Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A lagoa de Cospeito

No lugar no que hoxe se atopa a lagoa de Cospeito, existiu nun tempo unha vila que chamaban Valverde. Disque a esta vila chegou un día un mendigo pedindo pousada, pero todas as portas se ían pechando ao seu paso. Ata que, xa ás aforas do lugar, foi acollido nunha casiña humilde, onde lle deron abrigo. O mendigo pediu que polo amor de Deus lle desen tamén algo de comer, pero os veciños só tiñan unha becerra no cortello, a súa única forma de manutención. Así e todo, decidiron sacrificala para darlle comida a aquel pobre home.
Logo de cear, o visitante díxolles aos da casa que antes de se deitar, botasen os ósos pequenos da becerra no cortello pequeno, e os grandes no cortello grande; malia que non entendían a razón decidiron facelo así e foron durmir.
Ao día seguinte, ao mencer, o mendigo despertou a berros aos da casa pedíndolles leite para o almorzo. Os veciños pensaban que toleara e lembráronlle que o único animal que tiñan o mataran a noite anterior para darlle algo de cear. Pero o mendigo respondeulles: «¡Claro que tedes vacas que munxir! E iso é tan certo como que a vila de Valverde fica asolagada». Asombrados, os donos da casa foron aos cortellos e atoparon no pequeno varias becerras e no grande varias vacas. Logo miraron fóra e viron que a vila de Valverde fora, efectivamente, asolagada. Hoxe é a lagoa de Cospeito.
Hai quen di que aquel mendigo non era outro que Xesús Cristo, que andaba a comprobar a xenerosidade dos homes. E hai quen di que nas noites de San Xoán pódense escoitar preto da lagoa as badaladas da igrexa de Valverde. e ata hai quen asegura ter visto en épocas de sequía os tellados da vella vila de Valverde.

[Texto remitido polo escritor Manrique FERNÁNDEZ, natural de Cospeito (Lugo) e residente en Ponteareas (Pontevedra)]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

é bastante interesante esta lenda de cospeito e creo que a xente deberia crer no que non ve

Enviado por marique FERNÄNDEZ o 11/02/2008 ás 17:37:53


Hai unha lenda moi parecida preto de Viveiro.Pasou na vila que se chamaba de Estabañón e agora chámase Area

Enviado por Berta López o 15/10/2009 ás 21:01:37


Enviar comentario a este artigo: