Actualizado en data 18/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Valverde e a Santa de Moldes

Hai moito, moito tempo, existía na parroquia de Olveira, concello de Ribeira (A Coruña), unha importante vila costeira chamada Valverde, habitual lugar de grandes comerciantes, áxiles mariñeiros e astutos negociantes. Alí chegaban mercar e vender xentes das máis lonxanas paraxes.
A industria pesqueira e mailo comercio eran bases sólidas e fortes que non facían máis que afianzar o carácter competitivo, orgulloso e individualista dos dirixentes da propia vila.
A riqueza e a fartura albergaban toda a vida da comunidade. Non había lugar para nada máis.
A pesar disto, as súas xentes amosábanse ledas, distendidas e amables. De feito, considerábanse pertencentes a unha vila privilexiada, xa que por unha banda o mar concedíalles peixe en abundancia e pola outra as negras terras eran moi ricas en fósforo e nitróxeno favorecendo as sementeiras de legumes e cereais.
Sen embargo, a medida que os días, meses e anos foron pasando, o afán dos habitantes por adquirir e posuír riquezas ía aumentando irremediablemente. Había disputas serias. Só se buscaba o propio beneficio. Cantas máis riquezas posuían, máis querían.
A propiedade das terras era o problema esencial. Uns protestaban porque as súas terras xa non producían como as do veciño; outros marcaban os lindes das propiedades de forma ilegal, invadindo e collendo un cacho de terra ao do lado; había moitos que pola noite ían roubar a colleita do veciño para vendela ao día seguinte na feira; algúns incluso chegaron a inundar as terras doutra persoa por pura envexa.
A riqueza e maila cobiza estaban a estragar a saúde da poboación, pero aínda así os seus dirixentes nin caso facían.
Paulatinamente os conflictos internos entre veciños ían dando paso a monumentais disputas sociais que requiriron a intervención directa do alcalde pedáneo.
Este era unha persoa ruín, sinónimo do que en verdade estaba a acontecer coas súas xentes, e en lugar de curar ao seu pobo das ansias de poder, non fixo máis que castigar aos culpables, que en realidade eran todos, impoñéndolles altísimas rendas co fin de agrandar aínda máis as súas arcas.
A situación na vila de Valverde era insoportabel. A agricultura case deixou de existir polo que o comercio desapareceu por completo; tódalas posesións estaban nas mans do alcalde tirano.
Certo día apareceu na vila unha muller cun meniño no colo. Levaba un manto branco cubrindo os seus lindos e escuros cabelos. Logo de percorrer triste e conmocionada cada curruncho da vila, presentouse na casa do alcalde. Este recibiuna cun semblante de certa intranquilidade e desacougo.
—¿Quen es ti? —dixo con certo aire de grandeza.
—Son María, e veño a anunciarlle que unha terrible maldición está a piques de envolver ao seu pobo. A cobiza e as ansias de riqueza están a acabar con el, e se vostede non fai nada, será o primeiro en coñecer a ira de Deus.
—Non me fagas rir, e marcha por onde viñeches, ¡Desvergoñada!.
Dunha batida pechoulle a porta diante dos fociños. María mirou desconsolada cara o ceo e derramou unha fermosa bágoa que caeu silandeira na impoluta fronte do seu precioso retoño.
Resignada, emprendeu camiño arriba, polas pistas de terra morna do monte da Curota tentándose alonxar o máis rápido posible da inmediata traxedia.
Camiño da Curota, María atopouse cun labrego, que estaba a rozar na herba coa súa gadaña. Este preguntoulle un tanto interesado:
—Boa dona, ¿onde vai tan de contado?
—Fuxo da fatalidade —respondeu ela concisa e sen sobresaltos.
—¿U-la fatalidade?
—Póñase a cuberto que velaquí a ben!
Entón o vento comezou a bruar e unha tormenta infernal recolleu toda a terra dos camiños, toda a area das praias, todas as árbores das fragas, e nunha enorme espiral dirixiuse violentamente cara a vila de Valverde que quedaría, en poucos minutos, totalmente sepultada.
Cando o furacán amainou, o labrego incorporouse asustado, ergueu a vista, e dende onde el estaba puido divisar o pobo de Valverde asolagado e enterrado baixo montes de area e lama.
O labrego viu entón como a muller continuaba andando como se ningún mal acontecese.
—¡Hei, ho!, ¿Como sabía o que ía suceder, señora? —dixo o labrego.
Ela non respondeu.
—¡Escoite! ¡Mire como quedou a vila de Valverde! —porfiou o vello.
—¡Eu, non quero ver tal! —dixo María dando as costas ao que acababa de suceder.
Nese intre, María e mailo seu neno permaneceron inmóbiles, igual ca un molde, e alí están, na capeliña do cruceiro de Moldes, ao pé da estrada da Curota e da Pobra, coma se un raio divino as tocase, ata o día de hoxe, onde é especialmente venerada polos devotos da Pobra do Caramiñal e de Palmeira. Chámanlle a Santa de Moldes ou a Nosa Señora de Belén, e fanlle festa o segundo domingo de maio.
A vila de Valverde dise que está aínda soterrada baixo un descomunal monte de area que actualmente ocupan as dunas de Corrubedo. Seguramente aínda hoxe poderíamos atopar algún vestixio da súa incomparábel riqueza de entón.
O pobo que media entre a ladeira do monte da Curota, é dicir, o lugar onde xace de costas a Santa de Moldes, e a vila de Valverde (as dunas), chámase Bretal (Ver tal), en clara alusión ás derradeiras palabras de piedade e misericordia da Virxe.

[Recreación da lenda por Duarte Fernández Vidal, de Santiago de Compostela (A Coruña) en febreiro de 2006]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: