Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Fauna

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Que sabemos do cuco?

O cuco común (Cuculus Canorus) é ave migratoria que viaxa, que vai e que vén todos os anos entre a África central e meridional e case toda Europa. O nome polo que é coñecido en moitas linguas ten orixe onomatopeica: Coucou en francés, cuckoo en inglés, kuckuck en alemán, cucut en catalán, cuco, ademais de en galego, tamén en español e portugués. Dinos Manuel Vicente Rial Ces que un dos nomes que lles gusta moito aos cucos é o de Martiño, e que os traten de señor: señor Martiño.

Cando chega á nosa terra, a finais de marzo ou primeiros de abril, anuncia co seu canto o remate do inverno e a chegada da desexada primavera. A comezos do verán, o cuco enmudece e desaparece das nosas vidas, anunciando a súa ausencia que tras os calores volverán os fríos, escuros e longos invernos.

El cuco y a rolla / y el parpayegar / son as tres aves / que pasan el mar (Acevedo/ Fernández 1932)

Pero o seu canto tamén pode ser premonitorio e interpretalo forma parte dos saberes da ornitomancia. E mesmo se utiliza como oráculo pois “responde” preguntas tan delicadas como os anos que nos poden faltar para casar ou para morrer.

Outra característica ben coñecida do cuco é que non constrúe niño e para reproducirse pon os ovos, entre 8 e 12, en niños alleos para que outros paxaros choqueen e crien os seus fillos. Soe escoller niños de paporrubios ou chochíns, e, en xeral, de ducias de paxaros case sempre moito máis pequenos ca el.

A voz “cuco” é moi frecuente na toponimia e mesmo na antroponimia. A ampla e variada mitoloxía arredor do cuco considérao pícaro, egosita e folgazán, símbolo de “cornudos” e da infidelidade conxugal. A época do ano en que comeza a escoitarse o seu canto, o equinoccio de primavera, é simbolicamente clave no desenvolvemento do ciclo anual.

O cuco folgazán

Nunha ocasión na Rilleira de Cesuras, en Mondoñedo (Lugo), chamaron ao cuco para mallar, e contestou:

—Se vai sol, heime de poñer á sombra. Se hai nubrado, cuco, e se chove, para aló irei. (Lence 2000)

Outra versión, esta procedente de Riotorto (Lugo), di:

Cando os veciños chaman o cuco pra ir mallar dilles o cuco: -Se fai sol téñome que por a sombra, se non fai sol teño que cucar e se chove pra lo irei [Recollido por Miguel Gutiérrez no lugar das Rodrigas, parroquia de San Pedro de Riotorto a Consuelo Estoa (Chelo da Carnicería) en 2010]

Cando chega o cuco?

Os maiores de Ferreira do Valadouro dicían que o cuco chegaba a Ribadeo o primeiro de abril. Logo cucaba na feira de santo Acisclo do Valadouro, e outro día en todo o val do Valadouro. (Lence 2000)

O refraneiro di:

-Entre marzo e abril sae o cuco do cubil

-Se o cuco non vén o quince de abril, o cuco morrer ou a vir a fin.

-Entre marzo e abril, sai o cuco do cobil, pois coa neve non quer vir. (A neve tardía chámase "neve do cuco").

-Entre marzo e abril, se non veu o cuco quer vir a fin.

-Entre marzo e abril, o Cuco, ou a fin (do mundo).

-No abril sai o cuco do cobil.

-O cuco no abril xa sai do cobil.

-O cuco no abril vive, e no maio revive.

-Ós comenzos de abril o cuco ten que vir; e se non volveu, ou prendérono ou morreu.

-Se marzo acabou e o cuco non chegou, algo ó cuco lle pasou.

-Se non víchelo cuco a mediados de abril, ou morreu o cuco ou vai vir a fin.

Cando marcha o cuco?

Segundo E. Lence Santar son moitos os labregos que din que o cuco non se vai desta terra, que se garda nos furados das árbores e das paredes, e alí pasa o tempo. Para probalo cóntase que hai anos na casa do Rapete, en Lagoa do Valadouro, unha noite de inverno, botaron ao lume un cachopo, e del saíu un cuco. Pola contra, na Rilleira de Cesuras, en Mondoñedo, din que o cuco camiña (marcha) tan pronto ve o primeiro medeiro, ou sexa que marcha polo mes da sega (xullo). (Lence 2000)

Por que no inverno non se ve o cuco?

Porque se disfraza de gabián, e así pasa seis meses. Di a copla: Tres meses de gabián / tres de tecelán, / tres de cuco, / tres de zapateiro / no alto dun sabugueiro. ( Miranda/ Reigosa: 2002)

Que di o cuco cando canta?

Mentres a femia emite un burbullar coma dicindo “pupupupu”, o cuco macho emite un sonoro "kukú". Cada lingua ten as súas interpretacións sobre o canto do cuco. En galego, por exemplo, dise que di: -Cucú-Tapa o cu-Tapa o cu (Lence 2000)

Por que o cuco non fai niño?

Porque lle queimaron a mai nunha meda de centeo. Desde aquela pasan dúas cousas: o cuco non ten mai porque pon os ovos en niño alleo, e ademais non soporta ver as medas de centeo. En canto se ven as primeiras, aló polo mes de agosto, o cuco moléstase e foxe. Daquela volve o inverno”. ( Miranda/ Reigosa: 2002)

Interpretación do cucar do cuco

Se o cuco canta coma con rouquexo, mal agoiro. Hai que comer a lamprea antes de que cante o cuco (Taboada 2000). Algo así nos confirma Carmen Blanco Sanjurjo cando nos di que “o cuco influe na calidade das lampreas; se xa se escoitou o cuco dise que a lamprea está cucada e xa non ten tanta calidade porque xa avanzou moito a tempada...” Mentras canta o cuco, non non se debe comer raia nin polbo. Refr.: Dendes que vén o cuco, fóra o pulpo. Se se oe o primeiro canto do cuco antes de erguerse ou sen almorzar, teremos preguiza todo o verán, e incluso todo o ano (Rivas 1978). Úsase a expresión “capoute o cuco” se escoitamos cucar o cuco por primeira vez no ano antes de almorzar, o que se pode interpretar de dúas maneiras: como un meigallo ou malfado que a un lle cae enriba, ou, incluso, como unha castración real. Sen embargo, tamén se recolleu a opinión contraria: de escoitar ese primeiro canto en xaxún, teremos sorte e viviremos moitos anos. (Rodríguez 1958-1961) En Frades, se cando vén o cuco o fai voando sobre os montes, dise que vai haber boa colleita, pero se o fai sobre a sementeira é sinal do contrario. Cando o cuco dá poucos “golpes” de canto, como dicindo ¡ta-pó-cú!, crese que anuncia unha mala colleita de pan (trigo). (Otero 1963) Cando os nenos van ver os ovos dun niño, procuran non falar, pois se falan vén o cuco e come os ovos. En caso de non poder aguantar sen falar, deben ter en conta o seguinte: se lle chaman ovos, vèn o cuco e cómeos; se lle chaman seixos, vèn o cuco e déixaos. (Rodríguez 1958-1961) Na Bretaña francesa dise que o canto do cuco anuncia matrimonio (Valladares 1884)

Como podo saber cantos anos me faltan para casar?

Se escoitas cantar o cuco, aproveita o silencio entre canto e canto, e pregúntalle así: —Cucú, rabo de zorra / cantos anos me dás de aquí á miña voda? Ou así: —Cucú, rabilongo cucú, mal andar, / cantos anos me dás / ata que me vaia casar? Contas os cucús todos ata que o cuco pare de cantar e eses son os anos que has tardar en casar. ( Miranda/ Reigosa: 2002)

Como podo saber cantos anos me quedan de vida?

Cando escoites o cuco cantar, entre ucú e cucú pregúntalle: —Cucú, rabo de anguía, / cnatos anos me dás de vida? Ou destoutra maneira: —Cuco rei, cantos anos vivirei? Cantos cucús contes ata que o cuco deixe de cantar, eses serán os anos que che quedan de vida. ( Miranda/ Reigosa: 2002)

As maxias do cuco

Onde cuspe o cuco nacen poutegas (Rivas 2001), planta que tamén se coñece como ameleira ou “mel do cuco”. Outros refráns sobre o cuco: -Desque vén o cuco, enche a cal e mailo suco. -Se oes o cuco tres días despois de San Pedro, cava, cavador, e non teñas medo. -Cando canta o cuco logo vèn o grau ó suco. -Coa chegada do cuco vèn o pan ó suco. -No tempo do cuco, á mañán me mollo e á tarde me enxugo. -O cuco e o predicador, canto máis altos, millor. -Ó cuco non lle cuques, e ó ladrón non lle furtes.

ANÉCDOTAS, SUCEDIDOS E CRENZAS ARREDOR DO CUCO

«Nos primeiros cursos da EXB tiven un profesor, Don Eloy, que nos contou que cando chegaba a primavera tiñamos que poñer na mesa de noite un anaco de pan e un vaso de auga, para comer e beber algo nada máis espertar. Se non, corriamos o risco de escoitar o canto do cuco, algo que, segundo el, tería consecuencias nefastas: contraeriamos a enfermidade do sono e andariamos apampados toda a primavera e todo o verán».

Xesús Fraga, xornalista

Dicían os vellos polas terras de X. Mª Díaz Castro (Os Vilares, Guitiriz):

—Cuco, por que non cucas?

—Porque non teño trigo nas huchas.

Xosé Antón Cascudo, cineasta.

En Xirarga, Beariz (Ourense), cando chega a primavera procuramos meter un bocado na boca antes de saír da casa, porque oír por primeira vez o cuco en xaxún é moi mal agoiro; dise que a persoa que o oe morre nese mesmo ano. Tamén estamos moi pendentes por onde entra o cuco na primavera, pois dependendo de por onde veña, así será o ano. Se vén pola Ribeira (polo sur) será un ano moi bo, de bo tempo e de boas colleitas… Se vén por Casaseto (polo suroeste) o ano non vai ser moi bo. E se vén pola Mulleriña e o Formado (do oeste ao noroeste), o ano vai ser moi malo; un ano seco e de fame”.

Ana Guerra Cañizo, editora

Lembro a miña nai, que tiña unha seria preocupación coa "capadura" do cuco. Ela sempre procuraba comer algo pola mañá para que non a capase o cuco e alertábanos a nós, as súas fillas, para que non se nos ocorrese saír sen ter almorzado antes. Miña nai tiña a certeza de que cada vez que a capaba o cuco, quedaba preñada. E somos 11 irmáns”.

Gloria, profesora de ESO (con orixe en A Fonsagrada, Lugo)

CONTOS DO CUCO

Hai moi poucos contos referidos ao cuco na tradición oral galega. Un deles foi recollido na escola Graduada de Nenos de Guitiriz, curso 1955-56, e publicado en Contos Populares da Provincia de Lugo, nº 200, co título “Para quen cucóu o cuco”. E di:

O tío Xan do Outeiro e mais o Bailón de Corbite, viñan un día prá vila de Guitiriz, pra arreglar a cobranza do susidio da vellez. Vindo polo camiño sintiron cucar o cuco, e díxolle o tío Xan ó Bailón: —Cucóu para min. E díxolle o Bailón: —Non, ho, que cucóu pra min. E sobre desto tiveron tal disputa, que acordaron levar o asunto a un abogado. Ó chegar ó despacho contáronlle ó señor abogado o choio que os levaba xunto dil. I o abogado, despóis de rascar un pouquiño a cabeza, díxolles: —Poñan cincuenta pesos cada un, e despóis dígolles pra quen cucóu o cuco. Sacaron de carteira e botaron encima da mesa os cincuenta pesos cada un. Entón o abogado, botando mau ós cartos, dixo: –Ahora dígolles para quen cucóu o cuco; cucóu… para min”.

Outra versión galega deste conto vèn en “Contos de vellos para nenos” baixo o título “¿Para quén cucou o cuco?”. Foi recollida en Mesía en 1981 a Consuelo Cruz Lata (edicón dixital) En “Cuentos asturianos recogidos de la tradición oral” por Aurelio de Llano Roza de Ampudia vén outro conto case idéntico aos nosos. Maxime Chevalier (Chevalier 1999), un dos grandes expertos no conto popular, dinos que este conto foi tradicional na España do Século de Ouro, e que o reproducen, entre outros, Juan Timoneda (El Sobremesa), Melchor de Santa Cruz (Floresta española), Covarrubias (Tesoro de la lengua castellana) e Correas (Vocabulario de refranes). Sorprende que non se rexistrasen coma no resto da península versións en Galicia (ou non sabemos delas) do conto tipo AT 1029 coñecido baixo o título xenérico de “A muller (xeralmente a esposa do Demo) de cuco na árbore” ou “Non é cuco que é cuca”. Estamos certos de que non tardarán en aparecer.

O CUCO DESDE AS ESCOLAS »CEP Pilar Maestú Sierra (A Pobra do Caramiñal) Equipo de Normalización Lingüística

»» Vídeo: O cuco (Poema de Manuel María / Musicado e interpretado por Suso Vaamonde)

©AReigosa

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Parabéns coma sempre. E unha aportación! Lembrei lendo o artigo una canción do recreo do colexio, en Vilagarcia de Arousa, aló polos anos setenta. Era unha canción coa que saltabas á comba: "Ei ei/cuco rei/cantos años vivirei/vintecinco non o sei/un, dous, tres, catro, cinco, seis..." E así ata que fallabas.

Enviado por Xulia Santiso o 24/01/2016 ás 13:03:26


Ca chegada da primavera meu avó (Fernando de Colexas) sempre nos obrigaba a almorzar algo nada máis espertar para que o cuco non nos capara. Se ouvías o cuco antes de meter algo ao corpo quedabas capado, e como consecuencia teríamos mala sorte o resto do ano.

Enviado por Xoán Carlos Pereira (Riotorto) o 08/03/2017 ás 13:57:47


Moi bo traballo e de grande interese. Nel hai literatura popular, imaxinación poética e documentación rigorosa, mesmo etnográfica, co seu aparato bibliográfico. Parabéns.

Enviado por César Morán. o 05/04/2014 ás 13:22:18


Tres aves cruzan o mar,a rula,o cuco e o paspallas!!
Preciosa esa escritura sobre o cuco!

Enviado por Margarita o 02/04/2019 ás 17:33:08


Enviar comentario a este artigo: