Actualizado en data 22/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Contos da tradición oral de Galicia

Un novo papa en Roma e un novo rei en España [AT-566: The Three Magic Objects and the Wonderful Fruits]

Pois eran dous irmaos; taban co, co padre, non. E taban; eran pobres. Vivían do que traballaban por alí, pero taban pobres. Entonces morreulles o pai e dixo un dos irmaos:
- Temos que ir por aí adiante porque o meu sino non me dá, non me dá esto que tamos facendo nosoutros; o meu sino dáme ser rico e aquí non é posible que seamos.
- Ai -dixo o outro-; ai, pois vamos. Se es rico darasme algo a min tamén.
Bueno, marcharon. Tuveron un día e tal pero despois, ó outro día, chegaron así a un cruce dos camiños e díxolle o, dixo:
- Mira, os dous xuntos non vamos ben. Tu vaste por ese camín i eu voume por este. ¡I eu hei ser Padre Santo en Roma e tu has ser Rei en España!
E dixo o outro:
- ¡Si, vámosche ben pa eso!
Dixo [o outro irmán]:
- Tu ven andando como poidas; eu vou hacia Roma. A ver se nos xuntamos un día.
Bueno, marcharon e resulta que o que decía que iba hacia Roma foi e encontrou dous que estaban discutindo; taban discutindo e dixo:
- ¿E que vos pasa?
- É que tamos facendo unhas partillas e non nos damos amañado pás partillas.
E dixo:
- Ai, ho, as partillas fanse ben. As partillas se non se pode iguala-los capitales, sortéase e xa vai. Que, ¿que teis?
Tiñan un fardelo que todas cantas veces metías a mao, salía chea de monedas. E tiñan unha manta, era a manta do pensamento, e, Manta en tal sitio e xa estaban alí.
Entonces díxolles:
- Bueno, ho, pois eso é bon de arreglar -dice-. Eu vouvos poñer unha cousa, e senón outra, ou sortealo, ou o que sea, pero o mellor é non .... ¿Vosoutros podeis correr os dous?
- Podemos.
- Pois mira aquel árbol que hai alí; ides e tocais no árbol, e volveis pa aquí. O primeiro que veña leva a bolsa, que é a que quereis vosoutros, ¿non?
- Si.
- I o segundo leva a manta; e xa está.
Bueno, aceptaron e botan a correr. Vaise o outro, colle a bolsa e ponse na manta i:
- ¡Manta en Roma!
E quedaron a partes iguales.
Bueno, resulta que o outro foi, chegou a Roma e, claro, como levaba a bolsa, pideulle permiso ó Papa pa fabricar unha, unha capilla, que era un ermitaño e que sei eu. E fabricou unha capilla alí, e vivía alí o ermitaño. E daquela, naquel tempo, tiña que ser ben antiguo, pa elegi-lo Papa soltaban unha paloma; onde se apousaba, no que se apousaba era elegido Papa en Roma.
E resulta que taba, tuvo alí de ermitaño e que sei eu, e todos os días cuando iban pobres levábaos sempre pa alí, levábaos sempre durmir con eles e facíalle contar a súa historia. E xa por alí cantos pobres iban mandábanos pa onde o ermitaño.
Pero resulta que nestes medios morreu o Papa. E, claro, xuntáronse os que tiñan costumbre de xuntarse; eu que sei, xuntaríase Italia enteira, e soltaron a paloma. A paloma anduvo volando pero non, non se pousou en ningún sitio. Dixeron:
- E pois hai que traer un de fóra que, que tamos todos en pecado mortal, non.
E dixo un:
- Pero; e falta o ermitaño. Avisai o ermitaño que non veu, non se avisou. Hai que avisalo.
Foron avisalo e en canto chegou ven a paloma e ¡ala! [cagoulle encima]; debía traer algo pa comer ou algo.
Bueno, despois xa, xa foi Papa. E despois facía de Papa e máis sacaba a ermita igual; seguía igual levando os pobres e, e facíalles conta-la súa historia. E resulta que un día tamén fízolle, veulle conta-la historia e resulta que saliulle o irmao, todo o que pasara, e dixo:
- E que eu había ser Rei en España e el Padre Santo en Roma pero, polo que vexo, nin el é Padre Santo en Roma nin eu hei ser Rei en España.
E díxolle:
- Si, home, eu son Padre Santo en Roma, eu son o Padre Santo e tu, se fas o que eu che mande, tamén has ser Rei en España.
- ¡Ai, home, Rei en España pedindo unha limosna!
Dice:
- Xa te quitarei eu da limosna. -E díxolle- Bueno, mira, eu teño esta bolsa que todas cantas veces meta-la mao sale chea de monedas, así que pódese gasta-lo que se queira. Tu léva-la bolsa e vaste pa España e compras un terreno alí, canto máis cerca do palacio mellor, e fas un palacio mairande co do Rei, e mellor. Xuntas os albañiles todos que encontres por alí a traballar; págalles todos os días. Que non che fai falta despois conquista-la princesa; ha vir ela conquistarte a ti. Xa virá ela chamarche a atención. Tu dícelle que El que tiene y puede hace lo que quiere aunque el Rey no quiera. Non lle digas outra cousa. Non lle digas da bolsa senón, se lle dices da bolsa, quítancha, eh. Bueno -dice-, e despois salís xuntos e eso, e conquista-la princesa e cásaste con ela; e xa es Rei en España.
Bueno, o outro marchou. Comprou alí un terreno; empezou a fabricar o seu chalé. Logo vén a princesa:
- Pero, ¿cómo haces eso? ¿cómo?
Dice:
- El que tiene y quiere hace lo que quiere aunque el Rey no quiera.
- Ya lo sé, hombre, ya lo sé, pero eso no, mi padre no puede hacer eso, no tiene dinero para hacer eso. Mi padre no hace eso.
Bueno, el non lle contestaba outra cousa. Bueno, logo empeza ela:
- Si quieres damos por ahí una vuelta, damos por ahí un paseo.
E iban e taban por alí cos obreiros e tal; e despois iban dar o paseo, e que sei eu. Pero as amistades son o demo. Logo empezou a coller confianza del e que sei eu; e díxolle que tiña a bolsa.
Bueno, e despois saliron e tal pero ela un día botoulle na bolsa e desque lle botou na bolsa non volveu a salir con el.
Bueno, despois o outro xa quedou sin bolsa e parou a obra, e parou todo. Dixo:
- Bueno, ahora non fixen o que me mandou meu irmao e ¿ahora que hei facer?, ¿Ahora pa volver, pa volver pa onda el e tal?
Volveu a andar pedindo por alí e que sei eu pero esa vida era mala; e dixo:
- E vou pa onda meu irmao, que me teña alí coma un obreiro cos outros, que me pague un sueldo coma os outros e ¡ala!
Volveu e contoulle o caso. E dice:
- No, xa non vas ser Rei en España porque es algo burro; se fora eu xa taba Rei -dixo-. Es algo burro. E aínda teño con que facerte Rei en España pero non has. Non has facer que es mui burro.
- Se tuveras outra cousa. Non me volve a engañar; non me volve, e tal.
Bueno, díxolle da manta; dixo:
- Levas esta manta -a manta era mui guapa-. E levas outras mantas, que vamos compralas aí, e vaste pa España, e vas por diante do palacio: Mantas finas de Valencia. Ela, como ten cartos, pois ha salir e o primeiro que ha elegir ha se-la manta esta. E tu non lle pidas por ela porque ben sabes que ten a bolsa; dáche o que lle pidas. Dille que non, que aquela manta que non lla vendes, que lla regalas pero primeiro que ten que ir por alí e durmi-la siesta na manta; e que ten que trae-la bolsa. E entonces ela non ha querer pero como ha quere-la manta, e ó que se poña na manta dices: Manta en Roma, e vides pa aquí e cásovos. E xa está.
Bueno o outro foi e a outra non quería e tal. Quería comprarlla. Pero así e todo conseguiu, que a manta queríaa, e trae-la bolsa e puñéronse na manta, po o outro en vez de decir: Manta en Roma, dixo: Manta na Pena Roma e presentáronse no bico dunha pena que non había por onde baixar, non había...
- Bueno -empezou ela-, ¿pero cómo me ha traído pa aquí?; ¿Como...? ¿Ahora por onde hamos baixar?
Anduveron todo; non había por onde baixar nin había nada. Bueno, taban os dous alí i el tampouco non... Bueno, resulta que el tamén, ela conseguiu que lle dixo o mérito que tiña a manta.
Bueno, deitáronse alí e tuveron alí, puxéronse a dormir e, cando o outro taba durmindo, foille quitando a manta e dixo: Manta no palacio e o outro quedou no pico da pena.
Bueno, despois taba no pico da pena, claro, e tuvo que andar ó redor e tuvo que mirar; así e todo conseguiu baixar da pena.
Bueno, marchou pa onda o irmao outra vez e cando chegou onda o irmao xa, cando o viu chegar xa... Bueno, contoulle outra vez o que lle pasara e tal; que se engañara, que dixera: Manta na Pena Roma e... Dice:
- Bueno, pois ahora acabouse; non hai máis manta nin máis bolsa -dice-. E como non fas o que che mando, non fas o que che mando, non, non podes ser Rei en España -dice-. E ahora xa non tes máis cousas. Ahora non teño máis cousas pero aínda sei artes para que foras Rei en España. Inda, inda se son eu, inda recuperaba a manta e a bolsa, pero tu non has facelo, tu non has facelo porque es mui burro, eh.
Dixo:
- Se tes outra cousa, ou tal.
Bueno, deulle un cestado de figos. Dice:
- Estes figos, todos cantos coman os figos, cada figo que coman halle salir unha figueira na cabeza. E tu vas con estes figos por alí que non é tempo de figos nin nada. E vas por alí vendendo figos e berrando: "Higos frescos, higos frescos". Ha salir namais que por ve-los figos, claro; e os figos pintaban mui ben -dice-. E hachos comprar, que cartos ten, que máis dá. E véndesllos; e han comelos. E despois tu vende-los figos e veste pa aquí; xa che direi eu o que tes que facer.
Bueno, foi e empezou:
- ¡Higos frescos! ¡Higos frescos!
Sale ela, viu o cestado de figos e tal e comproulle o cestado de figos. E levounos pó palacio e [el] marchou pa onde o irmao. Dixo:
- ¿Vendiche os figos?
- Comproumos todos ela.
- Home, xa; cartos ten. Pois os figos son bos, os figos saben mui ben -dixo-. Agora tes que ir, tes que ir quitarlle-las figueiras -dice-, porque ahora han de andar nos médicos e han de... Pero non hai médico que o cure, namais que un ungüento que teño eu aquí -dixo-. Pero teñen que pasar unhos días, hai que lles deixar pasar tempo a que se consulten por alí.
Bueno, e anduveron por alí tódolos médicos e eso pero non había... Xa o sabía toda a nación: a familia real ten unha figueria na cabeza, unha enfermedá que nunca se viu.
- Pois -díxolle-, bueno, ahora vas -e deulle un ungüento deses de botellín-, non tes máis que coller un algodón e frotar, e xa marchan as figueiras, xa non hai figueiras -dice-. E vas por alí e vas alí ó jardín, e empezas alí, a coller alí unhas herbas pa chamarlles a atención e dices que tu que tes o estudio de médico. Ha vir ela tamén e:
- Eu non che dixen nada pero eu teño un estudio de que son médico e oín que, que tiñais aí unha enfermedá que non, que non daba curado ou eso; que é incurable.
E vai, chamárono po palacio; todos cas figueiras.
- E váillelo quitando a todos menos a ela. A ela non llo quites. E dices que a ela non llo quitas senón que traiga a bolsa e a manta -dices-. E na manta quítochos e senón quedas con eles.
Bueno, ela non quería, ela dáballe o que quixera, de cartos, pero a bolsa e a manta non quería.
- Bueno, pois entonces quédaste con eles.
E iba marchar po ca figueira non quería quedar tampouco. Así e todo, trouxo a bolsa e púxose na manta. E daquela adiviñou; fai ¡Manta en Roma! e xúntase onda o irmao. E casounos e quedou Rei en España.


Recompiladores: Equipo Chaira (Mª Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba, Mercedes Salvador e Antonio Reigosa)
Informante: Angel Rivas Veiga.
Lugar e data de recollida: Eirexúa, Xudán, A Pontenova (Lugo). Ano 1996.
Proxecto: Transcrición extraída do “Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances”. Campaña 1996-1997.
Ilustracións de Teresa Novoa para "Contos marabillosos, I", Xerais, Vigo, 1998.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: