A FESTA DA PITA

A ORIXE

O domingo 12 de febreiro de 2006 marcou o início da Festa da Pita, unha festa recuperada polos viciños e viciñas dAs Eiroás (Ourense) no ano 1999 depois de cuase 30 anos sen se celebrar.

A orixe desta festa remonta-se a finais da década dos '50; e a razón que impulsou ao pobo a realizá-la foi a voda entre dous viúvos da zona (don Antonio Guimarey e dona Gumersinda de Benavides, por mal nome: A Pita). A vella tradición de "fazer cinzarrada" ao viúvo ou viúva que casaba, viu-se aqui reforzada pola situación pouco habitual dos dous contraíntes atoparen-se nese estado. Así, logo, foi-lles reclamada unha cuantidade económica para realizar unha festa "como mandaba a situación". Ao negaren-se os noivos a fazé-lo, as xentes do lugar comezaron a lles tocar o corno e outros instrumentos improvisados fazendo forte escándalo e enteirando a todas as xentes dos arredores. Se pagaron a festa ou non, non o temos craro (hai quen di que si), mais o asunto é que apartir de entón comezou a se celebrar por esa data nAs Eiroás a mais popular das celebracións pagás: o Entroido. A festa, na honra da noiva, coñeceu-se algún tempo como Festa da Pita, pois era o alcume da protagonista, e celebrou-se até comezos dos '70, desaparecendo entón non sabemos ben porqué até no ano 1999 a A VV recuperar o festexo, celebrando-se desde aquela nAs Eiroás o ciclo tradicional do Entroido.

OS DÍAS

Este ciclo comeza o domingo de septuaséxima do calendário litúrxico (nesta edición, o 12 de febreiro) coa celebración do Domingo Fareleiro (tambén coñecido como Borrallento), dia no que o farelo e a fariña -ademais doutros elementos como a borralla, a cinsa...- protagonizan a xornada nunha luita entre mozos e mozas, homes e mulleres, convertendo-se -xunto coa música- nos primeiros anúncios do Entroido. Nesta xornada tambén é colocado o Meco na praza, quen presidirá a nosa Festa até a sua fin no Martes do Entroido.

Prosegue a Festa da Pita o seguinte domingo -de sexuaxésima- (o 19 de febreiro) coa celebración do Domingo Oleiro (nomeadamente coñecido como Corredoiro na Galiza). Neste dia comeza-se "a correr" o Entroido. Tambén neste dia sae por primeira vez a Pita (máscada dAs Eiroás, adoitada polo Concello de Ourense). Neste día ten lugar o Xogo das Olas, xogo no que unha roda de homes ou mulleres van-se atirando unha ola dos uns para os outros cheia de água, plumas... Cuando alguén non consegue apañá-la e deixa que escache no chao, perde e, ademais de ficar todo mollado ou cuberto de plumas, ten de pasar pola taberna a pagar o viño para toda a roda. Según Taboada Chivite e outros etnógrafos, na cidade de Ourense este xogo praticaba-se no Domingo Corredoiro ou no Xoves de Comadres.

E a Festa remata o Martes do Entroido (neste ano o 28 de febreiro). A xornada comeza pola mañá con un Folión que percorre o bairro anunciando con Pitas, gaiteiros, bombas e máscadas que chegou o dia grande. Depois do xantar os viciños e as viciñas converten-se en actores e actrizes improvisados/as da Voda da Pita (unha representación do que puido ser aquela voda que dera orixe à festa). Posteriormente, un Baile de máscadas, co seu concurso, leva-nos até a noite, momento no que despedimos o Entroido coa Queima do Meco.

O TRAXE DA PITA

No ano 2001, tentando perpetuar a lembranza da orixe da Festa da Pita e os seus protagonistas así como querendo concebir un novo símbolo que identificara ao bairro e á propia festa; crea-se a máscada da Pita, feita con estuque e cartón-pedra á medida da persoa portadora.

A parte dianteira da máscada vai en branco e negro e na traseira leva un deseño relacionado coa natureza ou co matrimonio, coa particularidade de non se poder repetir os debuxos entre máscadas. Da parte superior arrinca, entre plumas de vivas cores, o pescozo da pita, que proxecta o traxe cara arriba fazendo-o visíbel.

No ano 2002 apresenta-se o traxe, consistente nunha vestimenta elegante (temos que lembrar que imos "de voda") que tenta mesturar as bases do traxe tradicional galego coas premisas entroideiras. Falamos pois, dunha chaqueta curta e dunhas calzas curtas negras sobre unha camisa e unhas meias de encaixe brancas, às que acompañan unhas polainas negras e diversos ornamentos. Dos brazos da chaqueta colgan sendas capas cheias de plumas de vivas cores (a xogo coa máscada) rematadas por 4 pontas das que colgan cadanseu axóuxere. As calzas tambén levan 6 axóuxeres (3 por cada perna) no fondo das mesmas (ou sexa, á altura do xoello) das que colgan 4 fitas das mesmas cores empregadas no resto do traxe. A camisa é branca, sen pescozo, pois de aquí saen diversas fitas das cores habituaes. As meias son brancas de encaixe. As polainas son negras e tambén conta con 2 axóuxeres por perna e 4 fitas. Ademais, o traxe complementa-se con un cinto de coiro, do que colgan un mínimo de 15 pequenas chocas e con unha bolsa tambén de coiro na que as Pitas levan os ovos que atiran a quen se cruza no camiño (recheios de penso e algúns de verdade). Dos ombros saen outras fitas máis grosas e máis longas que son as que indican a antigüidade da Pita, engadindo-lle unha fita ao traxe por cada ano que corra o Entroido. A chaqueta tambén está adornada por unha insignia de prata que representa á máscada, e que é a única peza do traxe que se pode levar todo o ano.

O 2006 será o 5 ano que este traxe corra o Entroido. Nesta curta traxectoria, A Pita erixiu-se nun novo símbolo do bairro dAs Eiroás e conseguiu consolidar o proxecto de recuperación dunha festa curiosa e entrañábel.

PROGRAMA DE ACTOS 2006

A PITA CASA

O "Glamour dAs Eiroás" reunirá-se vindeiro martes 28 para asistir, un ano máis, ao enlace matrimonial de D. Antonio Guimarei e Dona Gumersinda de Benavides "A Pita". O evento terá lugar na Praza dAs Eiroás e, ao mesmo, está previsto que asistan as máis relevantes persoalidades da sociedade do bairro e mesmo do mundo.

Este será o último día da Festa da Pita, que chega esta ano á súa 8 edición. Unha festa que, pouco a pouco, vai-se consolidando dentro do calendário ourensán.

A xornada comezará xá pola mañá cuando, depois das 11, o Folión do Entroido -formado por Pitas, gaiteiros, foguetes e máscadas- percorra o bairro anunciando que xá chegou o día grande,.

Depois do xantar os viciños e as viciñas converten-se en actores e actrizes improvisados/as da Voda da Pita (unha representación do que puido ser aquela voda que dera orixe à festa). Posteriormente, un Baile e concurso de máscadas, amenizado pola Orquestra RÍO MIÑO, leva-nos até a noite, momento no que despedimos o Entroido coa Queima do Meco, berrando aquilo de

Adeus Martes do Entroido

adeus, meu amiguiño;

até Domingo de Páscoa

non comeremos máis touciño

Vivide o Entroido!!!!!

Asdo.: lois pardo

 

Asociación dos AMIGOS e das AMIGAS DA PITA -

R/ dos Chaos, s/n (Antigo Lavadoiro)

32001 - OURENSE

correio-e: festa.da.pita@gmail.com