Actualizado en data 15/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

DICIONARIO

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Lobo da Xente

«Mozo ou moza que por maldición paterna ou materna se converte en lobo. Tamén os hai por fada, que soe durar sete anos.
En ocasións andan en grupos de tres, e se hai unha muller probablemente sexa a xefa. Non comen gando, só xente, e sobre todo ós propios familiares, coma curmáns ou noivos. Non os comen, trónzanos. Os animais non se asustan deles, que pasan como se nada entre os rabaños. Se son feridos (cousa que só pode ser dunha pedrada ou con arma punzante), non morren, acábaselles a fada e volven ser persoas normais.
Nos montes de Invernadeiro, no val de Conso, unha rapaza tiña rifas coa súa mai e nunha ocasión chegou a pegarlle. A mai botoulle unha maldición: «Deus permita que te convertas en loba.» Desde entón causou moitas mortes. Saíron cuadrillas para cazala e nin a rozaban as balas. Co tempo, aquel fero animal desapareceu e entenderon que lle rematara a fada, que volvera ser unha persoa como as demais.
Outra moza de Trives tiña fame e pedíalle á mai carne. Tanto insistir anoxouna e un día díxolle: «Aínda te volvas loba para que nunca te fartes.» (É evidente a relación desta fórmula coa crenza de que o lobo nunca se ve farto, sexa de carne, de herba ou de terra).
Un día desapareceu da casa e o seu corpo cubriuse coa pel dunha loba. Pasou moito tempo facendo danos, comendo nenos e maiores. Pero un día quixo entrar nun sequeiro no que estaba un mozo ó coidado dunhas castañas. Empurrou a porta ata que entrou. O mozo agatuñou ata o alto do canizo e agachouse alí, asustado. Pronto viu sorprendido como aquel fero lobo se desprendía da pel e de debaixo saía unha fermosa moza. Non quixo perder a ocasión. Cunha longa vara que tiña a man empurrou a pel ata o lume. A moza quixo collela mais era tarde, a pel ardía xa. E ó rematar de arder, a moza recobrou o senso humán, contoulle o que lle pasara e seica acabaron casando.
Coñécense moitos outros casos de lobos da xente en Galicia e ata andan en romances e cantares de cego. O lobo da xente é un lobishome especial, moi próximo aínda ó versipelles dos romanos».

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: