Actualizado en data 10/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Fauna

A serpe de Miraz

Cóntanme que alá polá década de mil novecentos corenta en Miraz, unha aldea do concello de Friol (Lugo), aconteceu un feito que deixou a tódolos veciños cheos de estupor.
Na casa dos Morandeira, unha das tantas familas que vivían, e viven, alí, e que como medio de vida se adican á cría do gando, á recollida e venda da leite, tiñan unha boa cantidade de vacas.
Os dous rapaces máis cativos da casa ían tódalas mañáns levar as vacas ás chousas a pastar. Logo, polas tardes, cando os rapaces chegaban á casa co gando os maiores preparábanse para muxir.
Sempre comezaban muxindo as vacas que tiñan para a venda do leite e remataban coa que quedaba na casa para facer os queixos e a manteiga coa tona.
A vaca, Rubia se chamaba, que deixaban para iso sempre era a que máis leite soía ter pero dun tempo para acó comezara a mermar ata que atoparon a "sorpresa".
Resulta que aquel día a moza da casa decidiu muxir a Rubia e así adiantar os laricos. A sorpresa foi moi grande cando viu enrodelada na pata traseira do animal unha serpe que estaba mamando dos tetos da vaca.
Chamou ós homes da casa pero eles agardaron para matala a que a serpe rematara o seu xantar, por medo a que mordera ó animal.
Só os que viron aquilo e logo mataron o animal acreditan nesta historia que xa é unha lenda naquela contorna.

[Información achegada por Francisco Lendoiro Serrano, de Oleiros (A Coruña)]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: