Actualizado en data 15/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

HISTORIAS CON HISTORIA

CATEGORÍAS RELACIONADAS

As Marías de Compostela

Coralia e Maruxa Fandiño Ricard eran dúas irmás costureiras, fillas de zapateiro e pertencentes a unha familia obreira compostelá de once irmáns. Tres deles eran destacados membros da CNT, sindicato anarquista, polo que tras o golpe de estado de 1936, un dos irmáns foi asasinado e os outros dous fuxiron. Elas mesmas, probablemente, eran militantes do mesmo sindicato. Esta circunstancia someteu ás irmás Fandiño, terían pouco máis de vinte anos, a unha constante persecucción por parte dos falanxistas: paseos ata o Monte Pedroso, rexistros nocturnos, paseos espidas pola vía pública, violacións, torturas… Cando foron arrestados os dous irmáns escapados a mediados da década dos corenta cesou a persecucción mais o mal xa estaba feito; ambas mozas entolearan, perderon os clientes que tiñan como costureiras e tiveron que vivir da caridade dos veciños. Algúns deles, sen embargo, coidándose de que non se soubese, deixaban cartos nalgunhas tendas nas que elas mercaban para cubrir as súas necesidades máis elementais. A proba máis contundente do afecto dos santiagueses sucedeu arredor de 1960 cando un temporal arruinou o tellado da súa casa. En poucos días, a recadación para os arranxos superaba o custo dunha vivenda naquela época. AS DÚAS EN PUNTO: Coralia e Maruxa Saían todos os días dar un paseo, sempre ás dúas en punto, engalanadas cos seus vestidos rechamantes e maquilladas con pós de arroz. Maruxa, a maior das dúas, piropeaba aos estudantes coidando que todos os homes estaban namorados delas. Maruxa morreu en 1983 e Coralia uns meses despois, logo de pasar un tempo cunha irmá na cidade da Coruña. Agora a súa memoria forma parte da imaxe pública da cidade. Unha escultura de César Lombera reprodúceas cos vestiarios coloridos que gastaban na entrada da Alameda compostelá e entre os moitos souvernirs que as tendas comercializan tamén aparecen as súas figuras inimitables. Xosé Henrique Rivadulla Corcón dirixiu un documental titulado “Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño” (2007) onde se conta a historía tráxica destas mulleres que tolearon a causa da represión política. AS MARÍAS: COCOS, BRUXAS, CHUCHASANGUES, VAMPIRESAS... Pero hai máis. Os procesos de mitificación, ou de demonización, son imprevisibles. Unha información que nos chega a través do facebook dinos que en Santiago había unhas vellas chamadas “As Marias”, tres irmás que vivían na Costa da Trisca, e que cando eran novas collian os nenos pra chucharlles o sangue. Logo, aos poucos días, deixábanos libres vivos pero moi desmellorados. Quen nolo conta di que xa se falaba delas sendo moza a súa nai. Cando escurecía se alguén berraba "As Marias" todos corrían para a casa. Eran bruxas malas. Tamén se conta que dúas morreron e que a terceira non se soubo nunca máis dela. [Información elaborada a partir de diversas fontes e da valiosísima aportación de Belén González. Novembro de 2010]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: