Actualizado en data 10/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Contos da tradición oral de Galicia

Conto: A merla

ATU 56A
[The fox Threatens to Cut Down the Tree and Gets Young Birds]
_______________
Había una vez, hai moito tempo, unha merla que vivía nun carballo e tiña no seu niño catro merliños. Un día pasou por alí un lobo que levaba moita fame e, vendo a niñada, díxolle á merla:
- Merla, dáme un merlo.
- Non, non cho dou que peco.
Entón o lobo díxolle:
- Arrevírate meu rabo e tira con ese carballo.
A merla tivo tanto medo de que lle tirara o carballo que lle deu un merliño.
Ó pouco tempo voltou o lobo a por outro merliño e díxolle:
- Merla, dáme un merlo.
- Non, non cho dou que peco.
- Arrevírate meu rabo e tira con ese carballo.
E a merla, chorando, deulle outro merliño.
Cando máis choraba a merla pasou por alí unha raposa e preguntoulle:
- Por que choras, merla?
E a merla contoulle o que lle pasaba.
A raposa, que era moi aguda, díxolle:
- Non fagas caso, burriña. Cando che volva o lobo dicir o mesmo, ti responde: “Os rabos dos lobos non tiran carballos, só os homes rexios con fortes machados”.
Así fixo a merla e xa non lle deu máis merliños e o lobo marchou co rabo entre as pernas.

[Versión achegada por Mª Celina Cruz Rodríguez, de Lugo. Novembro de 2013]

_______Nota da recompiladora
Este conto, como Os dous irmáns e o xigante (ver), téñollo escoitado moitas veces á miña tía Felisa.



Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: