Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Contos da tradición oral de Galicia

O raposo e o lobo [AT-15: The Theft of Food by Playing Godfather]

Estaban cavando nunha roza o raposo e mailo lobo, e o raposo, como era tan astuto, roubou unha ola de mel. E tíñana pra almorzar. E díxolle [o raposo]:
—Mira, temos este almorzo.
—Bueno, pois está ben.
Pero chegou a hora de almorzar e dixo o raposo:
—Eu tou invitado a ir a un bautizo.
—Pois vai.
—Si, pero tu é mellor que te deites un pouco mentres tanto.
—Bueno.
Vaise o raposo, foi comer un cacho de mel á ola e o lobo durmindo. De alí a un pedazo o raposo:
—Tiña que ir eu a outro bautizo.
Casi o comeu todo. E veu. Cando chegou díxolle o lobo:
—¿E como lle puñeche?
—Empezo, ho; un nombre moi guapo.
Entonces de alí a un pouco dixo:
—Pois ahora vou cavar.
—Pois vai.
—Pois eu teño que volver facer outro bautizo.
—Ai, ho, non tardes moito, que cavo eu todo solo.
—Bueno, pois logo veño.
Marchou. Volveu e díxolle:
—¿Como lle puñeches?.
—Púxenlle Mediado.
Bueno, seguiron outras vías e díxolle o raposo:
—Pero, téñoche que volver a facer outro.
—Bueno, home, bueno. ¡Teño que cava-la roza solo!
—Logo veño.
—Vaite logo.
E veu e dixo o lobo:
—¿Como lle puñeche, ho?
—Púxenlle Rematado.
Bueno, conque chegou e dixo o raposo:
—Bueno, pois ahora o que nos é mellor é ir comere.
—Pois vamos logo comer.
—Chegaron alí e díxolle o raposo:
—¡Ai, e tu comiche o mel mentres que eu fun face-los bautizos!
—¡Ai, eu ó mel non lle topei!
—¡Ai, pois fuche tu, porque aquí outra alma non veu! ¡ Mentres que fun face-los bautizos, tu comiche o mel!
—¡Eu non comín o mel! ¡Houbeche ser tu!
—¡Eu non!
—Pois mira, vámosche facer unha apuesta: vamos durmir co cu arriba; o que lle sude o cu, comeu o mel.
Vaise e o raposo en vez de durmir tivo á espectativa e o lobo púxose a durmir, roncaba coma un toliño. E en seguida vaise e méxalle polo cu. De alí a un pouco vaise o raposo:
—¡Oi, ho, levántate! ¡Logo, comiche o mel, eh! ¡Mira como che suda o cu!


Recompiladores: Equipo Chaira (Mª Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba, Mercedes Salvador e Antonio Reigosa)
Informante: Francisco Pérez (70 anos) e Elvira Portela (63 anos).
Lugar e data de recollida: O Carballo, Abeledo. Novembro de 1992.
Proxecto: Transcrición extraída do “Inventario de lendas, contos e outras manifestacións da literatura oral do concello de Abadín”. Campaña 1992-1993.

__________


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: