Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Alicornio

Tamén chamado Alicor, Alicorno, Alicorne, Alicornia, Licorno, Licornia e Licornio. Probablemente se refira ao do animal mítico chamado Unicornio.
Os cornos ou as raspas de Alicornio combaten o mal de ollo e o meigallo; mesturados con leite e facéndolle tres cruces por riba dáselle a beber ao enfermo. Están indicados contra o tangaraño, as dores de parto e contra as cobras para que non mamen o leite das vacas nin o das mulleres. A serpe que bebe este preparado morre instantánea. Lévanse en estoxos de prata ou latón pendurados do pescozo.
Para curar o coxo das persoas din en Cualedro (Ourense) que é moi bo o corno bendicido de Alicornio pasándoo pola parte dorida facendo cruces e sacudindo.
O máis común é levar o po deste corno no engaste dun anel de prata posto no dedo anular para preparar a chamada "auga de Alicornio". A auga, ou a comida, onde se meta este anel ten a virtude de curar mordeduras, o cuchizo dos porcos e ata fai levedar o pan máis rápido do normal.
En Ocero, no Bierzo, chámanlle Alicor a un cornecho pequeno, propiedade colectiva de toda a aldea. Gárdao na casa a persoa que sabe a maneira de usalo e cando morre esta pásallo a outro que aprendese a sacarlle bo proveito.
Na xoiería Refojo de Lugo, fundada en 1903, facíanse encargos de aneis de alicornio, especialmente indicados contra os ataques epilépticos. Confeccionábanse fundindo prata de “sete marías”, ou sexa, prata que tivesesn usado sete mulleres chamadas María; e logo poñíaselle un estoxo cun anaco de uña de vacaloura.
Parece que en certa ocasión por non haber a man uña da vacaloura puxeron no seu lugar un anaco dun botón, e que a sortella provocou os mesmos efectos beneficiosos. Cóntao o dono actual da xoiería e manifesta que como proba do éxito do anel recibiron de agasallo uns chourizos. O que non conta, se cadra non o sabe, é de que óso, ou unlla, e de que animal, fora feito o botón sustituto.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: