Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Calendario

CATEGORÍAS RELACIONADAS

nº 07 (2011).-BLANCO PRADO, José Manuel: Achegas históricas ao Entroido na Ribeira de Chantada

©José Manuel Blanco Prado © Revista electrónica de investigación Galicia Encantada (http://www.galiciaencantada.com) / ISSN 1887-2859. nº 7, ano 2011. ( Publicado en “Lucensia”, nº 39, Lugo, 2009 _________ 1.-O CICLO DO ENTROIDO NA PROVINCIA DE LUGO. O entroido é unha expresión latina, que siñifica no ámbito cristián “adeus á carne”, xa que se refire aos derradeiros días nos que se podía comer carne antes de que chegase a Coaresma. Así o manifesta a seguinte cantiga: // “Adiós, martes de Antroido / adiós, meu amiguiño / hasta el Domingo de Pascua / non comerei máis touciño”//. Trátase –segundo Mariño Ferro – “de una fiesta de libertad, de licencia, de inversión de valores y de parodia”. Caro Baroja fálanos dela “como una fiesta de paso de año concebida desde una sociedad urbana pero aún lo bastante allegada a la agricultura y al pastoreo como para que subsista en ella un hondo sentido de la vinculación con los ritmos vitales de la planta cultivada y el animal doméstico”. Na provincia de Lugo, o ciclo do Entroido proposto polo etnógrafo ourensán Vicente Risco, quedaría reflectido do seguinte xeito: 1. O “Domingo Fareleiro”. Por ex. (Fión (Saviñao). Ata hai seis anos “A resurrección do Entroido”- 2. O “Xoves de Compadres”. Concellos da Terra de Lemos (Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra de Brollón, o Saviñao...). O máis importante Monforte de Lemos. 3. O “Domingo Corredoiro”. Por ex. “ Ribeira de Chantada” (Nogueira, Santiago de Arriba...). 4. O “Xoves de Comadres”. Concellos da Terra de Lemos. O máis importante Monforte de Lemos. 5. O “Domingo, Lúns e Martes do Entroido”. En moitas parroquias e pobos da provincia de Lugo celébranse bailes e concursos de disfraces. De tódolos xeitos compre distinguirmos: 5.1. Lúns do Entroido. “O oso de Salcedo” (A Pobra de Brollón). 5.2. Martes do Entroido. Ata hai seis anos “ O enterro do Entroido” en Vilauxe (Chantada). O entroido de Tirimol (Lugo). O sermón e o xuizo ao Entroido no Val do Franco (Castro de Rei). 6. O Mércores de Cinza. Enterros da sardiña na cidade de Lugo e nos pobos de Burela, Monforte de Lemos, Sarria, Vilalba, Viveiro ... 7. O Domingo de Piñata. A queima do Entroido en Ribadeo. 2.- O RITO E FESTA DO ENTROIDO NA RIBEIRA CHANTADINA. As ribeiras do Miño de Chantada agrupan a unha serie de parroquias: A Sariña, Camporramiro, Líncora, Nogueira, Santiago de Arriba e Vilaúxe, que celebraron o Entroido ata ben entrada a segunda metade do século vinte. No ano 1987 celebrouse o Entroido nas parroquias de Líncora e Santiago de Arriba. Do 1991 ó 1993 foi Vilaúxe quen celebrou a festa, tomando o listón Nogueira de Miño nos anos 1994-95, logo de doce anos sin celebración. No ano 1998, Vilaúxe comezou de novo coa festa ata o 2003. Mentres tanto naceu, co impulso do concello, a Asociación do Entroido Ribeirao no ano 2000, que agrupa as parroquias de Nogueira de Miño e Santiago de Arriba, e ten como finalidade conservar esta antiga tradición. Nesta ribeira o Entroido tivo os seus comezos en Santiago de Arriba nun tempo, xa perdido para os portavoces da tradición oral. Os días de celebración eran non só aqueles considerados grandes do Entroido – domingo, luns e martes- senón tamén os dous domingos anteriores, chamados “lambedoiro” e “corredoiro” polas súas implicacións gastronómicas e brincadeiras, respectivamente . Vicente Risco engadiu ademais outros días o Entroido galego: o xoves de compadres e comadres, así como o mércores de cinsa, que ían ter unha proiección importante nas Terras de Lemos e o Saviñao, e nas localidades de Lugo, Burela, Monforte, Vilalba, Viveiro... Asemesmo este pensador manifesta – ó igoal que Caro Baroja- que o Entroido actual está vinculado co cristianismo xa que esta festa non sería posible no modo en que se leva a cabo desde a Idade Media se non houbese a Coresma ( Caro Baroja, 1979, páx. 26. Vicente Risco, 1962, páx. 614). Nestas datas saen en Santiago de Arriba e noutros pobos da ribeira chantadina as seguintes máscaras: os volantes, os peliqueiros ou maragatos, os mecos, as corazas,e outras de índole xeral: representacións de “travestidos”, cregos etc. Os volantes levan unha camisa branca por riba da cal poñían antano panos marinos, cambiados hoxe por panos grandes de muller. Na cintura levan dous cintos dos que penden dúas ducias de campaíñas, usadas polo gando vacún; as campaíñas producen sons diferentes, de aí que haxa que distinguir dous tipos: os machos, que producen un son grave, e as femias, agudo. Visten un pantalón que mostra faixas alternas de cores, vermellas e amarelas e na actualidade brancas e azuis. Por riba da cabeza levan unha estructura de madeira – o pucho- , hoxe de arume e vimbio, cuberta de colonias e flores dun cromatismo variado. As fitas colgan polo lombo e por diante ata arrastrar case polo chan. No remate do pucho poñense dúas monecas de xoguete e dous penachos, aínda que algúns podían levar catro (Federico Cocho, 1990, páxs. 100-101 e José Fdez. Fdez., informante de Santiago de Arriba, 69 anos). Ademais levan unha careta, realizada en papel de periódico e unha pasta de auga mesturada con fariña, ou a cara tinguida de negro, que é o máis normal, xa que coa careta respirábase con bastante dificultad. Portan na man un caxato que ás veces vai ornamentado con fitas de diferentes cores. Os volantes, representados sempre polo sexo masculino – agás nos últimos anos- van brincando e movéndose de tal xeito que as colonias voan polo aire, mentres que das campaíñas xorde un constante e rítmico son. ( Xose M. Vázquez Rodríguez, 1995, páx. 250). Hai a tradición de que un bo volante non debe deixar tocar no chan as fitas ou colonias dun cromatismo variado. Para escenificar este rol era mester ter unhas caracteristicas físicas axeitadas, xa que desde a mañá ata a noite estábase en continua danza e ademais a estructura do “pucho” viña pesando aproximadamente uns trinta kgs. No ano 2005 representaron o rol de volantes na parroquia de Santiago de Arriba seis pequenos –dúas nenas- sen o pucho e tres adultos con él, pertencentes as comunidades de Chantada, Nogueira e Santiago de Arriba. Estas máscaras, acompañadas dos peliqueiros e gaiteiros da parroquia [1] ] foron buscar ao lugar de Arriba aos mecos que tiñan como misión representar, no campo da escola vella, diferentes oficios. Estes son escenificacións satíricas sobre determinadas ocupacións e comportamentos sociais. As máscaras con campaíñas ó cinto usábanse nalgunhas localidades de Asturias, Cantabria, León, Navarra. Tamén en Alemania, Grecia, no Paris medieval... de tal xeito que podemos consideralas como un elemento común e moi antigo do carnaval europeo (X. M. González Reboredo, 1997, páx. 48). As seguintes máscaras en importancia son as dos peliqueiros ou maragatos, que visten roupas vellas e o seu nome venlle dado das pelicas de cordeiro ou ovella, que levan por riba da vestimenta. Como máscara, poñen unha careta grotesca, e ás veces unha choca ou campá pendurada do cinto. No ano 2005 sairon catro peliqueiros, aínda que o normal era que o fixeran dous. A súa misión principal era protexer ós mecos, que ían representar diferentes oficios, de todas aquelas persoas que tentaban desfacelos. Hai anos tanto os volantes coma os peliqueiros adicaban as mañás destes días de festa a percorrer tódalas casas da parroquia para pedir viño que, previamente probado, introducían nuns pelexos de cabra, que logo levaban ó campo da festa para que tódolos asistentes –moitos doutras parroquias e de concellos limítrofes, como Carballedo- poidesen degustalo. Na actualidade, hai veciños que aportan garrafas de viño ou pequenas barricas, que os ramistas da festa poñen no campo da antigua escola parroquial, para que todas as persoas asistentes os oficios – no ano 2005 unhas cento cincuenta- poidan probalo xunto con algúns productos do Entroido, como filloas, orellas, empanadas etc. É mester citar a Manuel Fernández que sempre ten preparada a súa adega para celebrar este evento. Os mecos, vestidos con roupas vellas, son os encargados de parodiar, sen diálogo, diferentes eventos sociais e profesións. Noutrora os oficios tiñan como base a representación de diferentes tarefas agrícolas, ligadas co liño, sega, malla etc. Logo foise pasando paseniño a unha escenificación burlesca de tarefas e comportamentos cotiás non necesariamente vencellados ó agro. Así no ano 2004 houbo, en Santiago de Arriba, os seguintes oficios: traballadores buscando unha explotación mineira, o barbeiro, boda accidentada que rematou en parto. En Nogueira, bautizo da carnavaleira, os Tonechos atacan en Nogueira...Noutras comunidades da ribeira, como Vilaúxe, parodiaronse nestes últimos anos –1998 ó 2003- algúns acontecementos sociais e profesións: a serie de televisión, Benito e compañía, a cota da leite, os peluqueiros, o ordeño dunha vaca tola etc. Ao conxunto dos mecos dábaselle o nome de mecallada. As corozas eran máscaras feitas de palla –facíanas moi ben en Camba (Pontevedra)- que tentaban divertir ó publico asistente ben mollandoo con auga limpia procedente dunha máquina de sulfatar, ben botándolle fariña coa man ou cun fuelle etc. Trátase dunha máscara case esquencida, aínda que no ano dous mil catro saiu unha en Santiago de Arriba. Hai uns corenta anos – década dos sesenta do século pasado- o Entroido de Santiago de Arriba, ó igoal que ó doutras parroquias da Ribeira, foi prohibido polas institucións gubernamentais do momento. Isto motivou o pago de diversas multas e a apropiación de vestidos e campaiñas –caso de Santiago de Arriba- que permaneceron no xulgado durante varios anos. Estas prohibicións tiveron maior forza durante o franquismo, ó unirse o poder civil e o eclesiástico. ( Xose M. Vázquez Rodríguez, 1995, páx. 252). Con respecto á representación do Entroido, en Santiago de Arriba amósase un boneco que, enriba dun burro, vai presidindo a comitiva do Entroido por toda a parroquia ata chegar ó campo da festa, onde a representación queda un pouco ó marxe, mentres se levan a cabo os oficios. Pola contra en Vilauxe, o domingo lambedoiro celebrábase a “resurrección do Entroido”, representado por un meco da parroquia, que permanecía no interior dun ataúde durante certo tempo, ata que os restantes mecos conseguían resucitalo logo de constantes lamentos e prantos. O martes de carnaval remataban os actos co “enterro do entroido”, simbolizado de novo por un meco que se introducía nun ataúde e tiña que escoitar durante certo tempo prantos, lamentos e salmos inintelixibles por parte dos outros mecos que o estaban despedindo. A representación do Entroido, por medio dun home, era algo usual en toda Europa ata o século XIX, en que foi sustituída paseniño por bonecos, para evitar posibles danos físicos á antiga representación ( X.M. González Reboredo e X.R. Mariño Ferro, 1987, páx. 68). As máscaras son un símbolo das inversións da orde, dos valores e constitúen, dalgún xeito, unha representación do home como animal fronte ó home nun ámbito social. En suma é patente o enfrontamento entre natureza e cultura. Os días de festa son considerados como un tempo de lecer e de liberdade suma, aínda que ésta só quede reflectida nas suas aparencias externas, xa que a inversión dos valores e a escenificación de diferentes comportamentos, eventos e profesións sociais teñen como finalidade fortalecer as institucións de poder. Asemesmo o Entroido tamén serve para acrecenta.lo sentimento de pertenza á unha unidade social, neste caso á parroquia, xa que cada unha delas ten o seu peculiar xeito de celebra-la festa: vestirse de volantes; intervir, como mecos, nos oficios etc. Este sentimento tan arraigado da identidade nestas comunidades da Ribeira chantadina pode posibilitar unha proiección supra-parroquial na procura dos elementos comúns desta práctica festiva en detrimento dos particulares Finalmente a riqueza e diversidade cromática dalgunhas máscaras, como os volantes, así como o rítmico sonido das dúas ducias de campaíñas, que levan nos seus cintos, esperta vivencias, sentimentos, e move ós veciños a tomar parte no evento. BIBLIOGRAFÍA CARO BAROJA, J.: El Carnaval, Madrid: Taurus, 1983. COCHO, Federico.: O Carnaval en Galicia, 2ª ed, Vigo: Xerais, 1992. GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. e MARIÑO FERRO, X.R.: Entroido en Galicia. A Coruña: Deputación, 1985. GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: Guía de festas populares de Galicia, Vigo: Galaxia, 1997. MARIÑO FERRO, X.R.: O Entroido ou os praceres da carne, 2ª ed., Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 2003. RISCO, Vicente.: “Etnografía: Cultura espiritual”, en Historia de Galicia. T. I, Madrid, Akal, 1979, pp. 225-763. VÁZQUEZ RODRÍGUEZ, Xosé Manuel. “ O entroido nas ribeiras de Chantada. A persistencia da festa”, en Boletín do Museo Provincial de Lugo. T. VII. Vol. 2, 1995, pp. 249-258. NOTAS _______________________________________ [1] Un grupo de gaiteiros de Chantada amenizan a festa cos sons dunha melodía tradicional. ____ ____ FOTOGRAFÍAS Autoría de José Manuel Blanco Prado, agás as atribuídas as dúas Carme Pernas e Rosa Díez. Listaxe, orde decrecente 01.-Representación dun oficio en Santiago de Arriba 02_Volantes de Santiago de Arriba 03_Máscaras e campaíñas en Vilaúxe 04_A resurrección do Entroido en Vilaúxe 05_Vestindo a algúns volantes de Santiago de Arribas 06_Representación dun oficio en Santiago de Arriba 07_O pucho, as campaíñas e as carautas. Santiago de Arriba 08_Os Volantes percorrendo as terras de labor. Santiago de Arriba. 09_Representación dun oficio en Nogueira (foto de Carme Pernas e Rosa Díez) 10_Elementos do pucho. boneca, penachos, flores e colonias. Santiago de Arriba 11_O peliqueiro. Santiago de Arriba 12_As flores dun pucho en Nogueira (foto de Carme Pernas e Rosa Díez) 13_Representación dun oficio en Santiago de Compostela 14_A despedida do Entroido. Santiago de Arriba


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: