirandeiras.
Costureiriñas, ó fin, que ata do amor se van rindo...

A agulliña vai cosendo
e o dedal vaina seguindo;
así fai a costureira
que do amor se vai rindo.

E rematamos con máis cantigas que polo enxeño, pola ironía ou pola sátira non merecen quedar no tinteiro:

Costureiriña bonita,
palilleiriña garbosa;
na horta da costureira
hei de plantar unha rosa.

Costureiriña bonita
a túa agulla picoume
e ti, como es bonitiña,
a picada consoloume.

Costureiriña bonita
dáme a cinta do teu pelo
que a miña vai en Castela
no sombreiro de don Pedro.

A costureira bonita
Dáme de beber e bebo
Do viño da súa pipa.

E rematamos co saber do refraneiro que sempre aporta o dito agudo e sentencioso dun oficio que xa desaparece. Xa non hai costureiras porque nos din que o trapo de hoxe non vale para mañá...

A costureira detrás do cristal
pinchada no dedo e tres no dedal.

A muller costureira
non sabe onde está a lareira.

Non sabe a costureira
para que se fixo a peneira.

Costureira sen dedal
cose pouco e aperta mal.

O andar ben vestida fai á moza ben garrida.

E un consello máis ...:

Na casa do rico, que fai mala vida,
puntada alargada para acabar axiña;
Na casa do pobre, que dá do que ten,
puntada curtiña e apertala ben.