VIVENCIAS DA MIÑA INFANCIA
A FEIRA DE PACIOS, BEGONTE (LUGO) (I)
(Artigo publicado previamente no folleto "Recuperación da feira de Pacios", 2006)
José Manuel Blanco Prado
Revista de Investigación nš 3, 2007.
ISSN 1887-2859
O tempo pasa mais os recordos sempre fican na interioridade do ser humano. E as vivencias de cando un era neno e, logo, rapaz, son moi difíciles de esquecer, xa que no fondo seguimos tendo algo de nenos, e iso é o que nos salva.
Os meus pais, nados nesta parroquia tranquila, acolledora e con boas iniciativas de cara ao devenir, influíron, dun xeito decisivo, na miña ligazón con esta entidade social. Así, dende neno, viña a miúdo a pasar longas tempadas a Casa da Lamela en Carballido. Alí, tiven aínda a sorte de coñecer a miña aboa materna, e manter relacións agarimosas cos meus tíos e madriña e, logo, cos meus curmáns.
Teño recordos moi ledos do verao, cando ía á sega da herba e axudaba a pisala na palleira. Logo, viña o tempo da sega dos cereais, a colocación dos medeiros nas terras de labor e das medas na aira, prestas para a malla. Os xantares e merendas que se realizaban nos cómbaros ou nas airas o remataren estas tarefas do estío eran moi especiais xa que contribuían a reforzar os lazos de vecindad. Nos meus recordos, tamén conservo o modo de facer o pan, a esfolla de maiz, os candís de carburo e palmatorias para alumear as diferentes estancias da casa, a matanza dos cochos, o carreto, o clareo da roupa no regato do Carme, a pesca nos caneiros de Carballido e do Cordal, e, como non, a cantidade de romeiros de a Coruña e Lugo, que viñan ofrecidos, o día da Ascensión, á capela do S. Adriano e S. Xiao.
A partir dos catorce anos, as miñas vacacións comecei a pasalas na antiga "Casa da Taberna Nova", onde hoxe vive a miña afillada coa súa familia. Daquela época recordo con ledicia os contactos que mantiña cos meus tíos e curmáns de Baamonde: os Blanco e os Lamela.
Pois ben, meus amigos, estes breves recordos e moitos máis foron a esencia inicial da miña identidade como persoa, que aínda segue facéndose, e ó mesmo tempo o fundamento que contribue a consolidar outras un pouco esquecidas.
ALGUNHAS FOTOS DA RECUPERACIÓN DA FEIRA DE PACIOS DE BEGONTE (LUGO). ANO 2006.
ZOQUEIRO DE STA. CRUZ
( O VALADOURO).
UN BO FEIRANTE BEGONTINO
DOMA DE CABALOS
GRUPO DE GAITAS NA FEIRA
VISTA XERAL DALGÚNS POSTOS DA FEIRA